Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima


No ano 1995 nace no concello de Rois un dos referentes da cultura tradicional, o O.C.T. Chorima. As máximas de recoller, ensinar e divulgar o rico patrimonio inmaterial do noso pobo aparecen nas bases da agrupación.

Nos case vinte anos de percorrido e andaina ininterrompidos, podemos destacar diferentes actividades do Obradoiro Chorima no eido do traballo de campo referente ao folclore. Da man de Martín Agrasar Vázquez -director e mestre deste obradoiro- xermola, a partir da fonda preocupación e interese polas tradicións, un importante labor de recuperación da música e danzas do país, con especial sensibilidade polo propio de seu concello: Rois.

Os máis dos folcloristas acoden a facer recollidas aos puntos máis coñecidos e valorados folcloricamente, os chamados ‘puntos quentes’, lugares polo xeral afastados dos núcleos urbanos onde a danza e o baile se manteñen nun estado de conservación menos ‘contaminado’ e en principio máis ‘puro’. Este tendencia de acudir ao afastado xeograficamente provoca a non investigación e recollida do que aconteceu en zonas lindeiras achegadas, concellos limítrofes que malia ser susceptibles de recibiren influencias metropolitanas, poden chegar a gardar verdadeiros tesouros etnográficos. Tal é o caso de Rois, municipio que garda un gran potencial en canto a tradicións se refire que poucos souberon ver, e menos reparar nel, polo que o traballo de campo e investigación realizado desde O.C.T. Chorima resulta de vital importancia co fin de chegar a recuperar a memoria colectiva do pobo ao que pertence a propia asociación.

Imaxe de O. C. T. Chorima na viaxe a Cantabria
Imaxe de O. C. T. Chorima na viaxe a Cantabria
Caroi e Erboedo

A preocupación pola orixe das raíces dun pobo fomos quen de atopala, non só desde o propio Concello de Rois, senón desde unha asociación que desenvolve un labor que debería existir en calquera concello que se prezase. Lembrar as xentes da túa terra que mantiveron viva a tradición, e polo tanto a identidade de Galicia, entendemos é digno de mención en calquera publicación deste tipo. Neste sentido, parte do traballo de campo realizado por Martín Agrasar (Chorima) e o seu compañeiro de fatigas, Carlos Díaz Teixeiro, vese reflectido nesta publicación na que eles contribuíron de forma plena achegando material sonoro ao igual que fontes de información e contactos con diferentes transmisores. Grazas á súa estimable achega hoxe temos a posibilidade de compartir parte do arquivo sonoro de seu Obradoiro, o que dá mostras de seu espírito divulgador e enriquecedor para que as xentes do pobo poidan gozar coa difusión deste material único. Moitos dos protagonistas serán lembrados con especial agarimo por familias e veciños ao poder facelo grazas ao material sonoro e gráfico recompilado, completando así un ciclo divulgativo de especial carácter.

Na actualidade o O.C.T. Chorima é o único colectivo que mantén unha escola activa de música e danza tradicional no concello de Rois, cunha canteira formada por máis de sesenta rapaces -alumnos e alumnas que van dende os tres anos- e adultos de ata 35. Ao igual que un centro lúdico social, a entidade cada ano vai en aumento estimulando os lazos veciñais entre os máis novos, xa que son moitas as horas que pasan xuntos nos ensaios e viaxes, sendo estas últimas unha porta aberta a coñecer mundo. De entre os lugares visitados, representando a Rois, Galicia e a súa tradición, destacar a presenza en países como Portugal, Francia e Italia, así como en diferentes festivais do territorio español.

Unha das iniciativas máis loable, que están desenvolvendo desde O.C.T. Chorima de forma anual e con moito éxito, é a de homenaxear a unha persoa ou colectivo senlleiro do concello de Rois. O requisito principal é que o homenaxeado/a garde unha fonda relación con mundo do folclore. Deste xeito cada ano danse as xentes de Rois nun emotivo acto público, co fin de sacar do anonimato un testemuño vivo do folclore. A finalidade é a de premiar simbolicamente e recoñecer a traxectoria do transmisor/a elixido/a, nunha iniciativa que, dalgún xeito, fai xustiza con quen souberon coidar e velar polas tradicións do país. O devandito acto desenvólvese no marco do certame folclórico do O.C.T. Chorima no cal podemos contemplar o seu bo facer nunha mostra de baile e danza, acompañados no acto por outras agrupacións da terra.

Ao igual que outras asociacións, Chorima nace ao amparo da ANPA do CPI de Rois para dar cobertura ás inquedanzas dalgúns pais e nais que vían no folclore unha actividade moi lícita para que aprenderan os cativos. Deste xeito fóronse artellando as bases emocionais que desencadearían no xa consolidado Obradoiro de Cultura Tradicional e, aínda que os tempos mudaron dende os seus inicios, continúan fieis aos principios de desenvolver actividades de corte folclórico para a xuventude, á par que coidan de que non se perdan as nosas raíces. Hoxe en día aledámonos da boa saúde da que goza o obradoiro, asegurando e garantido coas súas clases de formación tradicional o futuro inmediato do folclore nunhas terras que malia ter epicentro en Rois, dan cobertura a todo o concello e zonas lindeiras a este.