De acordo con varios dicionarios, tabenla ou tarabela é un aparato que fai moito ruído para escorrentar os paxaros, formado por unhas rodas dentadas e unhas láminas metálicas que baten nelas. A Tabenla está no monte de Imo e pode que en tempos foran leiras cultivadas nas que había espantallos. Moi semellantes son as carracas ou matrácolas que se usaban nos oficios da Semana Santa.
A Taberna Vella, arriba da Devesa ten que facer alusión a algunha taberna (latín TABERNA) ou tenda na que se despachaba viño, bebidas e comestibles, aínda que ninguén faga acordanza dela. Tras da Taberna é da aldea de Formariz, e hóuboa. Polos dous lugares discorría o Camiño Real que viña desde A Escravitude, A Meana, Rois, e pasando pola Chisca, onde había unha venta (consérvase a casa), seguía despois por Bexo cara o Barbanza. Xa falamos del cando comentamos o topónimo Abelán porque transcorría ó pé do cruceiro que aínda leva ese nome. Tabernas, ventas ou baiucas (esta é denominación tardía) debían de ser relativamente concorridas xa daquela. No Catastro de Ensenada detállanse catro tabernas na parroquia de Dodro das que os propietarios “son mercaderes y a un mismo tiempo taverneros”, unha na de Laíño e unha “taverneira e estanquilleira” en Bexo, Beatriz de Rioboo.
Pasado o Cruceiro do Bazoco , no camiño que vai de Sar a Castro, A Tafona é a costa que sube ata esta aldea. Tafona é casa onde se coce e se vende pan. Ninguén se lembra dela pero tivo que habela porque á beira das casas hai unhas leiras que se chaman Tras do Forno. Do árabe TAHUNA, ‘muíño’ ou ‘moa do muíño’. Outro dos significados que se lle dá é, efectivamente, o de ‘muíño movido por cabalarizas’, coma o de Avelino, en Bexo. Non son moi frecuentes na nosa toponimia as voces árabes, pola pouca presenza que tiveron aquí.
Tallas e tallóns son pequenas propiedades agrícolas, formadas por mor dos diferentes repartos ou partillas que se foron facendo nas herdades de xeración en xeración. Son habituais nos nosos montes as medias tallas, confinando nun mesmo agro con outras enteiras que non se dividiron. As máis das casas teñen preto os seus tallóns e seguen a chamarlle así. Ás veces son simples marxas nun recanto dunha leira máis grande para botar verduras ou legumes. O nome procede do verbo latino TALIARE, ‘cortar, fender, partir’. Tallós é o nome dunha aldea da parroquia de San Xián de Laíño, na que está situada hoxe a capitalidade do concello. Nun dos pergameos de Iria do Mosteiro de Oseira dos que xa falamos, o do ano 1085, cítanse herdades “in loco predicto in Taliolo”, que os autores do artigo identifican con Teaio, pero que nós entendemos referido a Tallós. Ó lado está Talloíños. A Horta de Tallós está na aldea. Talloncesto é de Traxeito. Os Tallos e Os Talliños están en Teaio, As Tallas en Tarrío, O Tallo en Bexo, Tallada é de Lestrobe e tamén Tállara cun sufixo en “ – ara” que Moralejo considera prerromano.
Tarrío é unha das aldeas de San Xián de Laíño, no sopé dun altorelo suave, mirando cara as brañas da cor do limón. As casas arremuíñanse arredor das eiras e apéganse ós muros altos do pazo que foi dos Ballesteros. A Banda e o Rueiro, do lado de riba da estrada, son barrios da aldea. Dúas son as posibilidades que se barallan para dar conta da súa etimoloxía. A meirande parte dos autores entenden hoxe que a documentación antiga proba que Tarrío é forma composta pola preposición tras (TRANS en latín) e polo sustantivo río (lat. RIVU). Sería entón o seu significado ‘máis alá do río’ ou ‘tras do río’. Podería ser así tendo en conta que preto da aldea, cara o nacente, pasa un pequeno río co mesmo nome, pero hai quen non desbota aínda a idea de que se formara a partir de tarreo ou terreo, do latín TERRENUS. No libro do notario Álvaro Pérez figura sempre como “lugar de Terrío” e con ese nome aparecen varios veciños no ano 1457: Pero de Terrío e a súa muller María de Terrío e Johán de Bustelo morador en Terrío. A aldea de Tarrío de lonxe parece vila, se non foran os outeiros que ten do lado de riba é cantiga dos vellos. Nas brañas están Os Tarríos, á beira do esteiro que se cruzaba por unha pontelliña de pedra. En Tarrío demorou os seus días breves Eusebio Lorenzo Baleirón: “Mal coñecín a sombra dos meus pasos, lugares nun relanzo onde medrar a hedra abeirado da chuva do tarrío con névoa cando o outono pasaba de camiño das brañas”.
Teaio é unha das aldeas do monte de San Xoán de Laíño. Abaixo dela, xúntanse o río da Devesa co río do Pedregal e os dous van dar ó río Té que desemboca na praia da Torre, ó pé do Castelo da Lúa, do trobador e almirante da mar Paio Gómez Chariño, primeiro señor de Rianxo e seguramente de Laíño. En xeral as raíces TAM – (Tambre) e TE(N) – (Te) asócianse a hidronímicos. Edelmiro Bascuas estudando a hidronimia paleoeuropea de Galicia entende que poderían entroncarse coa forma TA, ‘derreterse, fluír’, ou coa raíz TINA que daría TENA e TEA, sempre con matices relativos ás augas. Nas nosas aldeas, aínda que agora se perdeu, cultivábase na beira das casas o té bravo (Chenopodium ambrosioides), que se lle daba ós animais e tamén o tomaba a xente. É unha planta orixinaria de México e pénsase que o introduciu en Europa o médico de Felipe II. Nalgunhas follas do topográfico o río do que falamos chámase Río do Té.
O Agro dos Teceláns é unha paraxe de monte de Lestrobe que debeu pertencer a xentes que tiñan un tear. Tecelán é sinónimo de tecedor, xa sexa de liño ou de la. A palabra provén de ‘tecer’, TEXERE e de ‘la’, LANA. Aguirre del Río, que era de Lestrobe, anota tecelán e tecedeira. Na mesma aldea existe o topónimo Liñares e había varios teares e pozas de liño na Lamela. No número 24 da revista “Aires da miña Terra”, editada en Buenos Aires en 1908, aparece un debuxo dunha Tecedeira de Lestrobe. Tiña que haber moitas coma ela. Tece tece tecelán, cantas varas tes de lan. Teño unha, teño dúas, teño tres, teño catro… para vestir o meu gato foi entretemento que nos contaban de nenos mentres nos rebeliscaban na man. Aínda non sabemos agora por que.
O teixugo, teixo ou porcoteixo (Meles meles) foi un mamífero moi abundante nos nosos montes. Ten unha pelaxe gris prateada polo lombo e a cabeza branca con dúas franxas características. É un gran depredador, de hábitos nocturnos e aliméntase de coellos, bichocas, landras e de plantas, incluído o millo, nas que causa auténticos estragos, polo que é perseguido polos agricultores con trampas, lazos e foxos. Nalgúns lugares de Galicia tocábase o corno polas noites para espantalos. O nome vén do TAXONE latino. Tanxugueira, ó pé do Castro de Traxeito e Teixugueira (taxonaria) en Pexegueiro, son hoxe leiras labradías nas que criarían os animais como as raposeiras son os tobos de raposo. Os Teixugos, Os Teixugos de Riba e O Regueiro dos Teixugos son áreas de monte arriba de Manselle nas que era doado velos.
Cabeza Quiles explica que o topónimo Tendal (TENDERE en latín) é frecuente nas vilas mariñeiras como lugar onde se tenden as redes. O Tendaliño está en Pexegueiro e O Tendal en Revixós e Lestrobe, pero aquí redes non temos, polo que aínda que algúns foran tendedeiros de roupa, pensamos que noutros casos serían sitios aireados para tender o liño a clarear despois de telo metido nas pozas. Botábase en carreiras a secar ó sol durante catro ou cinco días. Unha vez seco levábase en feixes para a casa onde se mazaba. Non está a palabra nos dicionarios históricos pero si no Diccionario da Real Academia Galega de 1997 que a recolle con este significado que comentamos e tamén no libro de Xaquín Lorenzo Os Oficios, que describe detalladamente todo o proceso. En Pexegueiro, onde temos o topónimo, do lado de riba da aldea, había pozas para o liño e tamén no Portancho. No Vocabulario de Crespo Pozo, tendal é a mesa de pedra para pousar a masa á beira dos fornos e no Gran Diccionario Xerais está como alboio para gardar o carro e os aveños. As mouras botan o tendal de roupa pola noite e levántano coas primeiras luces da alba para que os mortais non coñezamos os seus segredos.
Quizais designara predios dedicados a plantas para tinguir (lat. TINGERE) ou pertencentes a tintores e tintureiros. Unha delas, a herba carmín ou Phitolacca americana chámase tamén tintureira e pódese ver coas grandes piñas de cor escarlata escura, case negra, polos nosos campos e arrós. Figura no catálogo de especies da Flora Invasora de Galicia. Nós chamámoslle granas pero na Flora do Padre Merino recóllese co seu nome máis común: herba carmín. Usouse ilegalmente para lle dar cor ó viño, e seguramente na industria do tecido, pero houbo outras destinadas ós mesmos fins que se plantaron por toda Europa occidental sobre todo a partir do século XIV en que empezou a haber unha gran demanda de plantas téxtiles e tintorias. Así ocorreu co anil que se sacaba da Isatis Tinctoria, antes da chegada do índigo de oriente no século XVI, ou coa Rubia tinctorum e a Rubia peregrina que se empregaban para a obtención das tinturas vermellas (lat. RUBER). A segunda cítaa o Padre Merino na Pobra do Caramiñal e aínda se pode ver nalgúns lugares. Recóllense no dicionario de Cuveiro. Ó Tentureiro que está en Dodro vaise buscar barro, xabre para asentar as cociñas económicas, as de ferro ou bilbaínas, que aínda hai quen as pon. Tamén puidera ser que o nome viñera de que se usara o barro como colorante.
A Testa da Horta está en Bexo e ten un significado análogo ó que xa vimos para Cabeceiros. É voz que pasou directamente desde o latín e que se conserva na fala, non só referido á cabeza, senón tamén ás testas das leiras que son as puntas ou cabos onde empezan e rematan. Unhas entestan noutras. De non apareceren os marcos, entón hai que mirar con quen se entesta e quen son os estremeiros e confinantes.
As tomadas ou alargos son áreas do monte veciñal que lindaban coas revoltas pero que pasaron a mans particulares, tenzas noutros lugares de Galicia. Son polo mesmo terras aprehendidas, collidas ó comunal, xa sexa entre varios veciños ou individualmente, a miúdo acoutadas con chantas de pedra. Algúns autores pensan que ten que ver coa práctica da presura medieval pola cal se ían ocupando os territorios ermos sobre todo nas zonas reconquistadas ós árabes, pero non é o caso aquí entre nós. Aguirre define o termo como “posesión de monte cercado onde se dan patacas ou trigo, ou se deron e está a toxo”, coincidindo con outros. Algunhas son das parcelas forestais máis grandes do concello, coma A Tomada de Manolo ou a A Tomada dos Romay, as dúas ós lados da estrada que vai a Rois, antes da Fonte Primeiral. Son nomes recentes. A Tomada e O Rechán da Tomada son áreas do monte de Traxeito. A Tomada está tamén arriba da Aldea da Igrexa, na estrada que vai á Chisca xa preto da aldea e no monte de Teaio.
En Bexo, O Tombo é o nome dunha paraxe de monte na que hai mámoas. Distínguese perfectamente o seu perfil nunha pequena vagoada á esquerda da estrada que sobe á Paradegua, por onde debía de ir o antigo Camiño Real. A palabra veu da voz latina TUMULUS, ‘montículo de terra, altura, tumba’, significado que lle dá Ferro Couselo. Cabeza Quiles recolle en Reimóndez Portela un ritual que se realizaba no lugar de O Tombo, na Estrada, e encontra aí a explicación do topónimo. Trátase de voltear o doente dándolle tombos enriba dunha tumba, agardando que cure e que deixe alí a súa enfermidade. Non temos constancia de que se fixera aquí en Bexo, pero si que se levou a cabo ata datas moi recentes no sartego do Corpo Santo que está no altar maior da igrexa de Iria. A mediados do século XIX Fidel Fita en Recuerdos de un viaje a Santiago de Galicia explica que acoden as nais cos seus fillos enfermos desde toda a comarca e que postos sobre a tumba “cobrarán sáude e vivirán longos días”. Descríbeo Eloy Rodríguez Carbia no seu libro sobre a etnografía de Padrón: “O sancristán mandábao tombar enriba do sartego do corpo santo e comenzaba o rito do volteo que consistía en darlle sucesivas voltas ó ofrecido sobre cada unha das esquinas”. Unha vez rematado o proceso deixábase a roupa ó pé do cruceiro do adro. O ritual tamén llo practicaron a Rosalía cando era nena. Fálanos Murguía en Los Precursores de “el viejo sepulcro sobre el cual la pusieron moribunda y la devolvió viva”.
Do latín TORNUS, ‘volta’, tornar está nos dicionarios como ‘desviar a auga dun rego’. No de Isaac Alonso Estravís “tornadoiro” é o “lugar no que se torna ou desvía a auga para unha propiedade”. A Torniña son revoltas do monte de Teaio que, se derivan de onde pensamos, deberon de regarse en tempos. Regábase desde logo no Agriño da Torna de Pexegueiro, onde os veciños confirman que había pozos para tal fin. Á noitiña iamos botar a auga ás campías que quedaban preto das aldeas, tapando o rego principal con terróns, para tornala e desviala encaneirada polo prado abaixo, canto máis tarde mellor, porque así o último regaba a súa toda a noite. A distinción que se fai no dicionario de Valladares (1884) entre tornar a auga, en leiras de varios propietarios, e botala, en terreos que son tan só dun, non vale para nós. A uns metros do límite co noso concello, en Padrón, estaba O Agro dos Tornos. Consérvanse restos duns azulexos co nome nunha rúa do barrio da Trabanca.
No medio da aldea de Bexo hai unha construción de planta cuadrangular que case non destaca entre as casas da aldea. Detrás dela chámase Trala Torre. Hai tamén en Manselle Suatorre. Torre en galego é casa forte, do latín TURRIS, ‘edificio elevado, fortaleza’. As Torres de Oeste en Catoira, a da Lanzada, a de San Sadurniño en Cambados, ou a Torre Moucha de Padrón, formaban desde a Idade Media parte dun complexo sistema para a defensa de Iria e Compostela. Foron atacadas polos Irmandiños. Torres son tamén os campanarios, de onde, torreiro, campo das festas, porque se celebraban ó pé deles. Das Torres da Hermida en Lestrobe xa falamos. Chamábanse antes A Torre Alta das Ameas. O Pazo de Vigo para os veciños da aldea foi A Torre. Despois da guerra, cando a derrubaron para levala a Meirás chamábanlle A Torre do Paveiro, que era o nome do caseiro.
Antropónimo de filiación xermánica, seguramente desde un Teodesindus, THEUDA (‘pobo’), SINTHS (‘camiño, expedición militar’). Recólleno Sarmiento e tamén Piel e Kremer. Os Tosendes son de Reboiras.
Toupente son leiras de Bexo das que ignoramos o étimo. De toupa (lat. TALPA)?
Os Tourises, en Dodriño, deben ser propiedades da familia dos Tourís. É apelido da zona, moi raro no resto de Galicia coa excepción da Arousa. Na primeira viaxe de Sarmiento hai unha “isla Touris”. Tourís non ten que ver con touro nin é plural de touril, semella máis ben proceder do antropónimo hispano gótico Theodoricus (Piel, 1989).
Tendo en conta que J. M. Piel fai derivar Tourón do nome latino Tauronius habería que valorar a posibilidade de que proceda do antropónimo Tautonius. Tamén podería terse formado este Toutón de Castro desde unha base preindoeuropea TOUT, prominencia, emparentado con toutizo, terrón grande, morea de terra e materia vexetal que se forma de xeito espontáneo en predios que non se traballan a miúdo.
O toxo, ou toxo arnal, (Ulex europaeus) é un arbusto espiñento de flores amarelas que se adapta ben a chans moi pobres pola súa capacidade para fixar nitróxeno. Apañábase para estrar nas cortes e mesturado coa bosta das vacas co tempo convertíase en esterco para abonar as leiras. Todas as leiras de monte se chaman toxeiras, denominación xenérica, de maneira que os topónimos que recollemos son tan só indicativos e habería centos máis. Discútese aínda sobre a xénese da palabra, para uns o preindoeuropeo TOGIU, TOIU para outros autores. A mesma procedencia ten o nome de mosteiro de San Xusto de Toxos Outos (Togis Altis) en Lousame. Toxo é topónimo de Bexo, A Toxeira de Revixós, de Imo e entre Teaio e a Devesa. O Agro dos Toxos está en Imo e As Toxeiras en Teaio. O Tixoliño está no monte de Manselle. Tamén o hai en Catoira e faino derivar Gonzalo Navaza de “tixola”, pola semellanza dos terreos coa concavidade desta, pero aquí é máis ben unha lomba na ladeira e quizais o noso nome sexa da familia que estamos comentando porque veciños doutras aldeas chámanlle á paraxe O Toxaliño.
A Trampa é topónimo de Manselle que se formou desde a raíz TRAPP – /TRAMP – (Corominas), onomatopeia do ruído que se fai ó pisar. Designaría lugares polos que se pasa con dificultade. Xulia Marqués (A Toponimia de Trabada) cita varios Trapa como ‘trampas’. Trapa é voz que usamos para designar unha porta de táboas no piso ou no teito para dar acceso a un faiado ou a unha adega, pero que tamén se pode abrir por descoido ó pisármola. Caer pola trapa é sinónimo de colarse por ela. Nos montes, algunhas trampas de animais (raposos, lobos, teixugos…) deberon ter unha factura moi semellante ás trapas, con restos de vexetación ocultando unha cavidade na que caerían ó pasar por elas.
Todos os topónimos que referimos aquí van precedidos da preposición tras (TRANS): ó outro lado, máis alá, detrás de. Trala formouse a partir de TRANS ILLA. Temos en Bexo Trala Rocha, Trala Eira,Trala Viña, Tras do Souto, Trascortiña, Tralo Exo, Trala Torre. Na braña de Dodro Tras do Agro. En Castro Tras dos Fornos. En Imo Tralo Corgo, Tralagar (tamén din Traslagar) e Trasnabal. En Vigo Tras da Viña e Tras da Horta. En Teaio Tras do Valado, Trasporto, Tras das Eiras. En Formariz Tras da Taberna. No Rialiño A Dirección Xeral de Patrimonio considera de interese o conxunto de Tras da Pousa formado por diferentes edificacións dispostas arredor dun patio: alpendre, palleira, cortes, eira e restos dun pombal. Tamén da aldea é Tras do Palomar. Hai en Lestrobe Trasmuro, en Manselle Tras do Rego e Tras do Agro e en Tarrío Tras do Pazo (Paso).
Trasamundus foi un dos reis vándalos. Como xa observamos, os temas xermánicos MUND/MOND indican protección. A raíz tamén xermánica THRASA significa ‘batalla, loita, discusión’. Sería por tanto un antropónimo: ‘o que protexe na batalla’, pero non imaxinamos que escuros exércitos combateron aquí en Trasaminde, nas veigas floridas de Rial de Lagoa.
Procede o nome do adxectivo TRANSVERSAM, o que está ó través. Eran leiras dispostas en sentido transversal ás outras, ou como se definen no dicionario de Aníbal Otero “herdades pequenas máis anchas que longas con respecto ás colindantes”. As Travesas, están cara o poente da aldea de Tarrío. Hai tamén As Travesas na braña de Dodro e en Castro e O Traveso en Bexo.
O Treito, que está no alto de Bustelo, é paso natural, encrucillada na que se encontran catro concellos: Dodro, Rois, Lousame e Rianxo. Quadruvium. Desde estes montes de Dodro e polos cumes venteados do Confurco e do Barbanza, ata a beira do mar, andan as vacas bravas e os cabalos ceibos da estirpe dos de Ardanlier. Hai foliada no Treito,/que a fan as bestas bravas/coa punta do rabo ergueito. Treitar é voz que se usa aínda para marcar unha liña ou treita na estrema cando se empeza a sementar. Traxeito é o nome dunha das aldeas de riba de San Xián de Laíño, pola que se cruza desde as terras de Rois ata Laíño e ó lado dela O Portancho, porto ancho que xa vimos. Cítase na visita que o cardeal Gerónimo del Hoyo fixo por estas terras en 1606. A propósito da igrexa de San Xián di que “tiene más la dicha fábrica quinze ferrados de pan mediado por la terçia parte del lugar de Trageito”. No informe de Patrimonio fálase da dimensión xenerosa das vivendas e do seu carácter homoxéneo con bós traballos de canteiro nalgúns hórreos e nas columnas que sustentan algunhas galerías.
Trema é terreo fangoso e alagadizo, lameiro ou lodazal, nas brañas de Bexo. É voz viva na conversa dos máis vellos que ben sabían que cando se ía á herba á braña había que coidar de non afundirse nas tremas. En Aguirre hai tremesiño e tremedal, bulleiros, paraxes lamacentos tamén nos outros dicionarios. Do latín TREMERE, ‘tremar’.
O trigo (Triticum sp.) aparece hai oito mil anos en Oriente Medio no Neolítico, asociado ós asentamentos humanos máis antigos. É dos primeiros cereais cultivados. Aínda que empezou a se consumir cocido, a elaboración de fariña, ou foriña como a chamamos nós, foi técnica que desenvolveron todas as sociedades. Nos castros atopamos numerosos muíños de man naviformes, despois cos romanos chegaron os circulares, tamén manuais, e a partir da Idade Media emprégase o muíño hidráulico que fai máis doado o traballo. O trigo usouse en Galicia en menor medida que o paínzo ou o centeo, de maneira que ata épocas recentes cocíase normalmente o pan de millo ou broa quedando o de trigo reservado para os días de festa. Para festexar como é debido os casamentos bailaban as nosas mulleres con grandes moletes de pantrigo ou roscas na cabeza, chamadas regueifas, que acababan repartíndose entre os convidados. O nome despois pasou a designar o propia celebración ou a disputa improvisada entre os que cantaban. Abondosa nas nosas agras é a herba trigueira (Holcus mollis), de granciños miúdos. Os Trigais (de TRITICUM), preto das casas de Bustelo, en Paizal e abaixo da aldea de Tallós, foron pois campos de trigo: Que cousa é, que fai ondas coma o mar e mar non é?
O trobisco (Daphne gnidium) é un arbusto da familia das adelfas, de pequenas flores brancas e froitos vermellos. É planta velenosa que se ten usado como insecticida nos nosos hórreos contra o gorgullo, e tamén por pescadores furtivos para matar as troitas dos regueiros. A procedencia do nome en latín é reveladora: TURBARE, ‘adormecer’. Medraba nos campíos da braña e procurábase non apañala mesturada coa herba porque se dicía que malparía as vacas. Os Trubiscos ou Trobiscos son unha paraxe no monte de Eiró e A Trubisqueira está en Dodro, arriba da estrada, pasada A Cancela Abrea. Chamásteme trubisqueira/ Herba que o gando non come/ É mellor ser trubisqueira/ Que muller de ruín home.
Piel e Kremer (1976) citan Toande entre os derivados do antropónimo Teodenandus. A partícula xermánica THEUDA significa ‘pobo gobernadopor un señor’ mentres que a segunda parte do topónimo formaríase a partir de – NANDUS, ‘audaz’. Significaría por tanto ‘pobo atrevido’. Moralejo na Toponimia gallega y leonesa considérao tamén voz xermánica, e cita Toande, a partir dun Todenandi, que figura na Gramática histórica portuguesa de J.J. Nunes. Tuande e Tuandiño son toxais entre Imo e Bexo.
Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón