Pandeireteiras de Ermedelo
As Pandeireteiras de Ermedelo nacen como grupo en xaneiro de 2014 ao abeiro da Asociación de Mulleres Rurais de dita parroquia. Ao igual que as súas homólogas de Rois e Urdilde, contan coa colaboración do Concello de Rois e tamén ensaian dúas horas á semana.
A pesar da escasa bagaxe da formación, as catorce mulleres que a integran xa participaron na edición 2014 do Serán da Lingua organizado polo Concello, momento no que contaban tan só con tres meses de vida. Con todo, e despois da boa acollida experimentada nas primeiras actuacións, as Pandeireteiras foron, así mesmo, cartel nas festas patronais de Leroño.
Este grupo de música tradicional tamén está formado por compoñentes de máis de cincuenta anos. Malia ao pouco tempo que leva constituído, as integrantes non quixeron deixar de participar na homenaxe que a Asociación de Mulleres Rurais de Ermedelo realiza todos os anos á súa patroa, a Virxe de Fátima.