Valse corrido - ranchera. Pandeireteiras da Peruca. Oín


O Lugar da Peruca, Oín - Rois, atópase dividido por unha estrada veciñal que parte a aldea pola metade, pero o que é máis interesante é que cada parte pertence a unha parroquia distinta, a un lado Oín e ao outro Seira. Este feito non supuxo impedimento ningún para unha boa e cordial relación veciñal, pois a xente segue a xuntarse na que no seu día foi a carballeira da feira do 23. Hai moito tempo este lugar era o punto neurálxico onde se desenvolvía gran parte da actividade económica e lúdica da zona. Na actualidade e, aínda que a concentración parcelaría restrinxiu en gran medida a extensión, séguese a manter na carballeira un espazo comunal para os veciños da Peruca do cal están moi orgullosos.

Todo comeza hai case catro anos -acabado de rematar o local social de Rois na Peruca- cando un grupo de mulleres decide ir chamar á Sra. Ramona para que lles ensine a tocar a pandeireta, dado que é a que mellor a tanxe da contorna e recorda como eran os toques. A Sra. Ramona, que é moi decidida, aceptou con tal de que se xuntaran un día por semana e así empezaron a reunirse todos os xoves ás sete e media polo verán e unha hora antes no inverno: “Ás veces hai máis cháchara que pandeireta”. Na loable iniciativa chegaron a ser quince mulleres en torno aos oitenta anos, con moitas ganas de actividade, distraerse e falar das súas cousas; como elas din: “Darlle a sen ghueso” e pasar así un día diferente. Nestes anos unhas lembraron o tocar da pandeireta e outras aprenderon a tocala polas compañeiras, como sucedía antes nas ‘xuntas’ do lugar.

Iniciativas coma esta son obxecto de especial loanza, pois por vontade propia estas mulleres de idade tiveron a ben xuntarse en torno á tradición. Ademais de ter con quen falar das súas cousas, fan exercicio e desenvolven actividade de coordinación moi recomendada para calquera persoa, ao par de darlle vida a un local habilitado polo concello no Lugar da Peruca, onde elas o enchen de vida e calor todos os xoves. Cómpre engadir ademais que cada vez van gañando máis adeptas entre as mulleres pois os homes non se atreven, nin tampouco se esperan. Coma elas din:

“O lughar da Peruca sempre foi un lughar de boas mozas, onde nos viñan rondar de ben lonxe”.
Pandeireteiras da Peruca
Pandeireteiras da Peruca
Valse corrido

Tocar “por adevertirnos”, sen máis motivo que “faser unión” e pasar unha tarde xuntas, son as principais pretensións das nosas transmisoras. Malia existiren grupos de amas de casa con profesoras e sen, nin moito menos as desmerecer, elas teñen o don de levalo dentro, de lembrar as máis delas “o de sempre”, o que aprenderon de rapazas na carballeira da Peruca.

“Aprendemos a bailar e troulear no torreiro do campo da feira, onde nos xuntabamos todos os domingos pola tardiña para faser fuliada. Daquela, con doce anos, deixábannos ir á xunta da carballeira e foi así coma aprendemos das máis vellas do lugar. As mellores xuntas eran as que se facían quinse días antes do Antroido. Coma era inverno facíanse nun pendello, ao abrigo dun cuberto de táboas á lus dun candil de gas ou de carburo, o que durara. Cheghado o martes de Antroido remataban as xuntas, ata que comezaban as fías do liño ou as esfolladas do millo alá polo final do outono. Isto das fuliadas duraría ata os anos cincuenta, cando xa todas empezamos a casar e ter fillos e xa non se volveu faser xunta. Non houbo quen collera o relevo e así foise abandonando todo, pois aos mozos gustáballes ir ás discotecas e non querían saber nada da pandeireta nin da gaita de fol”.

As mozas da Peruca que interviñeron para nós un xoves máis foron: a Sra. Adelina Lamas Naveira; Sras. Emilia e María del Carmen Matías Romero; Sra. Ramona; Sra. María Vázquez Castiñeiras e a Sra. Aurora Otero Bralo. Estas mulleres tiveron a ben atendernos e amosar toda a sabedoría popular que reteñen: foliadas e xuntas; casamentos; regueifas; ir ás leiras plantadas de trigo e centeo para alumear o pan... Vivencias propias das cousas de antes que, inda que experimentadas en tempos difíciles, recordan con moito agarimo.

Graciñas a todas elas por nos achegar momentos das súas vidas e axudarnos a percorrer da man da memoria un anaquiño da historia, tan real e auténtica coma elas.

Para nós foi todo un achado coñecer a día de hoxe, en pleno 2014, unha referencia viva e clara do noso folclore. Unha vez máis son as mulleres as que manteñen viva a tradición e continúan a darnos gratas sorpresas coma esta tan linda que sucedeu na Peruca, metade Oín metade Seira.

Deixámosvos un corte de muiñeira, testemuño vivo e histórico das xuntas na Peruca.