Pode ser antropónimo medieval, en Bexo, onde temos Padiño, Padiño dos Leandros, Padiño dos Morenos, Padiño de Baixo e O Agriño de Padiño. Padinho é topónimo portugués e supónselle esa orixe. Cóntanos Cunqueiro que Roldán tivo amores cunha serea, que pariu un neno nas praias de Sálvora, e por ser fillo do Paladín Roldán, foi coñecido como Palatinus. Del descenden os Padíns galaicos e os Mariño de Lobeira. Hai outras versións. Sempre as hai.
O Padronelo é o monte que está detrás da aldea de Imo. A estas alturas aínda está por dilucidar a etimoloxía de Padrón coa que debe estar emparentado este topónimo que se repite en diferentes sitios de Galicia e do norte de Portugal. Perdeu peso a teoría de López Ferreiro de que o nome procede do Pedrón, a ara romana á que quere a tradición que se atara a barca apostólica, pero non hai dúbida de que algúns microtopónimos con ese nome están asociados con aras ou miliarios romanos e en ocasións con dolmens (Monteagudo García, 2005 e outros). En Chaves dez cidades da Gallaecia bracarense levantaron o Padrão dos Povos, na honra de Vespasiano, o emperador que lle concedeu a cidadanía romana ós habitantes de Iria. Para outros autores podería facer alusión a pedras de término (estudadas por Ferro Couselo), grandes marcos que delimitaban terras ou comarcas. Consérvanse tres exemplares do século XII no concello de Padrón (Guitián Castromil e Guitián Rivera, 2001). No Tumbo de Santa María de Iria hai un Paderne, que xa non se conserva, na veiga de Lestrobe. A Poza do Padronelo e O Padronelo de Riba, os nosos Padróns pequenos, están ó pé do monte da Cruz do Abelán. Ir ó Padronelo para os de Imo é facer a derradeira viaxe, porque na aba do monte teñen o camposanto.
Paizal é o nome dunhas das aldeas de riba, na parroquia de San Xián de Laíño e Peizal son leiras de labor en Dodro, á beira do Ulla. O paínzo, como xa dixemos, deu en se chamar millo miúdo coa chegada do millo americano. Agora, ónde vai que non se bota. Son moitos os que se lembran del e din que se parecía ó alpiste dos paxaros. O pan de broa antes era de paínzo. Abelardo Moralejo, que estudou en detalle a os topónimos galegos sobre o cultivo dos cereais, relaciona o nome panicum con PANIS, ‘pan’ e co verbo PASCI, ‘alimentarse’, de maneira que sería tanto coma “cereal de pan para comer”.
Palleiro é un gran montón de palla (do latín PALEA), de forma cónica que se fai despois de mallar. Tamén os había de herba seca. Deixalo ben ergueito e equilibrado, sen que quede penso, ten a súa ciencia. Os Palleiros están en Teaio e abaixo de Pexegueiro, do outro lado do río que era onde se poñían. Érguense coa palla xa trillada ou coas canas do millo, en facendo a milleira.
Ó leste da aldea de Tallós está Cinco Palmos. O palmo era unha medida lineal, a distancia entre o dedo pequeno e o polgar, pero usábase tamén como unidade de superficie e para cubicar madeira, con distinto valor en cada comarca de Galicia. Aquí puidera ter sentido metafórico e un punto irónico por mor da escasa superficie do predio ou da edificación, pois queda aínda unha pequena casa de pedra. No Tumbo de Santa María de Iria, as herdades desta igrexa en Lestrobe mídense en margees, cóvedos e varas. Ata que se implantou o Sistema Métrico decimal no século XIX usáronse patróns antropométricos: palmos, cuartas, pés, leguas….
É outro dos topónimos cos que nos agasalla o Castro de Traxeito. Nun espazo reducido, arredor del, atopamos máis de dúas ducias de nomes o que dá idea da súa intensa ocupación ó longo dos séculos. Este Palomeira está na fondura da encosta, á beira da estrada. Estudámolo á parte de pombal, que veremos máis adíante, porque hai autores que defenden a procedencia desde unha base prelatina PAL, ‘pradeira inclinada e escarpada’ (Hubschmid, en Enciclopedia Ling. Hisp. ). As formas correctas galegas referidas ó lugar no que viven as pombas serían pombar, pombeiro e pombal, a partir do PALUMBA latino. Rosalía usou indistintamente pomba e paloma, palomare e pombal. Corominas pon en relación o topónimo catalán Palomeres con lugares nos que se apostaban os cazadores de pombas trucazas (Bruguera i Ligero, 2006).
As terras onde abunda o panasco, que Aguirre anota como “terrón seco”, son panasqueiras. Outros dicionarios apuntan a idea de que se pode queimar para usar a cinza como fertilizante. Tamén está como prado ou como 'herba basta e áspera que se usa para pasto'. Panascaes no Elucidário son campos cheos de herba que se non labran. Menciona Sarmiento a palabra pero pouco sabemos da súa orixe, aínda que Corominas faina proceder do latín PANNUS, pano. A Panasqueira está na veiga de Lestrobe.
A Paradela, no monte, á beira do rego de Manselle, é descanso no camiño á Chisca. As Paradas detrás da Aldea da Igrexa, no Rueiro e As Paradiñas en Eiró, formaríanse a partir de PARATA, ‘parada’, descansos orográficos. Están asociados case sempre con antigos camiños. No Elucidário hai un significado curioso que ten que ver cun privilexio medieval, o “dereito de parada”, polo que os señores podían perseguir os servos e paralos lonxe das súas xurisdiccións.
O Alto da Paradegua e A Paradegua, están no monte de Bexo, na divisoria actual entre Dodro e Rianxo. É atalaia magnífica, lugar privilexiado no que as diferentes civilizacións que por aquí pasaron foron deixando as súas marcas coma os canteiros nas pedras. A uns poucos metros vense as murallas impoñentes dos Castros de Bexo e as mámoas da Fonte do Ouro, O Tombo, no concello de Dodro, e do lado de riba as de Rianxo coroando o espiñazo requeimado do monte de Burés. Por aquí debía transcorrer algún desvío da Vía per loca marítima pois era o paso natural para o Barbanza, xa se viñera de Laíño ou de Rois, aínda que non o contempla ninguén nos seus estudos. Sarmiento percorreu estes camiños debullando coma unha ladaíña os nosos nomes pero non citou este. Pola Paradegua, no Alto de Bexo, pasaba o vello Camiño Real, no que a sombra de Xanquinto amedrentaba os camiñantes (José Antonio Durán: Crónicas).
Aínda que nalgunhas ocasións este topónimo se asocia con menhires do período megalítico ou con miliarios romanos o máis habitual é que sexa unha pedra fincada, chantada no chan (lat. PETRA FICTA) cumprindo a función de delimitar unha comunidade ou un territorio. Sería entón Parafita un marco de término, no camiño que vai desde O Alto de Ribada ata Castro. O certo é que están sempre asociados coa rede viaria romana ou medieval. Paramiñatos, onda o serradoiro de Teaio, debe de ter a súa orixe tamén no PETRA latino. O miñato (Buteo buteo) é a máis común das nosas rapaces.
O substantivo páramo designa un terreo alto, sen vexetación, chan e moi venteado. Pénsase nunha xénese prerromana, despois, do latino PARAMU. Paramos é nome de Traxeito. Está pouco representado na toponimia maior pero debe de abundar na microtoponimia, e na memoria quédanos o das Bronté, desacougante, arrecendente a breixos e queirogas.
As Paredes están na veiga de Manselle, e son topónimos referidos a restos de construcións en ruínas. Chegou a nós desde PARIETE, en latín. As Pardellas e As Pardelliñas de Bexo terán tamén que ver con paredes, paredóns ou muros derruídos. Pardelleirio e pardiñeiro valen por casarellos arruinados e estartelados. No dicionario, Aguirre, chámalle pardiños ós canteiros.
Botar unha parolada é ter unha conversa intrascendente, palicar, falar por falar, pero quizais o topónimo Parolada, de Salvanxe, sexa alteración de Paralada. Pedra lada, petra lata, que figura en Sarmiento. Na opinión de J. L.Pensado trátase dun arcaísmo no que está presente o adxectivo LATUS, substituído despois por amplus.
Díaz Fuentes na Toponimia de Sarria entende que a forma correcta sería Espasande, a partir dun posuidor medieval, Espasandus. No noso caso, coma outros topónimos con significado próximo: Paso, Pasaxe, Pasal, Pasadoiro… O Pasante terá que ver con pasar, do PASSARE latino, pois está no alto de Castro, a carón dun camiño ó que se accedía desde a aldea polo Portelo do Castro.
Patrimonio é o conxunto de bens que herdamos dos antepasados. O Patrimonio (do latín PATRIMONIU) está de riba da aldea de Castro. En Dimo (Catoira) cítao tamén Gonzalo Navaza, referido a propiedades herdadas en oposición coas compradas. Nós temos arriba de Tarrío Comparade (terras mercadas) mentres que estas que tratamos serían do patrimonio familiar.
Entre Reboiras e Vigo, na aba do monte, preto de onde estivo o campo de fútbol de Morazón, no ano 1963 inaugurouse unha granxa cinexética que criaba perdiz vermella, colín de Virxinia, colín de California, faisán común e faisán inglés. Desde aquela pasou a se chamar A Paxareira (do latín clásico PASSER, ‘gorrión’, ‘pardal’, e xa na lingua vulgar PASSAR, ‘paxaro’). Nós mirabamos as aves exóticas desde fóra da redilla sen espentenexar, con ollos arregalados, e soñabamos, coma o Papageno de A Frauta Máxica, con telas tamén nas nosas xaulas e gaiolas. A fins dos anos sesenta trouxeron corzos e cervos. A Arca de Noé. Hoxe dedícase a outros usos do común e fíxose unha gardería para os meniños. Ás veces algún distráese, e pinta nos cadernos de raias paxaros que non son deste mundo de brañas e lameiros.
Os pazos galegos construíronse, como se sabe, sobre todo en época barroca, nos séculos XVII e XVIII e moitos deles parten de construcións medievais anteriores. En realidade proceden case sempre das mansións e das villas romanas do Baixo Imperio. O pazo é a vivenda por excelencia da fidalguía galega. Tanto pazo como palacio formáronse a partir do PALATIUM latino, ‘mansión señorial e suntuosa’. O nome venlle do primeiro que o emperador Augusto tivo nun dos sete outeiros de Roma, o Palatinum. Palacio é tamén forma galega culta, aínda que non frecuente. Dicía Otero Pedrayo que acaso os pazos galegos lembrasen as feituras do compostelano de Xelmírez. Esta ribeira do Ulla é terra de Pazos, de señoriais torreóns asentados nas abas e cotarelos dos nosos montes. Os pazos de Os camiños da vida miraban todos para o pór do sol. Os nosos descansan nas ladeiras mornas do mediodía, á raxeira do sol, ollando cara ó sur, coma se esperaran a chegada inminente de alguén polo mar da Arousa.
Abaixo da aldea de Tarrío houbo un pazo antes do que foi dos Ballesteros. Xa non queda lembranza del pero unha lenda esquecida di que un porco ha de encontrar fozando no lugar tesouros soterrados. Conservamos o topónimo: O Pazo (O Paso, foi sempre para nós co seseo característico da zona), onde hoxe está o Colexio Eusebio Lorenzo Baleirón. A Eusebio houbéralle gustado a coincidencia e faríalle graza que agora leve o seu nome o lugar onde tiñan palacio os descendentes do trobador do mar, Paio Gómez Chariño, a quen el cita no seu primeiro libro de versos: “E é gran coita de morte a do mar ”. Paio Gómez de Soutomaior era tataraneto daquel primeiro señor de Rianxo que lle gañou Sevilla ós mouros. Tiña torre en Rianxo, no Castelo da Lúa, e en Lantaño, pero debía ter tamén o seu pazo na nosa aldea de Tarrío. Corría o ano 1403 e cóntanos Ruy González de Clavijo que Paio foi enviado á corte do Gran Tamerlán, no corazón de Asia, con outros cabaleiros de Castela e regresou con dúas princesas que alá tiñan cautivas, como agasallo do Emperador dos mongois para o Rei de Castela Enrique III, pero namorouse dunha delas, María de Grecia, e ocultouna das iras do rei en San Sadurniño, en Cambados, e cecais aquí, no seu Pazo de Laíño, e refuxiaríanse os amantes entre os escuros loureiros e as abeláns. O Romance do Conde Laíño, o da barba orballada, que citamos máis arriba debe referir eses amores.
Polo que nos conta Martínez Barbeito (Torres, Pazos y Linajes de la Provincia de La Coruña) o fidalgo Antonio Ballesteros del Mazo e a súa dona María Cardama levantaron o Pazo de Tarrío en 1567 e fundaron vínculo e morgado con bens que posuían en Santiago e en San Xián de Laíño. Por volta do ano 1666, o do incendio de Londres, ardeu tamén o pazo. O capitán Antonio Ballesteros, Consultor do Santo Oficio e Rexedor da Cidade de Santiago, virouse tolo na súa torre de Tarrío e prendeulle lume á casa e ós papeis da facenda, ocasión que aproveitaron os xesuítas para reclamaren que se lles dera en foro o lugar de Chousiños, preto de Santiago, sobre o que tiña dereito a familia dos Ballesteros, ofrecéndose a duplicar o seu arrendo. A existencia dun contrato do ano 1626 outorgado a favor destes polo arcebispo Frei Agustín Antolínez púxolle fin ó preito. O escudo dos Ballesteros figura na parede norte con dúas béstas cruzadas, unhas vieiras e cinco estrelas en cruz. A familia deu personaxes ilustres. Algúns dos seus membros están enterrados na catedral compostelana e Luís López Ballesteros, do Pazo da Golpilleira en Vilagarcía, foi Ministro de Facenda con Fernando VII, o que usaba palató. Ese mesmo rei quedou prendado da beleza da herdeira do Pazo de Tarrío, que pasaba longas tempadas en Madrid.
Hai unha foto antiga do Pazo que foi dos marqueses Bendaña, na aldea de Vigo. Acaso fora o día do San Campio, a festa grande de Dodro, porque hai moita xente asomándose á balaustrada da torre maxestosa. Antes chamábanlle A Torre ou A Casa do Marqués, pero como o ditador viñera en ocasións a ela pasou a ser A Horta de Franco. No Pinal do Marqués facían noite os pascueiros que levaban os cabalos á feira de Padrón. Onde antes había piñeiros mansos xigantescos medrou despois un bosque de acacias negras. Nos primeiros anos da posguerra A Torre de Vigo foi desmantelada pedra a pedra e trasladada a Meirás para compracencia daquela corte das marabillas. A balaustrada do Pazo de Dodro dispúxose sobre o muro de contención da explanada que está diante do edificio co que “la vista del Pazo de Meirás quedó así muy mejorada” (Franco visto por sus ministros, Ángel Bayod).
As Torres de Hermida están en Lestrobe, na ladeira do monte San Gregorio e chámanlle os veciños A Durmida (A do Hermida). No Nomenclátor os topónimos con este nome figuran sempre coa forma normativa, sen “H”. Así aparece na lírica profana galego - portuguesa pero nas Cantigas de Santa María e nun gran número de documentos medievais, podemos ler tanto “ermida” coma “hermida”. No noso caso escríbese “Hermida” en case todas as fontes que consultamos incluído o Catastro de Ensenada. Mantémolo por tanto. O edificio está formado por un corpo central e dúas torres laterais presentando na fachada de poente un balcón con balaustrada sobre ménsulas de pedra. Hoxe destínase a turismo rural. Martínez Barbeito explícanos que en 1614 Xácome de Luaces comproulle a un cóengo de Iria a finca chamada Torre Alta das Ameas e fundou un morgado que abranguía o pazo e máis as súas terras.
O Pazo de Lestrobe, O Palacio, foi a residencia de recreo dos prelados composteláns. A idea foi do arcebispo Bartolomé Raxoi e Losada que era home de grandes empresas. Ordenou levantar o Seminario de Confesores que leva o seu nome na Praza do Obradoiro e pouco antes de morrer tiña en mentes facer un gran canal desde Padrón para levar o mar a Compostela. Despois da revolta irmandiña, o vello castelo da Rocha Blanca en Iria era unha ruína. Raxoi, por permuta de bens e de rendas patrimoniais, entre os anos 1751 e 1772, decidiu adquirir para a mitra en Lestrobe a casa, a capela e os terreos dos Quiroga, unha familia de Lugo, cerrando todo o recinto con murallas. Outro arcebispo, Felipe Fernández Vallejo remodelou o edificio por completo, fixo unha nova capela comunicada interiormente co pazo e levantou unha fonte diante quedando obrigado a darlle servizo diario ós veciños. No patio celebrouse cada ano a festa dos Afrixidos, arredor do chafarís da fonte coroada por un Santiago peregrino.
O topónimo Pé seguido da preposición “de” e acompañado dun substantivo é frecuente na microtoponimia (Pé da Viña, Pé do Monte…), e nestes casos equivale a “baixo de” ou “preto de”. Entre outras moitas acepcións ten tamén a palabra o significado de tronco ou talo, referido a especies vexetais e o de poste ou piar. Son pés os de millo, os que terman do hórreo, que nós chamamos potros, as pedras do muíño… Os pés de boi, ou brisos (Oenanthe crocata), umbelíferas que inzan as Brañas de Laíño, son extremadamente velenosas, moi semellantes á mortal cicuta que Sócrates bebeu na noite ática. O topónimo Os Peíños está en Teaio, a carón das casas e Pé Redonda son leiras de monte, arriba da Vacariza, aldea xa de Rianxo pero con algunhas casas e propiedades no Concello de Dodro. Quizais se refira a unha pena con esa forma ó pé da ladeira. Vacarizas (de VACCARICIA, e de VACCA) eran explotacións de gando vacún aínda que tamén se identifica o nome con lugares que foron curtidoiros, tanoiras. Houbo porto na Vacariza para atracaren os barcos que non podían chegar a Cesures. O nome cítase na Historia Compostelana e na Crónica de Santa María de Iria.
Todos os topónimos deste grupo formáronse a partir do latino PETRA, ‘pedra’ e son indicativos evidentes das características do relevo. É unha das palabras que máis representación ten na toponimia de Galicia acompañada as máis das veces por adxectivos ou complementos que a singularizan. Pedra Facha, en Bexo, é unha pedra fendida, partida ou escachada. O Pedroso, A Costiña das Pedras, O Agro da Pedrosa e Pedride son tamén desa aldea. No cume do monte da Devesa hai O Alto da Pedra Vixía (de VIGILARE). O Pedragal, A Pedra Cadeira (lat. CATHEDRA, 'asento'), As Pedras de Matachín (o que mata as reses, do lat. MATTARE, pero tamén, en Corominas, ‘danzante popular’ do it. MATTACCINO, ‘bufón, tolo’, con sentido despectivo, alcume) están en Bustelo; O Pedragal e As Pedras, en Teaio. En Dodro hai As Pedras, preto do Ulla, As Pedras de Boullón, no río mesmo, e Os Pedridos. Lestrobe ten A Pedra Ventureira (do latín VULTUR, ‘voitre’) na Rechanza, arriba do Mirador e A Pedra Palangana, (quizais, dinos Corominas, desde o ibérico PALAGA, 'pebida de ouro', polas bacías que empregaban os buscadores das areas auríferas) cunha oquedade a xeito de almofía, O Pedrazal e algúns outros penedos curiosos, que aínda que non conteñan a voz pedra, pedras son, coma A Arca de Noé, debaixo do Mirador, cara o lado de Dodro, talmente unha pétrea barca varada na ladeira do monte, ou O Escorregadoiro, unha laxe onda os lavadoiros da aldea pola que se deixaban esvarar os pícaros.
Dinnos que o lugar no que se atopa chámase A Alla, supoñemos que pola abundancia de allos bravos (Allium sp.). Gonzalo Navaza, na Fitotoponimia comenta esa posibilidade para topónimos semellantes. Ovo abisal froito do parto dos montes, A Pedra Redonda que está arriba de Vigo, no camiño que vai á Mina, é un outeiro ciclópeo, un petón xigantesco puído cara o nacente coma unha esfera celeste. Poñémola á parte porque o merece. Nas proximidades dela atopouse unha cabeza toscamente labrada nun bloque granítico que se conserva no Museo Arqueolóxico de A Coruña, probablemente do período castrexo. A Pedra Redonda ten na súa superficie, coma os penedos do Santiaguiño do Monte e coma moitos outros, covas ou cazoletas formadas pola erosión das augas, que a tradición popular quere que sexan as pegadas do cabalo do Apóstolo e noutros lugares de Galicia as marcas que deixou a burra da Sagrada Familia na fuxida a Exipto. O que está claro para as nosas xentes é que as pedras colosais que polos montes paran só puideron quedar varadas neles despois da chuvieira bíblica do Diluvio Universal. Terra de xigantes. Ó pé da Pedra Redonda os xeólogos non dubidan.
Esta Peixeira de Imo, do lado debaixo da Costa de Ribada puidera ser Peiceira, con seseo Peiseira, terreo no que se botou paínzo. A non ser que fora propiedade dunha pesca ou peixeira de Rianxo que viñera establecerse aquí.
Con Paio, Pelai é unha das formas patrimoniais galegas de Pelaxio, do grego PELAGIOS, home de mar, mariñeiro. Está na Veiga da Senra, entre Tarrío e Rial.
Case se perdeu a palabra na fala cotiá pero temos penedo como pedra grande ou rochedo, e penal que designa as lousas que tornan as augas nos tellados ou cada un dos testeiros dun hórreo ou dunha casa. Pena, é voz de raiceiras celtas, de PENN, ‘pedra, cabo, alto’ ou de pinna, ‘amea, pluma’, que non hai acordo aínda sobre iso. Gardóunola Aguirre no seu dicionario. O Alto de Pena, Os Agros de Pena, A Portela de Pena, As Covas de Pena, Os Cotos de Pena e O Rego de Pena están en Bustelo, O Monte de Penas, O Miradoiro de Penas están arriba de Lestrobe e O Penedo na mesma aldea. O Agro da Pena, é de Teaio, onde tamén hai O Penal, no medio das casas.
Serían tanto coma “lugares nos que se bota paínzo”, do latín PANICIU, a etimoloxía máis probable e máis aceptada. Outra posibilidade é que se formara a partir de PINU (pinicea, pinza, pinceira), como propón J. Piel para Pinza, en Viana do Bolo. As Pinceiras, A Cova das Pinceiras, O Pozo da Pinceira en Bustelo son aínda hoxe labradíos nos que en tempos se sementaría o cereal. As Penceiras de Sar é ben certo que son agora terras de monte pero están a carón das de labor, polo que é fóra de dúbida que antes foron áreas de cultivo. Hai As Penceiras en Manselle e en Lestrobe: “Iten o seu quinnon do resío da Prinçeyra” (Tumbo de Santa María de Iria). Falaremos de aquí a pouco de quiñóns ou partillas porque é nome da nosa toponimia. Resío ou rosío, axeito, é voz que usamos como espazo exterior pegado a unha casa ou a un muro sobre o que o titular fai valer os seus dereitos, pero antes aplicouse tamén ó terreo que rodeaba unha herdade. Eligio Rivas (2007) pon en relación algún dos nomes que comentamos con terreos en pendente, pensos. Entón serían con “S” que é como nós os pronunciamos: Penseiras.
A de Pensado é unha paraxe de Revixós. Aínda que parece claro que aquí se está a falar do dono do predio, pensado, coma penso, do latín PENDERE, ‘pender’, é o que está desequilibrado, en pendente, o que non se mantén horizontal e cae ou carga para a un lado. Escolleu esa metáfora poderosa Anxo Angueira, a da nao que, aínda pensa, mantén viva a esperanza, como símbolo da resistencia fronte o fascismo.
As Pereiras están en Susavila, A Pereiriña en Dodro, As Pereiras e Supereiras en Bexo, Pereiriñas abaixo de Tallós, en Castro e en Bustelo e A Cruz do Pereiro no Rialiño. Pode que haxa nomes que fagan referencia a pereiras bravas ou peros. Desde logo en Tallós habíaas e en Bustelo hai aínda hoxe vellos exemplares destas árbores no lugar; pero algúns destes topónimos formaríanse desde pera, derivado do PETRA latino, sendo por tanto pedreiras, petrarias.
É unha das aldeas da parroquia de San Xián de Laíño na caeira do monte das Casas do Porto, que son xa de Rois e quedan do outro lado. Seguimos o informe da Dirección Xeral de Patrimonio onde se nos fala da “variedade e complexidade das edificacións” da aldea, así como da gran calidade técnica dalguna delas e dos trazos de arquitectura culta que se poden atopar no acabado de piares, potiños, ménsulas ou chanzos de escaleiras. Valórase tamén a posibilidade dunha recuperación integral do conxunto malia que certos elementos como as pavimentacións non respondan xa á tipoloxía popular. No libro do notario Álvaro Pérez (1457) hai un Afonso Grande de Pegigeyro. Pexegueiro significa “lugar de pexegos” e vén de PERSICUM, aludindo á procedencia da froita. Dicía o escritor inglés G. K. Chesterton que os pexegos lle sabían mellor desde que sabía procedían da lonxana Persia. Da aldea de Pexegueiro, de debaixo da Fonte Sobreira, é German Calvo Bustelo, autor do poemario Emigrantes, que soubo das mágoas da saudade na Galicia de ultramar.
A Eira das Pías está no medio da aldea de Bexo. As pías fórmanse de xeito natural nas pedras como consecuencia da erosión, pero as das casas son pedras cóncavas, escavadas polos ciceles destros dos canteiros. Calquera das dúas puido orixinar estes topónimos. Pía está en Aguirre como ‘pozo’ ou ‘pilón’. Empréganse para lle dar de beber ó gando ou para botar as sobras da cociña. A maceira do porco e o fregadoiro eran tamén pías de pedra. Os píos foron aquí altos e cilíndricos cunha oquedade para machucar co pisón o millo, o toxo novo ou os carozos. Provén do latín PILA, morteiro.
No Gran Diccionario Xerais e no de Eladio Rodríguez aparecen picallo como conxunto de cousas miúdas e de escaso valor e picallada co mesmo significado, que sería moi próximo ó que entre nós ten ciscallada. Picaños son os restos que quedan despois de cortar madeira nos montes e é tamén un dos infinitos nomes que se lle dá en Galicia á folla do piñeiro. Chámaselle así nalgunhas aldeas do Barbanza. En Laíño dicímoslle picóns, picos en Lestrobe, garuma en Rianxo, buísas en Buxán… O topónimo O Picallo está para alá de Traxeito, no monte, á beira dos labradíos.
Cando había marea alta ata O Pichiño que está no Labego, na beira do esteiro de Tallos, chegaba O Paguche de Salvanxe co seu bote de velas brancas cargado de berberechos, tocando o corno polo medio das canaveiras. Cargábaos no carro dos bois e levábaos a vender polas aldeas. A peseta o caldeiro. Tamén viña con eles Pedro O Montañés que era da outra banda. En Aguirre del Río picho é caño, canal, e procede do diminutivo latino PICCULU, ‘condución de auga desde un manancial’. O pichel é unha xerra de estaño coa boca estreita para sacar o viño das pipas. Tiñan sona por aquí os picheleiros de Santiago. Espiche é un torniño de madeira que lle metemos ás perfias para probar o viño antes de abillalo. Hai tamén O Picho en Susavila. Ás nosas aldeas de riba viña O Picho de Cornes acomerar as vacas, conque podería ser antropónimo, se ben este suposto propietario do que falamos moitos posibles non tiña.
Derivada do francés “picot”, A Picota era un piar de pedra ou un poste de madeira, cun burato para poñer o pescozo, no que se azoutaba e se expoñía á vergoña pública a aqueles que incurrían nalgunha falta. Despois das Cortes de Cádiz ordenouse por fin a súa demolición por seren símbolos do réxime feudal, pero aínda hoxe estar na picota é estar exposto á opinión de todos. A tradición conservou o nome infausto do cadafalso onde o Marqués de Bendaña azoutaba ós reos da súa xurisdición na aldea de Vigo, do lado de riba da Torre, á beira da Fontenla. Nas respostas do Catastro de Ensenada exprésase que posuía a regalía de poñer xuíz no seu señorío. Castelao cóntanos en As Cruces de pedra na Galiza que os cruceiros de capela ou de Loreto de Noia e de Rianxo “lembran a figura dos rollos e picotas de Castela – ditos pelouriños na língoa galaico - portuguesa – , que moitas veces remataban en capeliñas i eran siños de xurisdición penal ou instrumentos de castigo”.
Descoñecemos cal sexa a orixe deste nome que está en Teaio, O Píldaro. Quizais se refira á píldora dourada (Pluvialis apricaria) que forma grandes bandadas nos meses invernais ou a algunha outra ave limícola semellante que se deixara ver pola zona. No Frampas I de Eligio Rivas pildrón é o animal que mordisquea a herba aquí e acolá ou a persoa que a deixa mal segada. Pildra en portugués, pero tamén entre nós (ou piltra), é popularmente leito, cama.
O piñeiro do país (Pinus pinaster, subsp. marítima) é probable que se introducira en Galicia desde o norte de Portugal a partir do século XVI. É o que máis extensión ocupa no noso concello, aínda que nos anos cincuenta e sesenta se repoboou con Pinus insignis, o que aquí chamamos Pino encina, procedente de California. Máis raros son os Piñeiros mansos (Pinus pinea), solitarios, de amplas copas, que dan os grandes piñóns. Habíaos enormes en Paizal e queda aínda un. O pinal ou piñeiral substituíu ós soutos e ás antigas carballeiras pero os seus brotes resisten aínda no estrato inferior dos nosos bosques en forma de noceiras e tropezas que son os nomes nosos das formas arbustivas do carballo. O Pinal da Braña está ó lado do esteiro de Tallós e refírese a el Rosalía nun verso que xa citamos ó falar da Braña (“véxote aló nas brañas, xa no pinar espeso ”) pois non houbo outro na zona. O Pinal e O Campo do Pinal quedan á saída de Lestrobe, á dereita da estrada que vai a Dodro. O Pinal da Costa está no monte Fontecova, arriba de Paizal; Balagón dos Pinos, preto de Formariz; Pinos Bastos (mestos), entre Teaio e a Devesa; O Agro do Pinal e O Agro do Piñeiro, na Devesa.
O Monte de Pinas é o nome xenérico que se lle da ó monte que está enriba da aldea de Sar. Pinas de Casal e Pinas de Alborés (antropónimo, para E. Rivas orixinouse no preindoeuropeo ALB, ‘altura’, mentres que en opinión de E. Bascuas estaría en relación co radical hidronímico ALBA). Os Outeiros de Pinas están na ladeira de Carboeiro, en Imo. Na opinión dos especialistas, este topónimo formouse a partir do latín PINNA, ‘pena’, ‘pedra’, e antes do céltico PENN/PINN, 'rocha', 'alto', que xa comentamos, e non de pinus. É monte no que abundan penas, laxedos e outeiros.
A Piolla son leiras arriba da aldea de Susavila. O nome pode ter que ver co piollo (PEDUCULU en latín) pola abundancia deles ou denotar terras pobres e ruíns. De feito hai topónimos afíns: Piollosa, Porto Piollo… Moi abundante na zona é a Pedicularis sylvatica ou Herba piolleira de flores rosáceas ou púrpuras. Piolla é tamén o mofo que se cría na roupa húmida.
A Pionxeira dá nome a uns prados e humedais na braña de Tallós, abaixo de Salvanxe, á beira do río. O nome fai alusión á abundancia de menta poenxo (Mentha pulegium), da familia das labiadas, cultivada desde tempo inmemorial polo seu arrecendo. Outra variedade que se pode atopar na zona é a amenta de auga (Mentha aquatica ). Pero sen dúbida a máis común de todas é a Menta suaveolens, menta brava ou mentrestes que medra á beira de todos os camiños de Galicia. As cultivadas son híbridos. Empréganse na elaboración de infusións, caramelos e licores coma o Pippermint. O noso veciño Luís Aguirre define o poenxo como nardo silvestre. Vaites.
A Pipa do Barco está en Teaio. Hai un Pero Pipa de Leyño no libro do notario Álvaro Pérez e puideron ser estes, terreos seus. O medio bocoi ou pipa é un recipiente para gardar viño e leva entre nós cincocentos litros. As máis usadas son as medias pipas. “Barco” puido formarse desde a raíz céltica BARG/BERG, ‘altura’ que xa comentamos máis arriba. Por haber, hai a posibilidade de que algunha pedra lembre a forma dunha nave.
Poito ou pucho é o becerro ou xuvenco, o xato, a cría da vaca, pero descoñecemos cal sexa a relación con O Poito que está en Imo, indo para Castro. En Natureza, toponimia e fala Eligio Rivas recolle apoita como sinónimo de apóutega.
Do francés POULAINE, a polaina era unha peza de coiro que cubría a perna desde o xeonllo ata o pé para protexela dos toxos cando se ía ó monte. Despois formou parte do traxe tradicional galego. A Polaina estaba nun arró que tiña esa forma, detrás do Castro de Traxeito. Así nolo contaron os veciños dos que tamén recollemos esta copla: Polainas, miñas polainas/non me vou de aquí sin elas,/que me preguntan as mozas/todas as noites por elas.
Pomar é un terreo con árbores froiteiras, sobre todo maceiras. En latín POMUM era ‘froita comestible’. O Pumar ou Pomar foron unhas leiras de millo entre Sar e Rial de Lagoa a carón dun arró con mazanceiras, Pormariño é da Veiga de Dodro e Sipumares (debaixo dos pumares) de Manselle. Hortos de Pomona, a deusa romana dos froitos e dos breves xardíns. Poma e mazá quedáronnos na arquiña das palabras antigas que nos deixou Aguirre, pero pomar non. É topónimo sobre todo de Galicia e da zona norte de Portugal. Hai unha fermosísima canción de Madredeus que se titula “O pomar das laranjeiras” e o Diccionario da Lingua Portugueza de Rafael Bluteau (1789) recolle a expresión “pomareiras mans”, que ben seguro lle había gustar a Rosalía. Ónde estaría o Pomar das campanas lonxanas que escoitaba?
Os romanos distinguían a COLUMBA ou pomba, da pomba brava, PALUMBA. Desta palabra acabaron derivando as pombas comúns, ás que chamamos agora palomas usando un castelanismo. As do monte por aquí son trucazas, pombos noutros sitios. Os pombais ou pombares son as construcións nas que crían. Poden presentar diferentes tipos de plantas pero adoitan ser circulares con cuberta cónica ou cunha única vertente a modo de ferradura. Case todos teñen unha cornixa arredor para se pousaren os pichóns. A primeira representación dun pombal, coma a do primeiro hórreo, está nas Cantigas de Santa María. Na Idade Media é frecuente na documentación (palumbario, palumbeyro, paumbeyro…), pero será durante o período barroco cando se produza a súa expansión sobre todo en pazos e reitorais.
Desde o latino PONS, ponte, formáronse esta palabra e os seus derivados. Pontella é unha ponte pequena de madeira ou de pedra para cruzar un regato. A Pontella e O Agro da Pontella son da Braña de Bexo e As Pontellas de Lestrobe, preto do Sar. Hai A Pontella tamén no rego de Pexegueiro, arriba da aldea, por onde cruzaba o camiño sacramental. Pontecela, abaixo de Imo, polo que nos din, sería unha ponte de poldras ou de pasais. A Ponte Quinteira está no rego de Tarrío, entre a aldea e O Rueiro. Xa veremos o seu significado e tamén o da Ponte do Portancho, en Traxeito. Ceán Bermúdez foi quen primeiro que asegurou que na Ponte de Cesures traballara o Mestre Mateo, que despois levantou o último pórtico do occidente, a semellanza dunha ponte de tres arcos, para que durante séculos pasara baixo eles a marea das humanas xentes.
A división infinita do agro galego provocou moitos dos atrancos seculares da nosa agricultura pero tamén esta toponimia bulizosa de valos, arrós e portelos para cruzar por eles. En latín PORTUS significaba ‘lugar de paso’. O porto de montaña sería o sitio por onde mellor se podía cruzar. As Casas do Porto están no limítrofe Concello de Rois pero o monte que queda cara o nacente delas pertence a Dodro e no topográfico chámase O Pico do Porto. O porto de mar é o lugar de entrada das embarcacións. Os ríos vadeábanse polos portos, para o que se dispuñan pasais ou se enlousaba o fondo para pasaren os carros. Os romanos, nalgúns portos, cobraban o PORTORIUM que gravaba o tráfico de mercadorías (Ferreira Preigue, 1988). Porta, co cambio de xénero, veu en designar ‘paso nun muro, entrada da casa’ e ‘portelo’ un acceso de entrada a unha propiedade nun muro ou nun arró.
Pouso e Pousadoiro (do latín PAUSA, ‘parada, descanso’, e PAUSATORIU, ‘onde se para’) serían ‘altos no camiño’, ‘paradas para descansar’, pero non sempre se refiren simplemente a contextos orográficos. Na toponimia maior tivo o significado de pousada, albergue. Os nosos pousos e pousadoiros son case sempre valos ou arrós acondicionados para pousar a carga. Acarrexábase a herba desde as campías ou desde a braña comunal, as mulleres na cabeza e os homes ó lombo, en cestos do aro, feitos cunha táboa e con corres de carballo ou de salgueiro retorcidas no lume. Descansábase nos pousos, primeiro no Pouso da Avesada e despois no Pouso da Arcai se se viña cara a Tarrío. Habíaos tamén en Solaíño, no Pazo, en Gradín, na Cascalleira. En Reboiras, quedaba un ó lado do Concello, outro en fronte da escola, e para aquí da aldea, O Pouso das Melreiras. En Bexo tiñan O Pouso do Cancelo, O Pouso dos Covelos, O Pousiño, entre tantos outros.
Pozo formouse a partir do latín PUTEUM, ‘fochanco’. Ademais de nomear unha perforación no solo para a extracción de auga ou unha paraxe máis profunda nun río ou nun regueiro, na nosa toponimia os pozos son tamén presas, construcións artificiais para empozar as augas pluviais e as dos mananciais, a fin de conducilas ás vivendas ou para a rega dos agros de millo. Coa do Pozo dos Viturros, no Rueiro, regábanse no vran as leiras de Tarrío e de Eiró. Había pozos para o millo por case todas estas aldeas. O Pozo de Verniz e O Pozo de Castro estaban arriba desta aldea. Os de Bexo regaban desde O Pozo do Rial ou desde O Pozo de Sinxeiras, os de Imo no Pozo Buguiño (quizais da familia de bugallo, do lat. BACA, ‘baga’ e GALLEA, ‘agállara’, ás que nós chamamos “cócos”), os de Teaio tíñanos nos pozos de Portarribó (de RIVUS BONUS), Fontebarrosa ou Carballós, os de Traxeito estaban no Pozo de Anterregos e no de Revixón e os de Manselle nos pozos de Enterregos. Arriba de Sar había seis ou sete, dous nas Antas de Granada, outros en Mós e os principais no Portogalo.
O Pozo Bastón está entre os concellos de Rianxo e Dodro, no río Té, arriba da Ferrería e abaixo de Bustelo. Hai veciños de Bustelo que din que é de Dodro e outros que de Rianxo. Nalgunhas edicións do topográfico está en Dodro pero os de Rianxo sempre dixeron que era seu. Aínda que así sexa, por se acaso, poñémolo. Bastón aquí é antropónimo, nome dunha familia rianxeira de vello. O capitán Bastón aparece citado nas Memorias do Cardeal del Hoyo como fundador da capela de Nuestra Señora de la Cruz que precedeu á da Virxe de Guadalupe. Para Corominas orixinouse no italiano bastione, ‘bastión, construción defensiva’. Podería ter que ver co caxato ou bastón (BASTU). Conta a lenda dun soldado do Araño que serviu na guerra de África e coñeceu un mouro que lle dixo que no Pozo Bastón tiña el encerradas tres fillas e que lle ofrecía o que quixera se llas traía. Deulle tres bolos de pan e explicoulle o que tiña que facer con eles. Infortunadamente a un dos bolos sacoulle un anaco a muller do soldado cando os levou á casa. Xa no pozo, foi tirando os pans un por un á auga e foron saíndo as fillas do mouro, a cada cal máis fermosa. Como ó último pan lle faltaba unha rebanda, a moza saíu coxa, caeu e na caída arrastrou ás outras que aínda seguen alí.
Prados e praderías son campías onde medra a herba para o gando. O nome formouse como resultado do PRATUM latino. O Prado e O Prado dos Tarríos son campías abaixo de Tarrío e do Muronovo. O Prado haino en Dodro e na Aldea da Igrexa. Pradonovo, O Pradiño e O Pradiño da Veiga están por Paizal e Rialiño; Pradonovo en Traxeito; Prada e A Corredoira de Pradiña en Castro e en Imo, e O Pradiño no monte do Rueiro. No Prado do Cura, que é do igrexario (do latín CURA, ‘coidado, atención’), á beira do río de Vigo dise que está soterrada unha imaxe do San Lufo. Hai prados de herba treviña en Rosalía, “Prados, ríos, arboredas, pinares que move o vento…”, no poema dos adeuses.
A Presela son predios situados no desnivel que vai desde Traxeito deica o río. O nome é diminutivo de presa, procedente do latín PRENSUS (“AQUA PRENSA”) e tería que ver con pequenas presas para regar as leiras ou para abastecer un muíño, usando terróns ou pedras para facer un valiño que retivera as augas.
O Puntal do Bicaño, na Insua de Bexo e O Puntal da Porca entre O Pinal da braña e o río de San Lufo, son topónimos usados polos mareantes do Ulla, pequenas prominencias do terreo ou puntas de terra que se adentran nas augas do río. Procede do latín tardío PUNCTA, ‘ferida causada por arma punzante’.
Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón