Como nos chega desde o latino VALLATU, valado, debe escribirse con “V”. En Dodro é voz ben viva valo co sentido de ‘muro feito de pedras’ e tamén valada, montón grande de toxos, de achas de leña… Valo e Valado recóllenas os dicionarios históricos incluído o de Aguirre del Río, designando case sempre cerres ou muros ergueitos con terróns, pero aquí entre nós son cercas de pedra e usáronse tradicionalmente para cerrar as fincas de labradío e os agros do monte. Os outros son arrós. O Valado e Tras do Valado son leiras de Teaio e Agro Valado está no monte de Eiró. A Valada é paraxe do monte de Traxeito. O Casal, na Valada de Traxeito, vén descrito na “Relación de inmobles do Concello de Dodro” elaborada pola Dirección Xeral de Patrimonio coma un “conxunto singular” de varias edificacións (casas, hórreos, restos dun pombal) de cantaría e cachote situado na parte alta da aldea. Rosalía usa valo e valado indistintamente: “cantas flores silvestres nos valados ” e noutro recanto de Follas Novas “valos que naide atravesa”. En Manselle o poeta Anxo Angueira soñou un valo comunal feito con versos e con pedras do monte Caldebarcas.
O topónimo Valiñas está entre as propiedades das aldeas de Sar, O Rialiño, Teaio, Dodriño e Revixós. Este último pode ser o Baliñas que López Ferreiro sitúa no lugar de Lestrobe, citado como unha posible casa de baños ou balinea na época romana. Sarmiento fai proceder o nome de BALNEUM pero José Luís Pensado explica que requeriría unha base latina vallinea que non hai. Na zona oriental de Lugo, valiña equivale a val pequeno, suave, aínda que sexa en altura. As nosas Valiñas posiblemente deriven tamén de “vallis” e designen pequenos vales no outro val grande do Ulla, por iso decidimos escribilas con “V”.
A Ballota nigra é unha planta da familia das labiadas, moi semellante ó Lamium pero menos usual. Hai tamén unha subespecie de aciñeira que leva o nome (Quercus ilex subsp. ballota). Se esa fose a orixe da Fonte Vallota, en Bexo, cecais procedera do árabe BELLUTA (bellota, no castelán) pero no caso de escribírmolo con “V”, viría sendo “fonte do val alto” coma o topónimo que estudamos a continuación. Gerhard Rohlfs (1985) cita o nome entre os derivados de ALTUS (Vallota, Ribota, Silvota…).
Adoita escribirse case sempre con “B”, pero debera ser con “V” pois formouse a partir da palabra latina VALLIS, ‘val’. Valouta sería a forma galega de ‘val alta’. Está en feminino, posto que era o seu xénero en latín. Quedounos Balouta no dicionario de Aguirre que o atopa na zona de Lalín. Non precisaba tal viaxe; témolo aquí ó norte de nós, como pano de fondo do val de Laíño.
A Veacova debeu formarse desde Viacova, vieiro afondado no monte ou camiño da cova, congostra. Cítase nun documento de 1109 do Mosteiro de Oseira sobre unha venda en Lestrobe como Vias Covas. Algúns dos via galegos poden tamén ter filiación xermánica: WIGA, ‘loita, combate’. Para J. L. Pensado, no Onomástico … de Sarmiento, Vea formouse a partir de Velegia (así está no Cronicón Iriense, escrito Belegia) e non de Vía. O topónimo Veacova, como xa dixemos, é de Lestrobe (hai quen pronuncia A Aveacova) e Viachán está no alto do monte de Pinas, en Castro.
En case todos os dicionarios está como terreo baixo e fértil, plano e de gran extensión. Engaden outros o matiz de que é un sitio húmido, o que concorda coa que parece a orixe da palabra: a voz indoeuropea BAIKA, “ribeira”, do vasco IBAI, río, e co sufixo “ – ka”, ‘parte do río’. Son de Bexo A Cortiña da Veiga, O Agro da Veiga, A Veiguiña e A Veiga de Baixo, á beira do río grande, onde se recolleron fragmentos de tégulas que poden indicar algún vello asentamento. A Veiga é de Dodro, O Alto da Veiga está do lado de baixo da estrada e A Veiga da Cruz na braña. En Imo está O Cruceiro da Veiga, A Revoltiña da Veiga, Suaveiga e O Agro da Veiga. Do Rialiño é O Pradiño da Veiga. De Teaio, A Veiga de Riba e A Braña da Veiga. En Pexegueiro está O Muíño da Veiga; no Bustelo de Paizal A Veiga de Abaixo, e en Traxeito A Devesa da Veiga. A Veiga de Eiró, cara ó leste da aldea, ten un Portelo da Veiga. O Agro da Veiga está en Manselle; A Veiga Vella, en Bustelo e A Veiga de Riba, en Sar e abaixo de Rial. A Veiga da Senra é o agro entre Rial e Tarrío.
Na toponimia de Catoira topamos co mesmo nome, que G. Navaza supón derivado de vela (lat. VIGILARE) ou alteración de valiña, diminutivo de val. Cabeza Quiles presenta documentación medieval que reforza a primeira hipótese. Xulia Marqués fai vir veliña de val co cambio no “A” pretónico por proximidade do “I”. A Veliña está no alto da aldea de Lestrobe, non lonxe das Torres de Hermida, calados sentinelas de pedra que tamén vixían o val, ás que curiosamente os veciños lle chaman A Durmida. Podería ter esta etimoloxía O Alto da Pedra Vixía que está no cume do monte, entre a Devesa e Castro.
Vigo é unha aldea da parroquia de Santa María de Dodro, da que tivo que ser núcleo importante. No lugar estivo a casa consistorial ata 1906, en que se trasladou a Tallós. Desde a Torre de Vigo mandou nestas terras o Marqués de Bendaña. O nome fórmase desde o vicus latino (vila, aldea, barrio ou asentamento no territorio máis amplo dunha civitas: Iria). Ó tempo que o Imperio Romano foi avanzando, difundíronse tamén os vicus. Está recollido amplamente na documentación medieval co sentido de aldea ou pequeno poboamento rural pero faltan aínda estudos máis en profundidade sobre o tema. Os vicus viarii funcionaron como paradas, descansos na rede viaria romana. Como tal, a voz perdeuse na lingua oral pero pervive en veciño e os seus derivados. Xa dixemos que pensamos que por aquí seguramente pasaría un ramal da Vía XIX, Per loca marítima, ou a propia calzada, procedente de Iria, en dirección ó Barbanza. Os stadia ou distancias que separaban as mansións das vías romanas, coma o mundo de Risco, son asegún. Ningún dos especialistas que escribiron sobre o tema colocou o Vico Scaporum (Vicus Caporum) no noso Vigo, pero seguramente podería estar co mesmo dereito que nos outros.
Xa comentamos que casais, quintas é vilares designan partes que se foron arredando das vilas a partir do século XI, ó tempo que se foi ampliando o espazo cultivado e a poboación. A orixe está na villa romana, casa de campo ou granxa, que na alta Idade Media galega veu sendo unha explotación agraria e de residencia. Aguirre define vilar como ‘casa de campo, aldea’. Non sendo a Fonte Vilar, na divisoria co concello de Padrón, os demais vilares están agora a certa distancia dos núcleos habitados, pero ese é desde logo o seu significado, se ben cabe a posibilidade de que algúns sexan antropónimos. Vilar está na veiga de Lestrobe e no monte de San Gregorio. En 1232 o abade do Mosteiro de San Martiño Pinario cédelle a Pedro Peláez Sardina a herdade chamada Vilar do lugar de Lestrobe. O Monte do Vilar está preto do Santiaguiño e O Alargo de Vilar na estrada que vai á Chisca, en fronte de Traxeito. Vilox e Agro de Vilox, que están na Devesa dos Mouchos, seguramente teñan relación cos anteriores topónimos, aínda que Joaquín Caridad, na Toponimia céltica de Galicia nos di que a divinidade solar celta Vilo, (latinizado en Bellus), vencellada coas fraguas e co lume dos fogares, lle deu nome a moitas falsas vilas. O último día de abril acendíanse na súa honra fogueiras lustrais para lles dar fertilidade ás terras e saúde ás xentes.
O Vinte estaba en Vigo, do lado de riba da casa do Marqués. Foi turreiro de festas e feira, que se celebraba o vinte de cada mes, de onde lle vén o nome. No ano 1760 ingresáronse na Feira de Santa María de Dodro do Couto de Lestrobe, 101 maravedís por cortaduría e 1751 pola venda de viño (López Pérez, 2005). Feiras grandes eran a de San Xián de Requeixo en Cesures e, en Padrón, a da Pascua, pero había ademais catro feiras da casca e catro de gando. A de Estramunde era o día vintenove. O carallo vintenove eche a feira en Estramunde .
A etimoloxía está no VINEA latino, ‘plantación de vides’. No libro de Álvaro Pérez cítanse varias viñas, algunhas entre nós. O notario debía ter a man frouxa porque está escrito con moitas vacilacións: “vjna, bjna, vjña, bjña”. Temos o topónimo A Viña en Lestrobe, Reboiras, Traxeito, Tarrío, Vigo, O Rialiño e Revixós. Pero hai outras. Algunhas son estas: O Agro da Viña é de Reboiras; Suaviña de Manselle e A Viña do Cruceiro de Eiró. Tras da Viña está en Vigo. As Viñas son de Imo. Debaixo da Viña e A Viña da Fonte son de Revixós. A de Viñas é de Lestrobe. Trala Viña, A Viña da Eira, Suviñas de Fóra, Suviñas do Pozo, Chan de Viña e A Fonte de Chan de Viña son de Bexo. A Viña da Fonte está en Susavila. A Viña dos Perros é de Tarrío. Algúns “perros” hai no Nomenclátor que deben relacionarse con pedra como Peralta ou Perafita nas que se perdeu o “D”. Cara o surleste da aldea de Tarrío, arredor do Pazo, onde xa dixemos que estivera o Pazo dos Soutomaior, hai A Viña da Horta, A Viña da Hortiña, A Viña dos Tarríos, As Viñas. Sempre se dixo que houbera alí vidras dos mouros enleadas por antre loureiros e abeleiras, espalleres de uvas docísimas coma mel, que as deixaron cando tiveron que fuxir para Mouramia.
No Pozo dos Viturros, feito polos veciños arriba do Rueiro, recollíase a auga do rego de Arnelas e doutras fontes para regar no vran as agras de millo das aldeas de Tarrío, Rial, Eiró e Reboiras. Cedéronse as testas das leiras para a obra comunal e queda aínda o muro de contención da presa e restos esnaquizados das canles polas que baixaba a auga. No Ulla, preto do Redondo hai O Pozo dos Viturros. Viturro é apelido que se concentra sobre todo no noso concello e no de Boiro. No Libro de notas de Álvaro Pérez, de 1457, aparecen varios Beturros.
Na estrada que vai de Laíño á Chisca, no alto do monte Valouta. Tamén se lle chama O Semilleiro empregando un castelanismo. As formas correctas son Pebidal ou Viveiro.
Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón