Moi abundante na toponimia, horta deriva do HORTUS latino, ‘xardín’, propiedade cerrada, designando un terreo pequeno próximo á casa, para cultivar legumes, hortalizas ou dedicado a árbores froiteiras. Habería unha milleira delas se se recolleran todas. Nin que dicir ten que estas son tan só unha pequena mostra: As Hortas, A Horta de Baixo e A Horta da Pousa están en Paizal; A Horta da Aldea, no Bustelo de Paizal; Hortas de Riba e Hortas de Baixo, no Rialiño; A Horta, en Pexegueiro e A Horta da Fonte, en Traxeito. A Horta do Campo, A Testa da Horta e As Hortas son de Bexo e Entre Hortas de Imo. As Hortas de Baixo están por Bustelo do Monte; A Horta do Cura, na Aldea da Igrexa; A Horta da Casa, A Horta do Val, A Horta das Cabanas e A Horta dos Casais, en Manselle; A Horta do Pozo, A Horta do Liño e A Horta do Pintor, en Eiró; As Hortiñas e Tras da Horta, en Vigo; A Horta da Eira e A Horta de Riba, na Devesa. A Bouza da Horta é de Castro...