Pouco sabemos da etimoloxía de Dodro, que lle dá nome ó noso concello e a unha das súas parroquias, a de Santa María. Lestrobe e Dodro durante o Antigo Réxime foron couto redondo baixo a xurisdición do Marqués de Bendaña, que tiña pazo en Vigo. Torres del Río (2000) entende que Dodro e Dordo son diferentes grafías da mesma palabra. No Diccionario da Lingua Portuguesa de J. P. Machado, dordo procedería de DORSUM, 'cima', 'crista de montaña'. Co significado de auga hai a base hidronímica preindoeuropea DOR (Douro) e a raíz céltica DUBRO (Dubra, Dover), próximas foneticamente. Carlos Búa (2002) explica que Dodro podería proceder de – DORO, ‘lugar/praza cerrada’, en relación co FORO latino, a partir dun radical D'WER, ‘(en)cerrar’. Arriba da igrexa hai un Dodro pequeno, Dodriño, unha das aldeas da parroquia.
No primeiro documento certo de Dodro do que sabemos, asinado polo arcebispo Xelmírez en 1114, Aldara Guteridiz dóalle a San Martiño Pinario a cuarta parte da igrexa de Santa María de Dalodro. En 1118, a raíña Urraca e o seu fillo Afonso VII confirman esa doazón. En 1136 Pedro, abade de San Martiño, afóralle “ad vitam” ó cóengo de Santiago Fernando Petriz a cuarta parte da Igrexa de Sta. María de Daodro, que lla dera súa nai ó mosteiro, coa condición de que ó final da súa vida a devolva, con outra parte que polo visto xa tiña o dito cóengo. Estes documentos están na Galicia Diplomática, no Arquivo Destruído do Real Mosteiro de San Martiño Pinario. Polo Censo de población de las provincias y partidos de la Corona de Castilla en el siglo XVI sabemos que había en Dodro nese tempo 70 habitantes e 120 en Laíño. Pouco depois, cando chegou aquí Jerónimo del Hoyo, visitador do arcebispo, en 1606, a parroquia tiña
«noventa feligreses de jurisdición del aguazil Ribera. Vale la fábrica seis ferrados y un toledano de centeno y cinco ferrados de mixo. (…) Presentación de Sancta María de Conjo que es un monasterio mercedario que hay en Santiago y llieba por ello el convento seis cargas de pan, como patrón.»
A festa grande de Dodro celébrase na honra do San Campio. Rosalía deixou entre as súas anotacións inéditas esta copla popular que aínda lles soa ás nosas xentes: Aquelas nenas de Dodro ben se poden alabar,/ teñen ó señor San Campio vestido de militar. O santo, que na Serra de Outes, onde se veneran as súas reliquias, protexe contra meigallos e posesións do maligno, entre nós é avogoso dos mozos en quintas.