Canto de Nadal. Ramona da Peruca. A Peruca. Oín
Ramona García Rosende naceu na Peruca, parroquia Oín. Aos seus 84 anos recorda perfectamente como aprendeu a tocar a pandeireta, feito curiosamente provocado por sufrir unha doenza na perna:
“Era unha nena de quinse anos cando sufrín raquitismo nunha perna, o que me deu moitas dores fortes da perna á cadeira. O médico mandoume un ano enteiro para a cama e, un ano na cama, dá moito que facer, o tempo non dá pasado, faise eterno. Día tras día de repouso fixo que unha rapasa de quinse anos metida na cama fora visitada pola mocidade e os maiores da redonda, que viñan a verme. Para que se me pasara o tempo facía de todo, recortar e coser vestidos para as monecas... Quen me facía visitas decotío era a señora Dolores Peiteado, unha muller vella e de preto dos oitenta anos quen me trataba de entreter os días longos que pasaban moi amodo. Un xa pode imaxinar, non corrían, xogabamos ás cartas, cantabamos, liamos... Eu que sei... Un día a señora Dolores mandoulles a meus pais que lle mercaran unha pandeireta á rapaza, que a ía ensinar a tocar e así entreter o tempo. Desta maneira aprendín os cantos e a tanxer a pandeireta da man da señora Dolores”.
Non temos dúbida de que a señora Dolores foi unha das grandes pandeireteiras do país e a mostra atopámola na súa pupila -Ramona da Peruca- que toca a pandeireta que a ‘fai falar’ amosando un talento innato á hora de tocar o instrumento.
A pesar dos sucesivos e duros golpes que lle deu a vida presenta un grande humor e moita sensatez. Aquela tráxica enfermidade foi causa das destrezas á pandeireta da nosa protagonista, hoxe motivo de poder gozar dunha das últimas tanxedoras na parroquia de Oín. Ramona ten a calidade de conservar e manter a maneira de tocar propia da zona, herdada da señora Dolores, é dicir, cunha man suxeita a pandeireta fixa e coa outra percute no coiro facendo golpes e riscado.
En canto á tipoloxía de ritmos a nosa transmisora só toca muiñeiras e pateados -nome co que define os ritmos de jota- designación empregada na contorna de Santiago (Amahía, Val do Ulla, Vea, Sar...). Verbo dos ritmos para bailar o agarrado, empregan moito o valse corrido que denominan ‘ranchera’ que con moitas e ricas variantes de melodía, presenta certa complexidade á hora de ser interpretada e executada.
Principalmente con estes tres ritmos facían as xuntas todos os domingos no antigo campo da feira do 23, como indica o nome todos os 23 de cada mes celebrábase unha feira de gando na Peruca de gran sona, lugar que se utilizou tamén como eira comunal de mallar e facer foliada. Hoxe os terreos son propiedade privada de don Ricardo Salada, trala concentración parcelaria.
A Peruca, grazas ás señoras Ramona e María de Matías -as dúas únicas tocadoras das xuntas- gozou de diversión e ‘farra’. Os mozos acudían a mocear, pois neste lugar a maioría eran rapazas e o que faltaban eran mozos, por iso facían as xuntas pola tardiña:
“O mellor de todo é cando nos xuntabamos para ir cantar o aguinaldo polo Nadal. Paseabamos case todo o concello pedindo licenza e recollendo o que nos daban: uns patacóns, chourizos, bolos... Cada quen o que podía! Con todo o que xuntabamos iamos chamar os gaiteiros da Peruca, un cuarteto de dúas gaitas que alegraba a festa e, coma eran do lugar, viñan tocar polo pouco que xuntabamos. Nós dabámoslle o recadado e eles viñan para o campo da feira. Iso si que eran festas ao son da gaita de fol... Que ben tocaba aquel conxunto!”.
O cuarteto fora fundado polo seu líder, o señor Rosendo, xunto con Jesús do Balerio ás gaitas, Eduardo ao tambor e Avelino ao bombo. Estes homes formaron o conxunto de ‘Os gaiteiros da Peruca’ deixando un gran pouso nestas terras. A día de hoxe os maiores continúan solicitando a presenza de gaiteiros pola festa da Nosa Señora, patroa de Oín, función da que se encargaban os da Peruca. Unha vez que cansou de tocar a gaita de fol o Sr. Rosendo comezaron a chamar ‘Os Xaneiros’, como xa vimos, outro grupo de gran sona na bisbarra popularizado polo bo facer e por estar conformado daquela polos catro fillos pequechos do seu líder.
Aquí vos deixamos un dos cantos do Ciclo natalicio -interpretado maxistralmente pola señora Ramona- co ánimo de lembrar e dar testemuño a un costume xa esquecido pola maioría, como ir pedir o aguinaldo nas festas do Nadal. Hai máis de setenta anos que a mocidade se unía e percorría as parroquias do concello a cambio dun donativo. Neste caso concreto relátase unha pasaxe do neno Xesús na súa infancia, na viaxe familiar que fixeron de Exipto a Belén. Para moitos entendidos a temática do relato ten que ver co único milagre que fixo a Virxe María, mentres que para outros trátase dun dos primeiros milagres do noso Señor. Sexa cal for a autoría, o importante é que en torno a este cantar xuntábanse os mozos do lugar desenvolvendo unha actividade lúdica e social que reforza os vínculosde amizade dun colectivo.