Hórreo de Reboiras
Estado de conservación: moi malo, en ruínas, mantén tan só un claro (o norte) dos tres que tería orixinalmente. A metade oeste está totalmente desfeita e cuberta de vexetación. Non conserva nin a madeira (o único claro en pé está pechado con ladrillo), nin a cubrición (de uralita no tramo que se mantén). Tan só mantén o penal dianteiro. Ademais, a propia Eira da Malla está atravesada actualmente por unha pista asfaltada. Recoméndase encarecidamente a súa restauración.
Propiedade: privada, de tres propietarios: Milagros Rodríguez ”do Outeiro” (claro do norte), Teresa Ferro (claro do medio), e os herdeiros da familia Queiruga (claro sur).
Historia:
os veciños sinalan que ten moita antigüidade, máis de cen anos seguro. Unha veciña indica que recorda cando tiña madeira nos claros, e que haberá máis de 30 anos que está en ruínas. Esta mesma muller acórdase de xogar de cativa a esconderse entre este e os outros hórreos da Eira.
Orixinalmente, había nesta Eira seis destas construcións, pero tres deles están actualmente desmontados, quedando á vista tan só os soportes. Estes restos pertencen a Josefa Reboiras González (na entrada norte da Eira); a Isaura Rodríguez (parte do hórreo é doutro propietario, ao lado do hórreo 3 de Reboiras); e de Dina Morales (propietaria de parte do hórreo, ao lado do hórreo 2 de Reboiras). Esta veciña comentounos que antigamente había na Eira, no cuadrante NL, un hórreo de vimbio o que lle chamaban “a cabana”, de planta circular e cos tornarratos de pedra circulares, pero que actualmente xa non se conserva.
Hórreo de Reboiras
Estado de conservación: malo, os poucos elementos que conserva en madeira están en malas condicións, así como a cubrición, e ademais introduce ladrillo para pechar os claros.
Propiedade: privada, de dous propietarios: Dina Morales e Fina Trillo Morales.
Historia:
di unha veciña que é moi antigo, máis de cen anos.
Hórreo de Reboiras
Estado de conservación: bo, restaurado polos propietarios, que renovaron a madeira e a cubrición.
Propiedade: privada, de Isaura Rodríguez.
Historia:
parece que tería uns setenta anos, pero inclúese no estudo ao formar parte do conxunto da Eira da Malla.
Hórreo de Reboiras
Estado de conservación: malo, non conserva a madeira, que foi substituída por ladrillo, e a cubrición foi renovada, introducindo uralita. A porta lateral é nova (de chapa de madeira), e unha das columnas que a enmarca está feita de cemento. A pedra está manchada.
Propiedade: privada, de Josefa Reboiras Vicente.
Historia:
unha veciña díxonos que andará polos cen anos, que a súa nai, que morreu hai uns quince anos con máis de oitenta, recordaba a construción do hórreo cando era moi pequena.
Hórreo de Reboiras
Estado de conservación: malo, a madeira e a cubrición están en moi malas condicións, falta parte do peche de madeira en dous claros no lateral oeste, e parte da cubrición que foi substituída por uralita. Recoméndase encarecidamente a súa restauración.
Propiedade: privada, de dous propietarios: Elvira Reboiras e Carmen Bustelo.
Historia:
di unha das súas propietarias que é moi antigo, máis de cen anos.
Hórreo de Reboiras
Estado de conservación: moi malo, atópase en ruínas. Non conserva a madeira nin a cubrición, deixando ver o esqueleto de pedra, con arcos para a suxeición cuberta. Recoméndase encarecidamente a súa restauración.
Propiedade: privada, de Jaime Rodríguez.
Historia:
segundo o propietario é moi antigo, xa que el ten 82 anos e recordao alí sempre. Por factura
parece, efectivamente, moi antigo.
Hórreo de Reboiras
Estado de conservación: malo, a madeira e a cubrición atópanse en malas condicións. Como os hórreos 5 e 6, recoméndase restaurar este exemplar, co fin de facer un conxunto de tres hórreos de gran fermosura.
Propiedade: privada, de dous propietarios: Jaime Rodríguez e José Reboiras.
Historia:
un dos seus propietarios di que é moi antigo, de máis de cen anos, aínda que descoñece a súa cronoloxía.