As peras rabudas son duras e agres, de aí vén o dito pasalas rabudas. Á pega (Pica Pica) chámaselle pega rabuda ou rabilonca e ás papas cando son espesas díselles papas rabudas. A palabra, explícanos Eladio Rodríguez que designa tamén dificultades, penas, infortunios. As Rabudas eran leiras que estaban entre Eiró e Reboiras. Talvez o adxectivo aplicado a unhas terras teña un significado semellante a bravo, que xa comentamos, no sentido de que sexan dificultosas de traballar, pero máis probable é que lembren un rabo pola súa disposición lonxitudinal. Ese debe de ser o significado de boa parte dos topónimos galegos desta familia. Rabo é o latino RAPU, ‘nabo’. Na Idade Media correu a voz en Portugal de que eran rabudos os descendentes da casa real e que nacían con cauda, pero abertas as tumbas rexias de Alcobaça polo rei don Sebastián, comprobouse que non.
É etimoloxía moi discutida pero coinciden case todos os autores en relacionar estas palabras co verbo rañar (latín tardío ARANEA, ‘raña’), insistindo en que se refiren a zonas desgastadas pola erosión. Rañadoiros é unha área de arboredo arriba da Aldea da Igrexa e As Rañadas son terras de labradío, abaixo da estrada, en Revixós. No Tumbo de Toxos Outos hai varios documentos do século XIII sobre a aldea de Rañó (Ranioa) en Leiro (Rianxo). En Aguirre rañadoiro é lugar para rascarse e raña é sinónimo de picaña, ferramenta para remover terras pesadas, significados que se repiten noutros. Estravís e Eladio Rodríguez consideran unha acepción para rañadoiro que podía servir para algúns topónimos: “prado de secano no monte de mala calidade”. Eligio Rivas fai derivar eses nomes do tema preindoeuropeo RA/RO, ‘rascar, rañar, roer’, designando lugares comestos polos animais, rapados. No dicionario de Carré chámaselle raños ós froitos dos capudres (Sorbus aucuparia) e rañadoiro ó terreo onde os hai, pero é planta do interior de Galicia, que nós non temos. En Dodro dise que comer e rañar, todo é empezar. Nós chamámoslles raños ás grosellas casteláns (Ribes uva - crispa) que se cultivaron en moitas hortas e botaban unhas bagas minúsculas case transparentes, coma pingueiras de luz atravesadas por veas irisadas.
Reboiras é o nome dunha das aldeas de San Xián de Laíño e debe proceder do nome latino do carballo (Quercus robur), pasando polo abundancial do latín vulgar ROBORIA. Estudouno Joseph M Piel. Sería tanto coma lugar de carballos. Rebolido de Riba e Rebolido de Baixo, en Pexegueiro, e Reborido en Bexo son nomes da mesma familia léxica. O rebolo ou cerquiño (Quercus pyrenaica) é un carballo que ten nas follas unha pubescencia branca pero, aínda que só abunda na Galicia oriental e interior, tamén se lle chama así noutros sitios ós carballos noviños. Hai quen o deriva directamente de ROBUR, entendendo que ROBULLUS é un diminutivo e quen o fai vir de repullus (Corominas), ‘gromo’ ou ‘renovo’ dunha planta. Hai indicacións interesantes no dicionario de Aguirre: reboira está como ‘rebolta’ (camiño de volta, o máis longo), Reboleiro é sinónimo de rebolo e de carballo, e reboredo é ‘carballeira’. Roborar nos dicionarios é ‘confirmar’, ratificar, e robora ou rebora, recólleo Eligio Rivas (Natureza, toponimia e fala) coma ‘documento que acredita unha venta’. Explica Gonzalo Navaza en Rebordechán. A Nosa Memoria que a forma robore debeu usarse ata a Baixa Idade Media en ambientes latinizantes ou eclesiásticos, e que despois se perdeu, quedando tan só na toponimia, mentres que na oralidade perviviu carballo. Della Rovere foi liñaxe de príncipes e papas italianos, por iso o pintor Rafael representa ó gran Xulio II nunha cadeira decorada con landras. O apelido Reboiras que se dá case exclusivamente na comarca é sen dúbida nativo do concello de Dodro e, de momento, non deu papas pero si cregos, frades e leigos ilustres. Todo se andará.
Así figura no Catastro de 1958. Ora ben, como ocorre con outras palabras xa moi alleas á fala actual, os veciños fornecen outras variantes: Rosomelo, Rusomelo. Quizais estea formado pola partícula xermánica WRIKAN (REC), ‘perseguir, vingar’, e pola terminación MEREIS (“ – miro, – milo, – mil”), ‘ilustre, célebre’. Desde esta procedencia que comentamos, Piel anota diferentes antropónimos moi semellantes ó noso: Recemel, Rosomil, Recemiro… Recemelo está antes do Castro de Traxeito, nunha zona que debeu ser ocupada durante séculos polo numerosos que son os seus topónimos. É nome oloroso, que arrecende.
Fai referencia a lugares que teñen esa característica na súa topografía, por ser a forma da aba dun monte, a curva dun vieiro, o meandro dun río. A filiación está no RETUNDUS latino. Para Eladio Rodríguez é ‘terreo adevesado, delimitado’. No meandro do Redondo, abaixo de Bexo, o río Ulla retórcese coma unha corre de carballo ó lume, xira de vez, bifúrcase sorteando insuas de altas herbas e cabalos e despois fecha as pálpebras de auga para deixarse ir abandonado cara a morte salgada do mar. Peirán das brumas, ata O Redondo subían nos anos oitenta barcazas fantasmais na luz náufraga das madrugadas cargadas de Winston de contrabando. O Redondo dálle nome a uns cacheiros na Fonte de Santa María, en Lestrobe. A Redonda é topónimo desa aldea, de Paizal e Traxeito. A Pedra Redonda está en Dodriño, A Cortiña Redonda en Bexo, Redondelo en Teaio e en Castro, O Redondiño en Pexegueiro e na braña de Imo e Redondiños en Susavila.
De RIGARE, regar. O Regadío son leiras que están arriba de Bustelo. Nos anos setenta enxeñeiros sen nome do franquismo, atravesaron estas terras de brañas e lameiros cunha quenlla fantasmal para regalas, O Canal do Regadío, un empresa de faraóns da que aínda sobreviven restos coma osamentas calcinadas no medio das veigas, en homenaxe á estupidez humana. Dicía Schiller que “contra a estupidez ata os propios deuses loitan en van”. Ó mellor precisamos regos e gabias, canles para ordenar este mundo de auga que nos escorre entre as mans.
O nome vén do latin REGERE, ‘dirixir’, por ser o cura quen rexe ou dirixe as almas dos fregueses. A Reitoral é a casa do cura da parroquia. Hai reitoral en Imo, coa entrada enlousada, escaleira de pedra e solaina. A de Laíño acábase de restaurar para Centro de Día. É un edificio amplo, de proporcións pacegas, á beira do adro. Accédese por un camiño enlousado e cuberto por unha lata en arco. Destaca a impoñente escaleira de cantaríaque comunica a planta baixa co piso superior e a cheminea tamén monumental. Cara o poente, rodeada por un alto muro, esténdese a Horta do Cura, na que se poden ver un pombal circular e un hórreo de cinco claros. A Reitoral de Dodro seica antes estivo na última casa da aldea de Revixós. A actual, a carón da igrexa parroquial, cara a horta, ten unha escaleira e un potiño, mentres que na fachada pola que se accede ó adro mostra un balcón sobre ménsulas reformado en cemento. Comunica directamente coa sancristía a través dun curioso pasadizo elevado, con bóveda de canón, sobre un camiño que beirea a cabeceira do templo.
Entre outros significados, rela é a suxidade que se forma na roupa, nos animais ou na pel das persoas por non lavarse. É sinónimo de roña ou cotra. No dicionario de Eladio Rodríguez e no de Franco Grande reloso dise da persoa descoidada, que non se lava. Estes toxais chamados A Relosa que están do lado de riba do Castro de Traxeito poderían ser leiras relosas, sen limpar, cheas de maleza. Hoxe non o son. Con todo pode ter calquera outra procedencia que descoñecemos.
De TORQUERE, ‘dobrar, torcer’. Camiño que describe unha ou varias curvas moi pronunciadas. Co prefixo “re” viría do latín TORTA, ‘torcida’, revirada. A Retorta son fincas de Bexo, de Susavila, do Muronovo e das aldeas de riba.
Revirente é topónimo de Bexo, preto da Braña. Quizais o seu étimo proveña do latin VIRARE, ‘virar’, e teña que ver coa forma revirada dun camiño ou sexa nome derivado dalgunha particularidade orográfica. Coas mudanzas da concentración parcelaria agora non podemos sabelo.
Ignoramos cal sexa a etimoloxía da aldea de Revixós, en Santa María de Dodro pero ha ser a mesma que a do topónimo Revixón, no monte de Traxeito. Comentamos algunhas foneticamente próximas. Talvez emparentado con ROBUR, ‘carballo’, con rebo, ‘racha de pedra miúda que se pon nos valos para asentar as máis grandes’, ‘forra’, voz moi usual nesta terra de canteiros, ou con RIBJO, ‘costela’, palabra da que Corominas fai derivar ripa, táboa estreita que se emprega no entramado das teitumes. Outra posibilidade sería que se formara desde RIVU, ‘río’, pero na aldea grande de Dodro, río, o que se di río, non hai, nin regueiro, aínda que estea na copla: Aldea de Revixós que boas rapazas cría, aquel reguiño de auga que vén da Fonte García.
Quizais se orixinara desde a forma latina REVOLUTA, polas voltas ou curvas nos perfís dos montes ou nos camiños. Esta é a explicación que encontramos en case todos os autores pero non a que dea conta das nosas revoltas. No Gran Diccionario Xerais equivale a “terreo de monte onde se sementa cereal”. Navaza explica que nun principio a palabra servía para denominar terras de labor gañadas ó monte e dedicadas a cultivo, tendo polo tanto connotacións semellantes a terras cavadas, anovadas, rozadas É un dos topónimos máis rendedoiros … no concello e entre nós describe áreas de monte particular para diferencialos do comunal. Todas as leiras de monte son revoltas, e se confinan cos terreos públicos, están cercadas por valos. As revoltas son, pois, en Laíño as propiedades forestais de cada veciño. Chámanlles estivadas os da parroquia de Dodro. En Bexo hai A Revolta e A Revoltiña. En Imo A Revolta, A Revolta de Lois, A Revolta de Riazós, A Revoltiña da Veiga, A Revoltiña e A Revolta dos Outeiros. Nas aldeas de riba (Traxeito, Paizal, Pexegueiro e O Rialiño) temos A Revolta do Frade, A Revolta da Marica, A Revolta da Roxa, A Revolta Vella, A Revolta da Leña, As Revoltiñas, A Revolta da Pousa, A Revolta dos Estremos, A Revolta de Romeu, A Revolta dos Outeiros, A Revolta dos Pinos e A Revolta de Deza. En Revixós e Susavila hai A Revoltiña. A Revolta e A Revoltiña son de Bustelo do Monte. A Revoltiña é de Teaio. A Revolta do Carballo é de Sar e de Castro. A Revoltiña, A Revolta de Riba, A Revolta de Gonzalo, A Revolta de Bustelo e A Revolta Nova están arriba de Tarrío, da Aldea da Igrexa, de Eiró e de Reboiras. Estas que relatamos representan tan só unha pequena mostra do grande número de revoltas que hai nos montes de Dodro.
Como Rial da Lagoa, cítase no padre Sarmiento, dándolle nome a unha das aldeas de San Xián de Laíño, á beira do río de Manselle. O Rialiño é tamén aldea da parte alta da mesma parroquia, a carón do río que ha ser de Vigo ou de San Lufo. Está sen artigo no Nomenclátor. Debe levalo. O Rial, O Agro de Rial, O Río do Rial, O Pozo do Rial, O Muíño do Rial e O Rialiño están en Bexo; Riais en Pexegueiro, á esquerda do río, e Surrial, abaixo de Rial de Lagoa, que é como lle chamaron as nosas xentes. En xeral interprétanse estes topónimos como derivados de RIVU, ‘río’. O significado primitivo de RIVALE era o de “persoa que loita polas augas dun río” pasando despois a significar ‘rival, adversario’. Aguirre define rial como ‘lugar en onde se orixinan moitos ríos e regatos’. Por último hai aínda un grupo menor de lingüistas que se deciden polo latino REGALE, ‘o do rei’, para distinguir os terreos de señorío real ou de reguengo dos que serían propiedade dos señores.
Riazós (Riasós, con seseo) está situado a medio camiño entre Imo e Bexo e quizais teña que ver co RIVU latino, ‘río’. Sarmiento (Onomástico…) explica que a voz Riazó vén do latín RIATICO e que se pode atopar nos documentos. Rosario Álvarez estuda nun artigo publicado nas Actas do I Congreso Internacional de Onomástica Galega “Frei Martín Sarmiento” a distribución en Galicia dos topónimos Riazó e Riazón, pero non menciona o noso. Edelmiro Bascuas (2002) fai derivar Riazó e Riazor do diminutivo romance RIVACEOLUM, ‘río pequeno’, do RIVUS latino, pero aquí é dos poucos lugares onde non o hai, nin pequeno nin grande.
A orixe de Ribalta está en RIPA ALTA, ‘beira alta’, mentres que Ribeira procede do latín vulgar RIPARIA. Ribalta e Ribaltiña son nomes da Veiga de Lestrobe, de lado do Sar. A Costa de Ribada e O Alto de Ribada, en Imo teñen a mesma etimoloxía. Ribada está nos dicionarios como ribazo, noiro, socalco, arró para soster o terreo en pendente, terroeiro cortado vertical sobre un camiño. Ribela está debaixo de Bexo tamén nunha costa e O Ribeiriño é do Rialiño. Sobre las Ribas, en Imo, que aparece nun foro de 1661 como Souto de Sobre Larriva, preserva unha sintaxe arcaica que se usou sobre todo na prosa notarial do medievo. Está no Tumbo de Santa María de Iria (“Sobre la Branna”) e na barcarola de Johan Zorro, trovador da corte do rei Don Dinís, que mandou lavrar barcas novas “en Lixboa, sobre lo mar”.
Río veunos desde o RIVU latino, ‘rego’ ou ‘canle’, pero non coñecemos aínda con seguranza a procedencia do substantivo “rego” que semella chegar desde unha primitiva base prerromana REK(U), ‘rego’, gabia, da que se forma RECARIU, ‘regueiro’, regato. Un brazo do Ulla, na Insua de Bexo, chámase O Río Vello, nome que tamén se lle dá ó antigo curso do Sar. Desde a Cuca baixa o Río de Manselle, souril, de augas rebuldeiras que movían os reducios de máis dunha ducia de muíños, e despois de pasar pola aldea, por Rial de Lagoa (onde é Río de Rial). No Catastro de Ensenada chámase Río de Figueiras e hai aínda un muíño para alá de Rial que leva ese nome. O Regueiro é de Pexegueiro, de Lestrobe e de Imo. O Regueiro da Tomada está no alto da estrada que vai á Chisca. Tras do Rego é labradío de Manselle e Enterregos, na mesma aldea, son revoltas de monte. Outro Tras do Rego hai en Salvanxe (Tallós) e Os Regos en Teaio. Polo Rego das Escuras (ou O Rego da Escura) de Bexo subiu o Padre Sarmiento hai douscentos cincuenta anos e deixou recollida a crenza de que polas noites había pantasmas. Hai en Bexo, O Rego, O Río do Rial e O Rego dos Campelos que desemboca onda A Insua. O Rego de Imo, na aldea chámase Río da Lavandeira ou Río Ancho e tivo lavadoiros. O Rego da Devesa ten diferentes nomes en cada tramo: Río da Arregañada (Regañada, no catastro de Ensenada), Río da Lavandeira e Río do Muíño Pequeno. Recibe pola dereita as augas do Rego do Abelán e do Rego do Ferro (no topográfico Rego do Porto) que eles chaman O Regueiro de Portarribó. Abaixo da aldea conflúen nel O Rego do Pedregal e o Río de Carballós, dito Rego das Albariñas máis abaixo. O Rego de Pardiñas, O Rego dos Mirlos (merlos) e Riocovo, onde nace O Rego de Pena, están por Bustelo, así coma o O Rego do Campo do Treito, ou simplemente Rego do Treito, ó que os veciños chaman nun tramo Río de Bouzas e noutro Río dos Muíños pola abundancia destes. O Río de Tarrío, antes é O Regueiro arriba do Rueiro e despois de mover o reducio do muíño da Ponte Quinteira pasa por detrás da aldea (á que quizais lle dá nome). O Río das Moas ou Das Maulas está na braña de Dodro; O Regueiro baixa desde o monte de Penas de Lestrobe e O Rego, agora encanado, pasaba a carón da Praza. Hai un extenso estudo sobre topónimo Arnela e outros afíns en Edelmiro Bascuas, desbotando a súa relación con area. Para el, coma para algúns autores, “ar” e “arn” son radicais preindoeuropeos co significado de corrente de auga, e despois “codia dos castiñeiros e carballos” ou “cortiza de árbore usada como canaleta para conducir a auga”. Están eses temas hidronímicos no Arnoia do Ribeiro ou no Arno florentino, e tamén no noso Rego de Arnelas que baixa cos seus pés de auga ata as billas das casas da aldea de Tarrío.
O Rocho, en Teaio e Trala Rocha e máis A Carballeira de Trala Rocha, en Bexo son topónimos que denotan laxes grandes ou penedos. Rocha deriva do ROCCA latino. A Rucheira (A Rocheira) está en Revixós, en Manselle e en Traxeito, onde hai Soarrucheira. Algún deles podería ser Arrucheira, que na pronuncia dos veciños non queda claro. Arroxeira en Natureza, toponimia e fala de E. Rivas é “terreo estéril” con moita pedra. Por aquí decímoslle cantar a rucha ó derradeiro canto do paxaro, cando sabe que vai morrer, e arrocheiro está nalgúns dicionarios e tamén no de Aguirre como arrieiro que usa o ‘arrocho’, pau curto co que se apretan as cordas das cargas. Así e todo parece probable que sexan abundanciais, lugares onde había pedra. En Pexegueiro temos aínda O Rucheiro e O Rucheiro do Andeano. No dicionario de Carré rocheiro é o nome do oco que queda no chan despois de arrancar unha árbore, porque deixa á vista as rochas. Como vemos o substantivo rocha consérvase na toponimia aínda que se perdeu na fala. Na Iria constelada do medioevo, erguíase un dos palacios máis fermosos de Galicia: A Rocha Blanca, con torres almeadas, patios de laranxeiras e chans historiados de azulexos, rodeado por un foxo con ponte levadiza. Agora a distancia no tempo dulcifica para nós os seus contornos e soñámolo coma unha acuarela detrás das torres piramidais da colexiata, na ladeira do que foi monte Miranda, pero os Irmandiños que o derrubaron vírono con outros ollos.
O topónimo Rodeira refírese ó camiño que van facendo as rodas do carro, ROTARIU, mentres que Rodeiro tería que ver con outeiros ou montes de cumes chans ou redondeados (Cabeza Quiles). O Rodeiro está no monte de Manselle.
É probable que proceda da voz latina ARRUGIU, arroio. Este Roxofrío que está na Veiga da Senra, entre Rial e Tarrío e sería tanto coma Regueiro Frío.
As Rozas (As Rosas, con “O” pechada) son leiras situadas arriba de Imo, en Teaio e abaixo de Manselle. Xa falamos destes topónimos ó comentarmos outros similares: cavada, estivada, vesada. Todos aluden a áreas deforestadas, limpas de matagal e arboredo para dedicalas ó cultivo. Rozar, de RUPTIARE, que acabou dando RUMPERE, equivale a ‘romper, traballar o chan para facelo laborable’. Hoxe, para nós, ten o significado de apañar a herba coa gadaña. Á beira do rego de Tarrío, entre a Banda ó Rueiro, na penumbra verdeal dos carballos centenarios de A Rociña regueifan os derradeiros vichelocregos de ouro.
A Cortiña da Rúa é de Tarrío, O Muíño da Rúa de Manselle e A Rúa é o nome dun quinteiro da aldea de Imo. Non se sabe con certeza a etimoloxía da palabra, seguramente desde o RUGA latino, ‘ruela’, calexón, que primeiro foi ‘engurra’. Para algúns autores puidera ser galicismo. O Rueiro, arrabalde de Tarrío, en San Xián de Laíño, arriba da Ponte Quinteira, aldea pequena ó pé da rúa, entre A Rosiña e A Breta, tráenos á memoria aquel verso de Xosé María Álvarez Cáccamo: “Camiñan os cervos polos rueiros con pés de neve…” Tamén o hai en Lestrobe.
Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón