É palabra viva na fala co significado de ‘videira’, ‘plantón’, ‘estaca de vide usada para reproducir’. Despois da poda as vidras miúdas quéimanse, os sarmentos gárdanse para a brasa e os bacelos empréganse sobre todo para facer espalleres. Procede do latín BACILLUM, ‘estaca, pau pequeno’, e de BACULU, ‘bastón’, pola similitude que teñen as súas formas retorcidas co caxato do camiñante ou co báculo arcebispal. Consideran tamén os dicionarios o significado de ‘porción de terra que formaba un pequeno feudo’.Os Bacelos son da aldea de Tarrío, preto xa da estrada comarcal, nunha zona na que abundan outros topónimos relacionados co viño: As Viñas, A Viña da Horta, Os Lagares, A Latiña… O Bacelo está tamén en Tarrío, arriba da Fonte de Vera, en Bexo e en Reboiras.
Balagón dos Campos e Balagón dos Pinos atópanse para alá de Pexegueiro. No Proxecto Toponimia de Galicia figura tan só no concello de Ribadumia. En Natureza, toponimia e fala, cita Eligio Rivas valagota entre as voces derivadas de val. Se esa fora a xénese do noso nome entón procedería do VALLIS latino e escribiríase con “V”. Na mesma publicación documenta no nordeste de Lugo balangueirada co significado de ‘sebe’ ou ‘empalizada’. No Vocabulario de Crespo Pozo a palabra equivale a ‘burato’, poza para regar nunha terra roturada. Para Aníbal Otero valagoto é sinónimo de ‘noiro’, ‘arró’, ‘magalón’. No Breve Diccionario Etimológico de la Lengua Castellana de Corominas, en español á palla do cereal despois de quitarlle o gran, e levalo á eira onde se poñen os feixes, chámaselle bálago. Os monxes do mosteiro portugués de Alcobaça estaban obrigados a darlle a El Rei uns balegoens ou borceguís en recoñecemento do padroado real (Elucidário).
Debe de ser Balranco, voz que consta nos cupos e empregada polos titulares das fincas, deformación de barranco. Non hai acordo sobre a súa etimoloxía. Para Hubschmid formouse desde o substantivo prerromano BARRA, ‘pértega’, pero outros autores defenden unha orixe preíbera ou grega. Eligio Rivas póno en relación co tema precéltico BAR, altura, presente noutros oronímicos: Barbanza, Barraña… e neste Balranco de Manselle, na encosta do monte, nun forte desnivel, onde nace o río que pasa pola aldea, o que coincide cos significados que apuntan Eladio Rodríguez e Marcial Valladares: “quebrada producida polas augas da chuvia”. O Camiño de Balranco e Os Pozos de Balranco son topónimos sobre os que volveremos. A Corga do Barranco é de Castro e presenta as mesmas características. A Barronca, preto de Pexegueiro equivale igualmente a xepadeira, pendente pronunciada.
Balteirón é nome de posesor xermánico, Baltariu, composto de BALD, ‘valente’, ‘ousado’ e HARJIS, ‘exército’, do que provén o ARIUS latino. Balteirón témolo en Bexo e en Manselle. No Tombo de Toxosoutos figura un Martynus Balteyro. María Balteira, a da saia leda, foi a soldadeira máis famosa da Galicia medieval e cantouna o propio Rei Sabio.
A palabra ten o significado de ‘lado, beira’. Procede do gótico BANDWO, ‘signo’, que deu bandeira. “Como chove miudiño, como miudiño chove; como chove miudiño pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove ”. Coma nun fogonazo de magnesio, aí nos deixou Rosalía, agardando que albaie, retratados para sempre baixo unha chuvia de encaixe, a nós, habitantes destas brañas verdecentes que a chover miudiño lle chamamos babuxar. Da outra banda do río queda Cordeiro. Cando funga o vendaval, antes que chova, os que miramos para o sur escoitamos o troupelear do comboio pantasmal dos Trulock coma se pasara chifrando a carón noso. En “A lingua e os nomes” (Obra Selecta) Ferro Couselo alude moi brevemente ás peculiaridades lingüísticas que distinguen estas dúas “bandas do mar”. As nosas canas son as canibelas deles e os seus azos son desta banda piñas de uvas. En cada terra seu uso e en cada roca seu fuso. Aínda que separada pola estrada, A Banda é un pequeno grupo de casas que forma parte da aldea de Tarrío, situado ó norte dela. Polo camiño da Banda, su as ponlas da camelia da casa colonial de Brañeiro pasabamos cada día para ir á escola a Chenlo. Como por aquí non había outra, quizais as palabras de Eusebio Lorenzo no Libro das viaxes e dos soños se referían a ela: “Noite. Comezaba a chover. O recendo da camelia mollada enchía de luz o camiño”. A árbore segue alí e tamén o esqueleto daquel vello Chevrolet que ollamos asombrados, negro coma a parrumeira do forno, comesto polas hedras do tempo.
Do latino BALNEUM, despois BANEUM. O topónimo Baños, aludiría a establecementos públicos onde se podía bañar a xente, aproveitando as propiedades minerais das augas, mentres que O Baño, en singular, como é o noso caso, serían terreos enchoupados e pantanosos. López Ferreiro entende que o topónimo Baliñas de Lestrobe facía mención a unhas balineas ou casas de baños públicos romanos. Hoxe non temos constancia de que se conserve en Lestrobe pois ninguén soubo darnos noticia del, pero si que o hai na aldea veciña de Revixós. Se cadra estase a referir a este. O nome que encabeza o epígrafe está ben representado tanto na toponimia galega coma na portuguesa. Cóntanos Estrabón na Xeografía que os lusitanos nos alipterios tomaban baños de vapor que se desprendía de pedras moi quentes. O Baño, está cara o nacente da aldea de Manselle amais no monte do Rialiño. Baño é tamén unha bacía ou artesa de madeira na que se mete a carne do porco en sal. Facíanse de castaño cun burato para que escorrera a salmoira.
O Barazal é topónimo do monte de Bexo, onde está a arqueta de captación de augas da aldea. Nos dicionarios vén 'como monte aberto', 'terreo comunal'. No Onomástico etimológico de la lengua gallega Sarmiento dinos que barazal é monte ceibo no que todos poden cortar ou rozar. Na edición de J. L. Pensado ponse en relación con barcia e outros términos afíns.
Con seguranza, ha ter relación coa base oronímica, xa comentada, BAR – B, ‘monte’, ‘altura’, que está presente en topónimos coma O Barbanza ou O Castro Barbudo de Taragoña. As barbas de raposo, Cuscuta epithymun, son unha planta parásita moi abondosa nestes montes. Barbanegra, este topónimo con nome de corsario, está arriba do Viveiro forestal.
Barquiñas, na veiga de Lestrobe, ó lado do vello curso do río Sar, podería aludir a algún lugar onde arrimaban as embarcacións, pero O Monte Caldebarcas, en Manselle, ten que estar emparentado con temas oronímicos. Para Eligio Rivas procedería da raíz céltica BARG/BERG, ‘altura’, transformándose a consoante en xorda. Hubschmid entende que barca deriva do vasco IBAR,’veiga’. De momento non hai acordo sobre o tema. Cal, o primeiro elemento do topónimo, ‘canle’ ou ‘camiño’, verémolo máis adiante. O copista do catastro de 1958, afortunadamente parco á hora de facer modificacións, aquí permitiuse unha licenza e escribiu “Caldo de barcas”. Agradecémoslle a graza. De todas as maneiras son etimoloxías moi discutidas e poderían remitir á partícula prerromana BARC, ‘depresión’. A Pipa do Barco, está no medio do monte de Teaio. Sobre o elemento inicial, Pipa, volveremos en van. As Bragadas en Reboiras poderían ser tamén desta complicada familia ou da que imos ver no epígrafe seguinte (bargo…).
Quizais entronque coas raíces anteriores, BARG/BERG, ou emparentado coa forma bargo (‘cerre, sebe’…) que se formou desde o sánscrito VARANDA, ‘tabique divisorio’ (E. Rivas en Natureza, toponimia e fala recolle, entre outros nomes, barganzo, bargado, barguelazo…). No Elucidário de Joaquim de Santa Rosa de Viterbo, de 1798, barga é “choza, casa pequena cuberta de palla”. Para Corominas Varga ten diferentes acepcións: ‘costa, cabana, prado cerrado de sebe’. Gonzalo Navaza rexistra Bargo na parroquia de Abalo (Catoira), que está nos dicionarios como ‘empalizada feita de lastras chantadas para formar un cercado’. É plausible que estea en relación con barcia, desde unha base hidronímica euroafricana “ibai”, ‘río’ e do prelatino BARKENA, ‘ribeira’, espazo que se inunda, que figura como varcena ou vargea na documentación medieval. Veiga, barcia, barciela, barxela… serían para E. Rivas (L. G. Niveis Primitivos) topónimos emparentados con ese radical. O mesmo G. Navaza na Toponimia de Rebordechán falando do topónimo Barxelas comenta que barxa e barcia son palabras prerromanas para designar terreos fértiles á beira dun regueiro. Joseph M. Piel que fixo unha análise pormenorizada dos nomes deste grupo e recolleu algúns moi próximos ó noso (Bargela, Bargiela ) insistía tamén … en que están sempre asociados á noción de auga (Grial, 23). A dicir verdade, esas son hoxe as características que mellor se aveñen co noso nome, A Barguenla (Barghenla), entre as últimas encostas do Castro de Traxeito e as augas recentes do río de San Lufo que está aprendendo a andar.
Derivados de barro, con sufixos diminutivos e abundanciais, están amplamente representados por toda xeografía galega nos nomes das nosas parroquias, aldeas e, como vemos, tamén na microtoponimia. O Barral é sinónimo de ‘lameira’ ou lugar onde hai barro, arxila, sarso. Está en Bexo, e ó lado O Barraliño. Barreiros e barreiras son sitios de onde se extrae o barro. Empregábase para asentar as cociñas económicas, as pedras dos valos, para tapar o bagazo, o forno, as firgas das colmeas ou para facer as olas…. De Bexo así mesmo son O Barreiro, A Barreira, O Barrosiño e Os Barreiriños. Hai A Barreira abaixo de Traxeito, Os Barreiros e As Barrosiñas no Rialiño. A Barrosa está en Castro e en Teaio, onde temos aínda A Barrosiña, O Barreiriño e A Fonte Barreira. A Barreira da Poza queda arriba de Bustelo, onde hai O Barreiro e O Rego Barreiro. Souto Barreiro e O Agro do Barro son de Dodro e Barreño da braña de Lestrobe. Como exemplo da pervivencia da propiedade comunal, no libro Estudios sobre la propiedad territorial de Galicia: el foro, sus orígenes, su historia, sus condiciones , citando o Tumbo de Santa María de Iria, dinos Manuel Murguía que no século XV, o “Barral de Lestrobe era posuído en común entre os habitantes” do lugar e que Johan Martis, “vello morador” da aldea, vedraio, era aceptado polos veciños como encargado “de partir e estremar as herdades”. Vedraios ou vedraños (do latín VETERANO) son homes bos e anciáns que sobresaen nunha aldea. Algúns vedraios de Dodro foron informantes nosos para elaborar estas páxinas: Pepe o Ferrador de Lestrobe, Ramón do Campo de Bustelo, José Abuín de Manselle (infortunadamente xa desaparecidos agora que revisamos o texto), Paco de Serodio, Teodoro de Paizal… No Libro de notas de Álvaro Pérez, notario da Terra de Rianjo e Postmarcos do ano 1457, editado por Fernando R. Tato Plaza, ó que nos referiremos de cotío porque é unha fonte fundamental para a nosa zona, fálase de “Pero de Ben” e da súa “moller” “Tareyia Oanes”, “moradores en Barral de Beejo”, e máis adiante de “Pero Çitoula, morador eno Barral de Beejo”. Cando os homes de Pérez das Mariñas e do arcebispo arrasaron o Pazo de Tarrío de Sueiro Gómez de Soutomaior, para compensar a perda, Rodrigo de Luna deulle terras no Barral de Bexo. A etimoloxía de todas estas palabras é seguramente prerromana.
A palabra barrio resulta do árabe AR BARRI, ‘o que está nas aforas’, arrabaldo. O Barrio de Riba e O Barrio de Baixo son de Lestrobe, ós lados da estrada que divide a poboación e que leva o nome do escritor Fortunato Cruces.
O batán era un mecanismo artesanal movido pola forza da auga para bater os panos de la e suavizar o tecido, que así melloraba considerablemente de calidade. Estaban instalados nos muíños e tiveron moita importancia en toda a comarca. A palabra é de procedencia descoñecida aínda que se pensa que veña do latín BATTUERE, ‘bater, golpear’. Batán é tamén sinónimo de ‘técola’, persoa que fala sen medida, pola semellanza co mazo do batán que non para. Abelardo Moralejo estudou a toponimia do Batán en Galicia. O Muíño do Batán está en Rial, no río de Manselle.
O Cruceiro do Bazoco érguese entre Sar e Castro no alto da Corredoira da Fonte Navenlla. Bazoqueira ou Buzaqueira, que non hai acordo entre os veciños, fica pasado o Portancho, do lado de riba da estrada que vai a Pexegueiro. Os dous lugares atópanse no límite entre as toxeiras e as terras cultivadas. No dicionario de Estravís bazoca é sinónimo de ‘bazo’, no de Eladio Rodríguez vén sendo o que ten “cor trigueira, morena ou pardo amarelada”. Pode que fora morocho o dono do cruceiro e que no segundo caso se refira ás características do terreo do monte, pero ten que ser vocábulo antigo con outro significado que non coñecemos. Nun traballo sobre a toponimia de Rebordechán, Gonzalo Navaza vincula os topónimos cunha raíz prelatina que estaría tamén na palabra bacía, ‘artesa’, aludindo a concavidades do terreo. Semellante significado é o que lle dá Aguirre del Río a buzaca, ‘especie de oquedade’, pero aquí non as vemos. No Libro de Fábrica de San Xián de Laíño , en 1676, na memoria das misas anuais hai varios veciños das aldeas de riba co apelido Basoco. Na “Nueva Contribución a un vocabulario Castellano – Gallego ” de Crespo Pozo, bazucar é ‘revolver un líquido’ e buzaco é voz arcaica para denominar ó miñato (Buteo Buteo), señor do mediodía, xirando e xirando, nos ceos de Laíño. Nalgún dos significados que vimos de comentar debe de estar a orixe dos nosos topónimos, a do apelido do trovador do século XII, Pero Pais Bazoco, e a da floresta encantada do Buçaco portugués, que se fai derivar de SUBIACO, o lugar a onde se retirou San Bieito de Nursia, ou de BOSCUM SACRUM, bosque sagrado, entre outras carambolas etimolóxicas.
O Berbellón é da Devesa, á beira da aldea e do río que nace no Campo da Chisca. Procede do latín vulgar BULBULLIA. BULLIRE é ‘ferver’, polo ruído da auga ó abrollar nas fontes. Son innúmeras en galego as voces sobre o nacemento dos mananciais: aborbollar, agurgullar, esgorgollar, gorgollar, borbotar, burbullar...todas cun radical … onomatopeico similar. As Pedras de Boullón, cons da beira nosa do Ulla, na braña de Dodro, poden ter idéntico étimo. Boullón é ‘borbollón’. Ollos de auga. Hai burbulliñas do río en Rosalía e borborotos en Aguirre, que son os bolicos da fariña que non se dan desfeito na auga cando ferve ou os que quedan nas papas despois de papexaren .
Para Eligio Rivas formouse desde a raíz precéltica BAR, ‘auga’ (xa vimos que pode ser tamén partícula oronímica) e de BARIA, ‘marxe do río’, igual que a máis común beira. Cita na documentación medieval a forma veriale, ‘herbal’, que podería adecuarse ás características do topónimo que estudamos. A Beria son unhas leiras de labor no Cebolal, que é o nome de toda a veiga de Dodriño e Revixós. Na Terra Cha, baixo as augas da Lagoa de Cospeito, xace asolagada a cidade lendaria de Beria.
Coma Bartolo, Bertulo, que está na veiga de Dodro, será hipocorístico de Bertomeu. Procede do arameo “fillo (BAR) de Talmai”. San Bartomeu foi un dos doce apóstolos e é o patrón de moitas parroquias galegas. Protexe contra o raio, coma Santa Bárbara, fronte ás alimarias e tamén é avogoso dos bos partos. Conta Vicente Risco que o pan que se coce o día do santo non apodrece.
De ascendencia xermánica. Non o atopamos en Sarmiento nin nas longas enumeracións que fai J. M. Piel de topónimos relacionados con fundacións de señores suevos ou godos. Betriz é nome medieval de propietaria de terras ó sur da aldea de Teaio que pertencerían, coma todas as desta parte do concello, ós señores de Rianxo e ó arcebispado de Compostela.
Bexo é o nome dunha das aldeas de San Xoán de Laíño. O Alto de Bexo está na Paradegua, na estrada que vai para Rianxo. Gonzalo Navaza pensa que posiblemente sexa un hidrónimo prerromano coa mesma orixe que Vea (Velegia no latín medieval). Crespo Pozo faino derivar da partícula UEX/VEX, ‘auga, río’ e explica, verbo da forma Bejo, que “xa vai sendo hora de que se lle cambie o nome” pola correcta Bexo. A mudanza fixérona chupatintas coma os que trocaron Rianxo por Rianjo. Hai un río de Bexo no Concello de Aranga e Beja dálle nome a un distrito do sur portugués. No seu discurso de ingreso na Real Academia Galega cóntanos Xosé Luís Axeitos que cando descubriu que o Bejo dos indicadores das estradas non era tal, senón Bexo, e que tiña relación cun nome de propietario, Velegio, e non con “ver”, entendeu tamén que a lingua galega era “unha porta aberta á comprensión do mundo”.
O étimo destes oronímicos estaría na raíz celta BECC/BICC, ‘punta, pico’. É frecuente atopalo como beco coa mesma significación. Para Corominas chegou desde o BECCUS latino. No dicionario de Estravís defínese como “aquilo que ten forma saínte máis ou menos pronunciada”. Bicada é o alimento que os paxaros lle levan ás crías no peteiro. Nós aprendemos os misterios da evolución de súpeto, cun trabalinguas inocente: Curcubico non ten bico,/ nin bico nin cu nin come,/ e os fillos de curcubico/ teñen bico, cu e comen: O ovo e os pitos. O Bico, na braña de Bexo está na punta de terra na que remata o longo arco que describe o Ulla desde O Redondo ata onde empeza A Insua. A pesar de que a erosión das augas foi desgastando o terreo, vese aínda o bico no mapa topográfico ou na fotografía aérea. O Bicaño, na propia Insua, debe ter a mesma etimoloxía.
En Tallós, abaixo do Portelo das Pescas, está O Bieiteiro. O Sambucus nigra, sabugueiro ou bieiteiro, é arbusto común en toda a comarca cos seus corimbos característicos de flores branquísimas e froitos dun negro violáceo intenso cos que se elaboran marmeladas e compotas. Tamén se empregaron de antigo as flores en infusións e tisanas e nós fixemos tutelos e tiratacos coas ponlas ocas para disparar con eles. O nome vén do latino BENEDICTU, polas propiedades medicinais que ten, e de aí bieito. Sarmiento di que lle chaman bieyteyras ás vellas que curan con el. O actual curso do Sar, nalgúns treitos, está beirado de bieiteiros. A Bieiteira é de Teaio e A Bieita, que queda do lado de baixo do Camiño da Tafona en Castro, podería ser antropónimo feminino, pero lembrábanse os veciños dun vello bieiteiro que xa non existe. No Vocabulario de Crespo Pozo bieita é un dos nomes do bieiteiro. Nalgúns casos fai referencia a fontes ou lugares que foron obxecto de veneración.
O substantivo seguramente ten que ver con terras que foron propiedade do Arcebispado de Santiago. O Bispo está na braña de Dodro, ó pé do río e Carral do Bispo é do monte de Manselle. Carral é camiño de carro (do lat. CARRUS), corredoira pola que se accedería a posesións da igrexa. O bispo (do lat. EPISCOPUS) é o prelado que goberna unha diocese.
Levan o nome de Boade unhas campías do Rialiño próximas ó río. Boedo nos dicionarios é sinónimo de ‘braña, terreo lamacento’. Para Eligio Rivas (Toponimia de Marín) algúns topónimos achegados son debedores dos radicais protocélticos BOD – /BUD – /BED – , ‘charca’. Moralejo faino proceder de BUDA, ‘espadana’. Na opinión de Edelmiro Bascuas (Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega) as raíces UAD – , BOAD – equivalen a ‘auga’. José Pedro Machado, no Dicionário Onomástico Etimológico da Língua Portuguesa, explicando a etimoloxía de Boadela, topónimo portugués, entende que debe tratarse da adaptación do nome árabe Abu abd Allah, “pai do servo de Deus”, de onde procede así mesmo o máis coñecido Boabdil. Árabe tamén é wadi, ‘río’. Despois de Babel…
Do latino BUCCA. A Boca do Monte está en Lestrobe, na entrada do camiño que sobe ás estivadas e A Boca do Pozo na desembocadura do río das Maulas. Neste caso é sinónimo de ‘esteiro’. Afogaron nel os irmáns Abelleira de Lestrobe. Cada parroquia gardou lembranza dos seus afogados no río grande coma un aviso para as xeracións futuras.
Na beira do mar Bolos e Boliños son pedras dondas, puídas pola forza das marés. Gonzalo Navaza recolle en Dimo (Catoira) Os Bolos Redondos, pedras ou penedos redondeados. Puidera ser ese tamén o significado destas Boliñas do no monte de Sar, desde a forma latina BULLU, ‘bolo’. A Bouza dos Bólos é de Castro e O Xogo dos Bólos, nos Carballiños, designaba o campo no que se xogaba entre Paizal e O Rialiño, torreiro da festa do San Xosé. Andan, con razón, alporizados nestas datas os veciños, pois veñen de lles levar a centenaria pedra dos bólos que se conservaba no lugar. Os de Manselle recuperaron esa tradición ancestral que se perdeu noutras aldeas: Bexo, Imo, Dodro, Pexegueiro, Tarrío...
Para Cabeza Quiles, Bombal e Bombardeira son topónimos onomatopeicos referidos a sitios batidos polo mar. As Bomberas é un outeiro de Eiró, arriba das Melreiras, onde bate o vento. Hai un Bombexo en Sarmiento.
Borreiros eran os arrieiros que viñan recoller a cera por estas aldeas, xentes de Bastabales e de Bealo. Rabechaban as colmeas das alvarizas e despois de sacar o mel, que quedaba para o dono, levaban as entenas para derretelas e facer cera virxe con elas. Había ceraría na Travanca de Padrón. Talvez a palabra, que está en case todos os dicionarios, incluído o do noso veciño Luís Aguirre del Río, derive do precéltico BORR/BURR/MORR, ‘montón’. Borra é a cera en cru e aborroarse dise das abellas cando se amontoan para entrar nas colmeas (Eligio Rivas: Frampas II). Aínda que non queriamos deixar de comentar os significados anteriores porque están vivos entre nós, Borreiros, no monte de Traxeito e abaixo de Castro e Borreiriños, cara o poente da aldea de Reboiras, seguramente aluden a terreos aluviais, formados por depósitos sedimentarios ou por restos de rozas, pois borra vale tamén como ‘pouso’, ‘sedimento’, ‘terrón seco usado para queimar’ e aborrear ou aborreirar (Gran Diccionario Xerais da Lingua) é ‘amontoa- la maleza para queimala e fertiliza - la terra coa borralla’.
O substantivo bosque introdúcese tardiamente na nosa lingua, na Idade Media, desde o catalán, o occitano ou de procedencia xermánica a partir de BOSK. Tivo pouco uso en Galicia porque se empregaron máis as denominacións específicas para cada formación arbórea (souto, carballeira, piñeiral, fraga…). Son os bosques, arboredos mixtos que ocupan un espazo amplo pero sen chegar á espesura e extensión das fragas. O Bosque, que está no alto de Imo; O Bosque de Baixo, O Bosque de Riba e A Corredoira do Bosque, na Devesa; O Bosque, en Castro; O Bosque do Palacio, en Lestrobe e O Bosque, na carballeira de Dodro, agora campo da festa do San Campio, espazo lúdico onde houbo caixa para xogar ós bólos, son algúns lugares onde conservamos este topónimo. Pouco ou nada queda daqueles “eternos bosques en onde/ sombrío misterio reina”, dos que escribe Rosalía en Follas Novas.
A botefa é unha variedade de cabazo que se lle daba ós animais e se cocía no caldo. Foi palabra usada entre nós. Sarmiento apunta que na comarca de Padrón lle chaman así ós “cabazos ou calacús moi redondos e algo raiados”. Recóllea Aguirre e tamén botefal, campo no que se cultivan. Quizais pola súa morfoloxía teña a orixe etimolóxica de bota: BUTTIS, ‘odre’. O Botafal e O Cruceiro do Botafal en Teaio fan referencia a leiras que se botaban a cabazos.
Aínda que en ocasións lle dá nome a propiedades cercadas con árbores de diferentes especies e con abundante matagal, en xeral bouza aplícase a terreos que están a monte e mato: fieitos, toxos, xestas, urces. Ese é o significado que aparece no dicionario de Aguirre e tal é no presente o estado do noso monte, feito unha bouza. Non sempre foi así. Antes, as vacas, os rabaños de ovellas e as greas de cabalos contribuían a mantelo limpo, ata que se prohibiu o pastoreo nos anos cincuenta para protexer a incipiente repoboación forestal. Con fouciños e forcadas de gallas de carballo, apañábanse panadas de toxos, carrouchas e fieitos, arrespañábase picóns e restollos ou acaroábanse os terróns coa eixada para estrar as cortes. Calquera intre era bo para ir buscar un feixe ó lombo ou para traer unha carrechada de estradura do monte, pero ás veces estaba todo tan pelado que había que subir ó molime a Bustelo ou ás terras altas de Buxán. Chegaban a Espiñeira e máis alá os carros de bois destas aldeas por corredoiras polas que non se aventuraba o demo. Os traballos e os días das xentes nosas. Mundiño que vai alá... A palabra bouza é prerromana e as propostas sobre a súa filiación son diverxentes. Para varios autores viríanos desde unha raíz ibérica: BALSA, ‘humidal’. Para outros do latino BALTEA, ‘o que cinxe’, ou de BUSTIARE, ‘queimar’.
Para a maior parte dos autores (Carolina Michaëlis, Menéndez Pidal, J. M. Piel…) braña provén do latín VERANEA, ‘pastos de verán’, porque manteñen durante todo o ano unha humidade constante. Para outros, desde dunha base precéltica, BAR, ‘auga’ (Eligio Rivas); do galo MRAKNA, ‘ceno’, lama e despois BRAKNA, ‘prado húmido’ (Corominas) ou do latín VORAGINE, ‘abismo’ (García de Diego). A primeira mención que coñecemos das nosas brañas está no Tumbo de Santa María de Iria (1457): Sobre la Branna, topónimo da veiga de Lestrobe. Como Brañas de Laíño figuran nun foro do Marqués de Vilagarcía de 1661 que se conserva na Casa do Fino, en Imo. Coa herba das brañas alimentábanse os bois cebóns de Laíño que tiveron sona de proporcionar as mellores carnes do país. Inglaterra primeiro, e despois Madrid, foron os principais mercados ós que se destinaban. As Brañas de Laíño (teñen que chamarse así, aínda que a Administración usa diferentes eufemismos para nomealas) son un dos humidais máis grandes de Galicia cunha riqueza medioambiental de primeira magnitude.
Para Eligio Rivas (1982) formouse desde a base oronímica euroafricana BAR, ‘monte’, e alude a terreos que se deixan sen sementar durante anos para que a terra se recupere, sendo así sinónimo de barbeito. O mesmo autor (Natureza, toponimia e fala ) cita deixar a bravo, como deixar un terreo a monte, a poula, ermo. Podería chegarnos desde BARBARUS, ‘bárbaro’, ‘salvaxe’, aínda que a etimoloxía desta palabra foi moi discutida. O Bravo, que está polas veigas de labor de Dodriño, sería terra inculta e agreste nun tempo. Chámaselle bravos ós fillos tidos fóra do matrimonio, ós cabalos e vacas que andan ceibos polos montes. Ó xabaril díselle porco bravo e ás árbores que medran espontaneamente ou ás que se adoitan usar como patróns de enxerto: pereira brava, cerdeira brava, ambruiñeiro bravo…
Antropónimo medieval. Quizais se formou desde Bremundus ou Veremundus, de BERHT – MUND, ‘famoso protector’ (Albaigès i Olivart, 1984) que despois daría o actual Bermúdez. Sarmiento detalla un grupo de topónimos coa terminación en MUNDI/MUNDE/MONDE… (Bamonde, Diomonde…). Breimande está abaixo de Dodriño.
O Nomenclátor rexistra Brenzo (Outes), Brenzos (Lalín)… pero non o noso Brenxo, que queda abaixo da aldea de Eiró. Nun documento medieval da Colección diplomática del monasterio y convento de Santo Domingo de Ribadavia fálase dun Martinus Petri dictus de Brenxo. Descoñecemos a súa etimoloxía. A brenza (Lathyrus sp.) é unha herba ruín que medra nos terreos incultos.
Britar é cavar un monte, gabealo, preparalo para poder sementar nel. Na opinión de Eligio Rivas a voz orixínase na partícula indoeuropea BRIT/BIK, onomatopeica. A Breta é un montiño que está entre O Rueiro e Eiró, que antano debeu de se cultivar. Os veciños de todas as aldeas de Dodro lembran toxais que se dedicaron a viñas e cereal, campías que foron antes leiras de millo de gabea. Para Joaquín Caridad topónimos coma Brigantium, Bretaña ou o nome Brito proceden da deusa pancéltica Brigantia, Brita ou Breta. O adxectivo xermánico bairtht significa ‘brillante, claro’ e está en nomes coma Bretus ou Bretandus (Piel). No dicionario de Aguirre bretos son os ‘gromos’ da verdura. Por entre as fuxidías follas outonizas da breve carballeira da Breta vense os tellados da nosa aldea de Tarrío baixo unha luz de ámbar.
Brexo, en varios dicionarios galegos e portugueses, é paraxe pantanosa, lamazal, matagal, toxeira ou terra inculta. Son características que se lle poderían aplicar á localización do topónimo Brexos, que está na braña de Lestrobe. Viría do galo BRAKU, ‘lama’. Tamén pode ser terreo de uces ou urces, que mesmo hai entre nós quen as chama así, aínda que agora non as hai alí. No Gran Diccionario Xerais é “cadoiro, desnivel por onde cae a auga”. De ter a mesma etimoloxía que o español “brezo”, entón formaríase a partir do latín hispano BROCCIUS e do celta VROICOS.
En Pexegueiro está Brufe, preto de onde nace o rego que ha ser de San Lufo. Os nomes acabados en UFE/ULFE (lobo) son de procedencia xermánica. No Nomenclátor haino en Cesuras e en Portugal, en Terras de Bouro. Cítao J. M. Piel en varias ocasións. Se se formou desde Berufi/Berulfe (Leite de Vasconcelos, 1931), derivaría da raíz BER, ‘urso’ e andarían nun tempo os osos e outras feras corrupias buscando o mel por estas terras nas doces alvarizas. Aínda as hai.
O Burro este do que falamos está abaixo de Bexo, pero primeiro foron as vacas. Nos anos sesenta había a dúas e tres en cada fogar de Dodro. Os que xa temos certa idade nacemos enriba das súas cortes, á beira do seu zudre nutricio, e espertamos nos colchóns de casulo cando bruaban nas frías madrugadas. A braña foi unha campía inmensa e relucente para alimentalas, unha despensa verde inesgotable da que se falaba con envexa nos concellos veciños, apañada por centos de fouciños e gadañas de sol a sol, desde que alborecía pola croa do Castro Valente ata que se deitaba para alá de Carboeiro, nas cámaras do mar. A finais dos anos setenta as vacas pecharon os seus ollos grandes coma lúas e foron desaparecendo, caladamente. Agora non quedan media ducia de casas que as teñan. Despois, non se sabe de onde, chegaron os burros, cos arreos e cos carros de ferro para acarrexar a herba, e substituíron os carros de madeira que levaban chirrando polas corredoiras desque o mundo é mundo. Hoxe están tamén a se perder pouco a pouco e andan os derradeiros apouvigados polos camiños; por iso, xa que non nos quedan vacas nin na toponimia, desexamos que alomenos este Burro de Bexo sexa un burro de verdade (do latín vulgar BURRICUS), e que quede aí parado sen bulir nin chisco, coma o de Buridan ou o de Castelao, orneando cara o verde val de Laíño, pero que non teña nada que ver con BORR, ‘montón’, BURRUS, ‘rubio’, cunha ferramenta dos cesteiros, un posible patronímico celta, nin con outras indórminas semellantes.
Bustelo é diminutivo de Busto, un topónimo moi característico, case exclusivo do noroeste peninsular. Procede de BOS, ‘boi’ e de BUSTUM, ‘pasto para os bois’, pero ademais deste último significado pode equivaler a ‘rabaño de gando vacún’ ou ‘curral para bois e vacas’. Parentes léxicos son bosta e bosteira. Hai un longo estudo do lingüista J. M. Piel sobre o topónimo que insiste no que comentamos e matiza que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”. Remite tamén á obra do bieito Martín Sarmiento “xenial precursor da filoloxía hispana” no que xa se adiantan esas mesmas ideas. Gonzalo Navaza, na súa Toponimia de Catoira, á que acudo continuamente, di que os topónimos Busto e Bustelo naceron na Alta Idade Media como granxas ó cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor. Algúns autores fano derivar de “bustum”, ‘terreo queimado para facer pasto’. Bustelo do Monte é o nome dunha das aldeas do concello, da parroquia de San Xoán de Laíño, abaixo do Treito, na caeira da serra, en fronte de Vilar e de Campelo, que son xa do Araño.
A Buxiña está abaixo de Castro. Buxa ten significados moi variados: buceiro, bocado do freo dos cabalos, peitoril do pozo, boca dunha vasilla, peza da gaita ou do muíño Aguirre dános algúns … outros curiosos coma o de ‘burato do eixe dunha roda’, ‘trompo’, ‘cabirta pequena’ ou ‘nome dos xenitais da muller’. A parroquia dos nosos ancestros, Buxán, do concello de Rois, que linda coa nosa, é en Sarmiento un dos nomes da bagaña, a coca da liñaza. Un veciño de Tarrío, sarxento na División Azul, chamouse O Buxa. Un personaxe. Lía o Quo Vadis de Sienkiewicz e púxolle Dansi a un seu can de palleiro, pola Batalla de Danzig, en Polonia, na que combatera. O chucho érache ben guiado. Era mandalo á taberna por tabaco e, meu dito, meu feito; chegaba, pousaba as mans no mostrador, e volvía coa caghetilla de Celtas ou de Peninsulares nunha taleiguiña pendurada do pescozo. O nome que tratamos podería por tanto ser antropónimo, proceder de calquera dos significados anteriores ou, máis probablemente, facer alusión a algún buxo (Buxus sempervirens) que houbera polos arredores. Foi especie cultivada en pazos e casas grandes.
Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón