Eligio Rivas en Niveis primitivos recolle labagal, ‘lamagorza perenne’ e considera que a orixe está nos temas hidronímicos precélticos NAV, LAV, co significado de ‘predios encharcados’ primeiro, e despois de ‘depresión entre montañas’. Nos dicionarios de portugués lavajo é ‘pantano’, charco, lodazal. Labega en Aguirre é ‘arado’, significado que ten labego nalgúns dicionarios portugueses. Pode que sexa Lamego, a partir de LAMECUM, nese caso de lama, substantivo prerromano. O Labego son terreos abaixo de Tallós, encharcados e enlamados, e tamén no Rialiño. En Bexo temos Os Lebexiños e A Fonte dos Lebexiños, que podía ser variante do mesmo tema (Lavexiños) ou derivado de lebedoiro, lugar que rezuma auga (Elucidário), como así ocorre aquí. Moi próximo hai outro nome con connotacións semellantes: A Lamosa. Eses e outros topónimos afíns son moi frecuentes en toda a zona baixa do concello dadas as súas características de proximidade ó río e escasa altitude.
Do latín LATUS, lado. Arriba da Fonte Primeiral, á dereita da estrada que vai a Rois, está Ladride, terreos na ladeira do monte. Ladril, nalgúns dicionarios, e ladral noutros, é o conxunto das táboas ou canizas que se colocan ós lados do carro entre os fungueiros para arrellar a carga. Se son máis altas chamámoslle canizas.
En ocasións, o topónimo refírese a lugares enchoupados, pero aquí quizais teña que ver co significado máis común da palabra. Avalan esta hipótese varios nomes situados preto: As Viñas, Os Bacelos, A Latiña, así como outros que aparecen no xa citado libro do noso notario. Do latín LACUS, ‘depósito para líquidos’. Os vellos lagares das aldeas nos que se esmagaba o viño eran de pedra e quedan nalgunhas casas exemplares ben conservados. Están Os Lagares na recta de Solaíño, entre Tarrío e Reboiras. Tralagar ou Traslagar é de Imo e Solagares de Dodriño.
Lugar onde abundan os lagartos, do latín LACERTA, A Lagarteira é o nome dunha área de monte enriba de Eiró. En Eligio Rivas (2007) lagarteiro é terreo onde lle dá moito o sol. Por aquí escoitamos a crenza e o relato pormenorizado de como o lagarto ataca ás mulleres, sobre todo cando están menstruando. Recóllea Risco entre outros moitos autores. Seica Rosalía lles tiña moito medo, segundo contou unha das súas fillas. Nós non llo tiñamos e sabiamos as palabras secretas que os facían asomar polas fendas dos valos para ollarmos as súas cores oceladas. Ó lagarteiro (Falco tinnúnculus) decímoslle por aquí peneiriña porque se cerne sobre a presa coma cando se peneira.
Pequena acumulación máis ou menos permanente de augas, sitio húmido. Do latín LACUS, ‘lago’, e de LACUNA, ‘lagoa’, con perda do “N” intervocálico. Serían pucharcas, lugares enchoupados, frecuentes na nosa toponimia. Os Lagos do Monte, Os Lagos e Os Laguiños están en Teaio. Na braña de Dodro hai O Lagoso. O Agro do Lago está na Devesa, A Laguna e O Rechán da Laguna (castelanismo por lagoa) coroan as dorsais montesías de Bustelo, onde agora brúan xeneradores eólicos colosais, estadeas de poliéster. Rial de Lagoa é unha aldea de San Xián. Verémola cando lle toque. Abaixo dela está A Lagoa que lle debeu dar nome. Búscana en van as garzas estraviadas que soben polo vello río de Figueiras. As Legoíñas, arriba de Imo é vacilación por Lagoiñas. A Lagoíña está do lado de riba de Reboiras e As Lagoas no Rialiño. Circo na lúa, lagoa dura, circo no sol, lagoa mol é refrán vello para predicir o tempo nestas terras palustres de oucas e xunqueiras que beirean o Ulla. Nos versos de Eusebio Lorenzo “Os vellos cazadores/atravesan os lagos dispersos na memoria”.
Entre Santa María de Dodro e San Xoán de Laíño está a parroquia de San Xián de Laíño. San Xoán fórmase máis tarde, mediado o século XVIII. mAntes había unha única, a de Laíño, que pertencía ó concello de Rianxo e abranguía as dúas actuais. Todas as citas que facemos fan referencia a ela. No século XIX, xa despois da separación, figura como Os Laíños no dicionario de Sebastián Miñano, no de Madoz e na obra de Rosalía, en Padrón y las inundaciones e no poema “As torres do oeste”: “A iaugua corría polo seu camiño, i eu iba ó pé dela preto dos Laíños ”. Hoxe a denominación Os Laíños caeu en desuso. Co nome de Laíño adoitamos falar agora das aldeas de San Xián e co de Imo das de San Xoán, pero aínda queda quen as chama Laíño de Riba e Laíño de Baixo.
Lama e sinónimo de lodo, ceno e designa terreos pantanosos e enchoupados, charqueiras. É unha familia de topónimos con presenza moi notoria sobre todo na zona sur do concello, o que se explica tendo en conta as características que xa comentamos: terreos baixos situados case ó nivel do mar, proximidade do Ulla e abundancia de regatos e de fontes. Piel di que partindo dese significado pasou a designar o de “pradeira húmida no verán”. Aínda que lama era palabra usada polos romanos en xeral hai coincidencia entre os autores ó entender que é voz anterior, indoeuropea ou procedente do ilirio. Acabamos de ver que tamén podería ter orixe no antigo alemán. Eligio Rivas fala dunha raíz prerromana alternante LAM/LEM/LIM co significado de ‘pegallento’. É característica do noroeste da Península e foi extensamente estudada por Menéndez Pidal e por outros autores.
Derivados de lapa (rocha) que é palabra aínda viva nalgunhas partes de Galicia. Non aquí, pero está na toponimia. Provén da raíz prerromana LAPP, ‘rocha plana’, desde a que formou o latino LAPIS, 'pedra'. Distinguían os romanos entre días faustos e infaustos que marcaban con pedras negras e brancas respectivamente (lapillus). Tería o mesmo étimo o monte Lapido, en Herbón. Nos dous extremos de Lestrobe están A Lapela, que figura no Tumbo de Santa María de Iria , e Lapilló. Pola Lapela, onde agora está a pequena ponte que vai dar á esquina do campo de fútbol de Padrón, había lavadoiros e os nosos veciños vadeaban o Río Vello (O Sar) arremangados cando non había marea alta. Tamén pasaban os carros.
Lata é o nome que por estas terras lle damos ó emparrado das viñas feito de canas, paus ou varas. Con este significado recólleo o dicionario de Aguirre del Río. É palabra pola que ten querencia Anxo Angueira, o poeta de Manselle. Os camiños das aldeas de Dodro estaban case todos cubertos de latas para dar no vran sombra de sombra e piñas de uvas moscateis no outono. Resisten aínda nalgunhas aldeas. As carreiras que se fan agora son de aramio e as máis delas están nas hortas. Aplícase tamén ó entramado dos tellados das casas. Non entre nós. No dicionario de Rafael Bluteau “latada” é o ‘tecido que forman os ramos da parreira’. A palabra procede do indoeuropeo SLATTA, ‘cousa delgada’, e do céltico LATTA, ‘vara’. A Latiña está en Lestrobe e Sualata en Bexo. Trabes e caneiras, paus de parede a parede, pousados en cans e canzorros ou enfoscados nos machinais das casas, dos alpendres e pallais, pés dereitos, chantos, estribos, turros, gradicelas de paralelos e meridianos de arame que simblan coas pingueiras do orballo da mañá, tensados en calculado equilibrio para termar das vidras e das constelacións. Latas: Mecánica celeste.
A etimoloxía da palabra está no latín LAVARE, ‘lavar’. Hai en Bexo O Lavadoiro, coma en case todas as aldeas, aínda que non sempre se deixe ver na toponimia. O lavadoiro de Lestrobe é o máis grande de todos con dez pedras a cada lado. Lavadoiros eran as pedras planas, lancheiras, dispostas nas marxes dos regatos, nas que se lavaba a roupa. Nos anos trinta, coa República erguéronse gran número de fontes e lavadoiros en Galicia. Moitos foron remodelados despois nos anos sesenta e marcados coma poldros do monte co xugo e as frechas da Falanxe. Outros permaneceron como eran antes, coas pedras luídas polas mans lenes do tempo e das lavandeiras. Na aldea de Tarrío cando había defunto lavábase no Lavadoiro do Río de Baixo, hai que supor que porque estaba máis oculto e recollido, no fondo dunha angosta corredoira cerrada de hedras e cangrozas. No San Lufo había varios. Á beira do Lavadoiro do Cura bañábanse os meniños nas augas milagreiras para curalos do mal do aire. Polos lavadoiros do río do Regueiro, en Lestrobe, subíase cara o Santiaguiño do Monte.
Podería relacionarse co tema anterior, pero hai quen pensa que denominaría lugares onde reborda o curso das correntes e que tería que ver entón coa base hidronímica prerromana NAV– presente en toda Europa formando parte da raíz de numerosos ríos. Formaríase por disimilación desde Navandeira. Temos A Lavandeira en Dodriño, en Teaio e en Bexo. A Lavandeira de Imo reúne un dos conxuntos de hórreos máis fermosos da comarca e hai tamén un lavadoiro, por se aínda non estaba entrambilicada dabondo a súa orixe. Para representar as súas Lavandeiras, Maside, o pintor universal de Cesures, aquí á beira nosa, recolleu nun lenzo todas as cores da primavera desta Terra de Iria. As lavandeiras (Motacilla sp.) son dos primeiros paxaros que acoden a picotear nos regos despois que se labra, movéndose nerviosas coma salgaritas. Dise que a ave tomou o nome de que lle deu de beber a Xesús cando estaba na cruz.. “Era unha noite de lúa/era unha noite clara,/eu pasaba polo río/de volta da muiñada./Topei unha lavandeira/que lavaba ó par da iauga” é o inicio dun romance tradicional galego que fala das lavandeiras da noite ou lavandeiras da lúa, mulleres agoirentas que presaxian a morte. Tamén hai lavandeiras que viven no fondo dos ríos lavando pebidas de ouro.
Seguramente se podería incluír no apartado de topónimos anterior. Para Eligio Rivas (Natureza, toponimia e fala) o topónimo Labancos entronca coa raíces precélticas LAV, NAV, que designan lugares alagados. Tamén menciona a voz labanca como pedra grande, desde unha base LAV, ‘pedra escorregadiza’. Quizais proveña de aí o noso nome. En Corominas o nome do lavanco ou alavanco real (Anas platyrhynchos), que aniña e vive na zona entre os canedos, procede de NAVA, ‘lugar pantanoso nun despoboado’. Son a especie de pato máis común e chámanse noutros lugares azulóns. A Lavanqueira está na braña de Tallós e nos anos sesenta, cunha gran chea do Ulla, quedou varado nela un cetáceo tan enorme que ben podía ser a balea de Xonás. Un dos libros máis documentados sobre o tema, Cetáceos, focas e tartarugas mariñas das costas ibéricas publicouno un veciño noso de Dodro, Antonio Piñeiro Seage, en colaboración con X. M. Penas Patiño.
Aínda que proceda do latín hispánico LAGENA, ‘pedra plana e lisa’, é moi probable que se orixinara nunha primitiva raíz preindoeuropea LAB, ‘esvarar’. Laxe é unha pena grande que sobresae do terreo. É moi abundante en toda Galicia, tanto na toponimia menor como nos nomes das nosas aldeas. As Laxiñas e A Laxe Escorregadiza (xogaban a esvarar por ela os rapaces cando andaban coas ovellas no monte), están en Bustelo, A Laxe, no monte que está detrás da Devesa, e na aldea de Lestrobe; Portelo da Laxe, en Bexo; Portiño da Laxe, no monte de Pexegueiro; As Laxes en Susavila e O Muíño da Laxe, no Rialiño.
É palabra plenamente viva na fala para designar calquera terreo de labor. En Aguirre leira é “terreo de labradío, herdade” e leiro, ‘herdade pequena’. Para algúns autores as nosas leiras entroncan co céltico LAR ou LARIA, ‘chaira de terreo’. Para outros chegaríannos desde as formas latinas LIRA ou GLAREA, ‘grava’, pedregullo, areal á beira dun río, pero é tema sobre o que aínda se porfía. Leiras Longas están en Dodro, Leiras Grandes en Bexo, As Leiras do Hórreo en Pexegueiro.
Enriba de Lestrobe existía un vello castro do que falou Murguía en El arte en Santiago, obra asinada no lugar en 1874. Como xa comentamos ( vid. Castro), probablemente Lestrobe foi unha villae romana, a carón da gran civitas iriense. Despois, sobre A Torre Alta das Ameas medievais (Martínez Barbeito, 1986) debéronse erguer as de Hermida. Para Blanca M. Prósper, no seu libro Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica , o lexema toponímico procedería do bretón lestr, ‘barco’, pero admítese con máis probabilidade (Moralejo, 1977 e outros) a referencia á lesta ou grama de olor (Anthoxathum odoratum) presente noutros topónimos próximos: Lestido, Lestedo… A Veiga de Lestrobe arrecende na ceifa a cumarina, lesta, herba recén segada. Sarmiento dinos que a planta se poñía entre a roupa contra a couza e para perfumala, que lle daba un sabor singular ó tabaco e que se botaba no chan das igrexas.
Limpadoiro é a eira na que se aventa o gran. Dise tamén alimpadoiro, do latino LIMPIDU, limpo. Logo de mallar o centeo e o trigo peneirábanse coa erguedeira na que se aventaba o cereal. Na Eira de Mallar de Bexo consérvanse os postes de pedra paralelos entre os que se dispuña. Despois cribábase ou escribábase con cribos grandes. A avea non, porque era para sementar coa herba portuguesa, para darlla ás vacas. Os cribos antigos eran de coiro, coma os pandeiros, pero cheos de buratos. Máis tarde fixéronse de rede igual que as peneiras pero estas teñen o cedazo máis miúdo e empregábanse só para a fariña. Para separarmos o óleo, a fariña munda e branca, esfarelada coma as auras outonais finísimas do Ulla, barutábase entón no baruto ou sirgo, moito máis tupido. Aínda se criba hoxe o millo para separar a miudanza de carozo en casas de Dodro, se ben xa deixou de ser traballo comunal. Antes si que o era e os limpadoiros debían de estar ben aireados para que o vento levara lonxe a muíña. O Limpadoiro está cara o poente das casas de Manselle. Se algunha vez se usou para o que vimos de comentar xa non o lembra ninguén e hoxe son terras que se botan a millo coma as outras.
O liño (Linum usitatissimum) é unha planta cultivada da que se obtén unha fibra téxtil que tivo moita importancia na economía tradicional de Galicia. Empregábase para a elaboración de lenzos, camisas, mantelerías… Foron numerosos os teares en toda a Terra de Iria ata que no século XIX a competencia coas industrias emerxentes do continente fixo que fora decaendo, recuperándose despois un pouco nos tempos difíciles da posguerra. Os romanos usaban liño galego para as súas velas e chegou a competir cos lenzos de Flandria. No dicionario de R. Bluteau distínguense tres tipos de liño: o mourisco, o canamo e o gallego. O noso, o galego ou manso, era o de mellor calidade. A palabra procede do latín LINU e do latín vulgar LINARE, ‘liñar’, e está moi representada en toda a toponimia de Galicia. A Horta do Liño en Eiró, Liñoso e As Cortiñas de Liñoso á dereita da estrada, antes chegar a Imo, Liñares en Dodriño e Lestrobe, onde hai A Fonte do Liño son testemuñas dunha actividade artesanal que permanece viva no recordo das xentes.
O Lirico son toxais de riba do Rueiro. Recolle a palabra o Padre Sobreira (Vegetables) como “nichela, gramínea do centeo”. José Luís Pensado (1974) relaciónaa coa portuguesa lerica (“planta que nasce nas searas e produz unhas sementinhas pretas; ervilhaca”, no dic. de C. de Figueiredo), leriquia en Franco Grande (2ª ed.). No Dicionario Xerais identifícase cunha gramínea, o xoio (Lolium tremulentum), que invade o cereal e no Estravís dise que é semellante á vicia. Algunha das súas variedades inza os nosos campos nos anos de escaseza polo que tamén se lle chama “herba da fame”.
Os Lobetos está no monte de Teaio, A Barreira dos Lobos en Bustelo do Monte e Lobéns abaixo do Mirador de Lestrobe. Seguramente deriven de lobo, LUPUS en latín, pois os lobetos son as crías. Foi animal temido polas nosas xentes sobre todo polos estragos que causaba no gando. Raramente chegaban a estas aldeas de baixo pero era doado escoitalos ouvear hai anos nas de monte. En todo caso, os encontros coa fera sempre se contaban coma un suceso extraordinario. Son moitos os ditos e refráns nos que aparece: “Na terra dos lobos hai que ouvear coma todos”, “O lobo tira ó monte”, “Verlle as orellas ó lobo”… Durante o século XIV o arcebispo Berenguel de Landoira, que lle deu nome á Berenguela, a torre máis fermosa de Galicia, mandou que unha vez por semana, desde a Coresma ó San Xoán, se organizasen batidas contra os lobos nas parroquias, co cura á fronte dos fregueses. Sería cousa de velas. O que si vimos de rapaces é que cando se mataban raposos paseábanos coma trofeos pendurados nun pau, pedindo polas portas. Iso mesmo facíase noutras parroquias cos lobos abatidos. Moi preto nosa, en dous lugares diferentes, na Capela do Santiaguiño do Monte e na Fonte do Carme de Padrón cincelouse na pedra un encontro imposible: O apóstolo Santiago bautizando a Lupa, raíña de lobos ou madama de lupanares, señora de terras na Iria de hai dous mil anos.
Lameiro, lodazal, iso é lodeiro. Do latín LOTUM, ‘lodo’, lama, arxila e de LUTARIO, ‘lodeiro’, onde abunda o lodo. Son nomes que adoitan ir asociados a terreos encharcados e fangosos. Temos o topónimo O Lodeiro en Lestrobe, Dodro, A Devesa e Teaio e O Agro Lodeiro arriba de Traxeito. Sarmiento non aclara cal sexa a árbore chamada “lodeiro” ou lamigueiro que identifica co lotus homérico, aínda que pensa que poida ser o ameneiro.
Lomba úsase para nomear a parte alta dos cumios dos montes cando é redondeada e de inclinación moderada ou a calquera altura con esas características por similitude coa curvatura do lombo, LUMBUS en latín. A Lomba das Pozas é o cume do monte de Bustelo e O Lombo da Bouza está en Imo.
Leiras longas, extensas, de moita lonxitude. Do latín LUNGU. O Longuiño de Baixo e O Longuiño de Riba están en Bexo, As Longas e Primalonga (a primeira delas) en Tarrío e O Longuiño nas brañas, As Longas en Imo (nun foro de 1661), Agro Longo e Cortiña A Longa en Teaio, Pedra Longa en Manselle, Agro Longo e As Longas na Veiga de Eiró, dividida nunha restra de propiedades tan alongadas case coma os camiños que accedían a elas. En todos os casos facemos xorda a cosoante sonora: Loncas. Largas de Fóra, en Teaio, debe de ter o significado contrario; ancho, amplo.
O loureiro (Laurus nobilis) é árbore común en Galicia. Pasou á nosa fala a través do latín vulgar LAURARIU. Úsase na cociña tradicional galega para facer o escabeche das sardiñas, cocer os cachelos ou afumar os chourizos. Atribúenselle propiedades máxicas como protector e purificador dos fogares. En Delfos a pitonisa entraba en trance masticando follas dos loureiros do bosque sagrado de Apolo. No século VI San Martiño de Braga en De Correctione rusticorum advertía contra estas e outras supersticións intentando evanxelizar ós suevos: “Que esperan estes infelices atentos sempre ó voo das aves (...) a acender velas ás pedras, ás árbores, ás fontes (...) poñendo loureiros na entrada das casas”. Mil catrocentos anos despois as nosas xentes santíguanse ó pasar diante dun cruceiro pero tamén seguen a poñer loureiros nos pinches dos tellados para celebrar o albroque. Nese sincretismo pervivimos. Os Loureiros está en Bustelo e Sosloureiros debaixo das Melreiras, entre Tarrío e Tallós, e parece claro o seu significado, aínda que Joaquín Caridad di que veu desde un prerromano Solorius. Os Loureiros e Os Loureiros da Fame son leiras na braña de Lestrobe, terras ermas, de herbas ralas nas que non daba medrado nada. O poeta Ramón F. Reboiras lémbrase nos seus versos do tempo dos loureiros e da roupa limpa nos aramios .
Antropónimo, este noso Lourenzo sería dono duns labradíos en Bexo. San Lourenzo morreu asado nunha grella no ano 258, reinando o emperador Decio. Como se di que foi queimado con cascas de ovo, non deben botarse estas ó lume. Rosalía escribe da carballeira compostelá que leva o nome do santo: “San Lourenzo, o escondido, cal un niño antre as ramas ”.
Lourido derivouse de LAURUS, ‘loureiro’, pero Cabeza Quiles prefire a xénese oronímica facendo alusión a lugares pedrallentos ou canteiras. Procedería entón dunha hipotética raíz céltica LAR/LOR co significado de rocha ou pedra. É sinónimo de pálido, dourado, pero tamén equivale a outeiro ou pena grande. Louride e O Cruceiro de Lourido son topónimos de Dodro.
Aínda que proceda de LUCENTIA, ‘claridade’, hai acordo en que debeu orixinar NACENTIA, ‘o que brota do chan’, asociado co nacemento de fontes e mananciais. En Sarmiento, lozenza, lucentia: ‘crepúsculo’. Na Lucenza, nas Antas de Granada, sitúa unha tradición xa esquecida de Laíño A Fonte do Encanto. Porfían os que a viron desde estas vellas aldeas que, sinalando o seu emprazamento, na ladeira do monte de Sar, había unha estraña luz acesa todas as noites do ano.
Na lembranza comunal dos de Dodro ficou inscrito gravado o día en que, fartos dos abusos do Marqués de Bendaña, botárono ó río de San Lufo dentro do palanquín no que o portaban á misa de domingo na igrexa de Santa María. Guindaron o xigante ás augas ó pasaren pola ponte do San Lufo, para porlle fin, aínda que fora simbolicamente ó dereito de pernada, o “ius primae noctis”, que non foi abolido ata a Constitución de 1812. Do lado de baixo da actual estrada xa cambia de nome o río e chámase Río do Cabalo porque disque os levaban a beber os feirantes que ían para a Pascua. Tamén se coñece como Río de Vigo. O nome do santo debe de ser xermánico, emparentado coa partícula “ufe/ulf”, lobo. Algúns nomes da historia medieval de Galicia levan esa terminación, coma o bispo Ataúlfo que se enfrontou a un touro bravo en Iria para librar da acusación de sodomía, ou Ulf o viquingo, apodado O Galego que arrasou as terras de Iria nos albores do segundo milenio.
Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón