De antigo, é árbore cultivada nas nosas hortas. Hoxe perdeuse a palabra na fala de Dodro e foi substituída por mazanceira, pero queda na toponimia. Mazá vén do latín vulgar MATTIANA, de MALA MATTIANA, nome dunha variedade famosa delas, chamadas así na honra de Caius Matius, tratadista de agricultura que viviu no século I a. C. citado por Plinio. Entre as castes máis prezadas da Terra de Iria están a reineta, a tabardilla, as santiaguesas, as de San Pedro, os repinaldos, as tres en cunca Falounos o padre Sarmiento das mazás camoesas … en relación coas posibles raigames galaicas de Luís de Camoens. En moitas das nosas casas usábanse os lagares do viño na fabricación de sidra para consumo familiar, tradición que se perdeu completamente. A Maceira é de Vigo e As Maceiras están antes de entrar na aldea de Manselle. Á beira delas hai unha gran pedra ergueita. Cóntannos que xurdiu alí da noite para a mañá para marcar as estremas e porlle fin a preitos e discusións entre os veciños. Un pouco máis adiante está A Cancela da Maceira. Na mitoloxía céltica o Rei Artur retírase a unha illa mítica poboada de maceiras, Avalón, do céltico “abal”, “apple” no inglés moderno, ‘mazá’.
Madeiro, do latín MATERIA, é o tronco groso que se usa como soporte para cortar ou fender achas. Está Madeiro na veiga de Lestrobe, á beira do vello Sar, quizais referido a unha pontella feita de madeira para cruzar o río. Aparece o noso topónimo como Madeyro no Tumbo de Santa María de Iria. Eligio Rivas inclúe a palabra entre as que se formaron desde a raíz prelatina alternante M – T, da que as formas máis comúns son meda e medeiro, coa que podería confundirse. No Vocabulario de Crespo Pozo madoiro é un rego que atravesa diagonalmente as terras labradas para escorreren as augas. Hai aínda o tema xermánico MOTHS, ‘valor’ que explicaría, na opinión de Piel, antropónimos coma Modeiro que poderían dar lugar ó noso nome.
Magóns está arriba de Pexegueiro, e pode vincularse co mallón que nos dicionarios de Eladio Rodríguez e de Isaac Alonso Estravís é o linde ou a estrema dunha terra de labor que se deixa sen traballar para lle dar paso a outras herdades ou simplemente terraplén, desnivel do terreo. Temos en galego mogo e magalón co significado de marco que separa propiedades. Carré fainos sinónimos de madarrón, o que nós chamamos arrós, e cómaros no interior de Galicia. Como tan só temos marcos por estas terras do noroeste, Eligio Rivas pensa que sexa voz sueva, MARKO, pero fala tamén dunha base oronímica alternante M – K. Dise por aquí que De marco a marco non hai arco, indicando a dereitura das divisorias cando algún dos estremeiros trata de modificalas en beneficio propio, e cóntanse historias de aparecidos nas que o morto volve a poñer ben a pedra que cambiou nesta vida para poder descansar en paz na outra.
Malladoiro en Aguirre é a eira onde se malla. A Malladoira está do lado de riba de Dodriño, nunha paraxe da que se sacou pedra para facer casas do concello e de fóra del. O nome designa unha antiga eira de mallar coma as que había en todas as aldeas: A Eira da Malla de Reboiras, a de Bexo... Na de Traxeito seica tiñan un gran pote enterrado para que fixera máis ruido ó bateren. Deriva do latín MALLEARE e de MALLEU, ‘martelo’. En Dodro mallouse ademais no alto da Paxareira ou no Bosque. Os máis vellos lembran que antes se facía á man usando os manlles, longas varas rematadas nunha peza de coiro coa que se batían as meses. Despois veu a malladora manual, cunha roda enorme que movían varios homes ata que por fin chegou o progreso con aquela Lister dos Vigo e con outras semellantes que deberon entrar nestas nosas aldeas atronando o mundo. Cando despois dunhas cantas voltas de manivela e varias explosións acababa arrancando e todo se enchía da poeira dourada do cereal sentiamonos tan asombrados coma Aureliano Buendía a primeira vez que seu pai o levou a ver o xeo.
A fins do século XVIII o arcebispo Malvar, cuxo nome ten que estar emparentado cos que comentamos, costeou a estrada de Santiago a Pontevedra, a “carrileira” ou “Plantío real”, no que se plantaron en ringleira trinta mil árbores nas marxes (chopos, carballos, vides, árbores froiteiras ) ademais de miliarios e reloxios de sol, … dispostos para proporcionar sombra e amenidade ós viaxeiros (Vigo Trasancos: “Caminos de Iria Flavia”). A nosa Malveira está na braña de Dodro e debeu ser terreo onde abundaran as malvas. A máis común delas é o malvavisco, Malva silvestris (do latín MALVA), de flores pentámeras purpúreas que fechan no lusco-fusco, pero hai varias especies do grupo que son relativamente frecuentes na zona, algunha cultivada nas hortas. Maloeiro é nome do monte de Pexegueiro. Nos documentos medievais ás veces as malvas son maloes (Navaza, Fitotoponimia). Con malva, fiúncho, romeu, herba de Santa María, menta e tomelo facemos nós a auga para lavar a cara na mañá de San Xoán, o día que baila o sol na corda frouxa do horizonte e se sentan as xacias no beiril das fontenlas a mirar como pasa o tempo na flor da auga, que tamén debe de pasar para elas.
A arquitectura megalítica introdúcese seguramente en Galicia nalgún momento do V milenio antes de Cristo desde a zona norte de Portugal e está representada en todo o noroeste por miles de túmulos funerarios, tumbas colectivas que presentan exteriormente a forma dun montículo de terra ou mámoa (en latín MAMMULA, ‘mama’). No interior, a cámara funeraria propiamente dita está constituída por grandes bloques de pedra, adoptando en ocasións a forma dun dolmen (do bretón, ‘mesa de pedra’). Son as manifestacións máis ancestrais da nosa arquitectura e teñen a súa representación aquí no concello, aínda que nalgúns casos conservamos tan só o nome. Así ocorre con As Mamuelas, arriba de Teaio, ou con As Mámoas, abaixo de Dodro e de Tallós. Nestas últimas tiñamos nós unha leira chea de seixos e croios que tintineaban ó batermos co sacho no arrendo do millo, pero non se lle sacaban, porque se dicía que senón secaría tamén o cereal. Eran sen dúbida restos da masa tumular. Mamoíl, en Teaio, terá tamén relación con estes nomes.
Manselle, unha das aldeas máis fermosas de San Xián de Laíño, con boas mostras de arquitectura popular en casas, hórreos, fontes e pombais, ficou agora encinchada por AVES e Vías Rápidas que non levan a ningures. O máis probable é que sexa antropónimo xermánico cun final en “ – elle” que se repite noutros semellantes (Macenlle, Marselle…), pero valoraremos outras posibilidades. Mansilla de las Mulas escríbese a miúdo Mansiella ou Mansella na documentación medieval. No relato da peregrinación do Señor de Caumont a Compostela de 1417 aparece como Manselle (Vázquez de Parga, 1981). Curiosamente, os copistas que elaboran o noso catastro en 1958, ás veces poñen Mansilla por Manselle. Son varias as posibles filiacións que se dan para a Mansilla leonesa que acaso sexan válidas para a nosa aldea. Para Asín Palacios derivaría do árabe AL MANSAF, ‘na metade do Camiño’, algo así coma o topónimo Meana, que existe entre nós. Alarcos Llorach propón AL MANZILA, ‘pousada’, e outros autores prefiren o latino MENSA, ‘mesa’, por estar situada nunha zona alta e rechán. Pénsase que quizais proceda de pequena mansión (lat. MANSIONE). As mansións serían poboacións menores dunha vía romana colocadas regularmente para servir de descanso e permitir o relevo dos animais. Nós, como xa dixemos, entendemos que por aquí podía pasar o ramal dunha calzada romana que conectaría Iria co Barbanza. Case todos os significados coinciden en que sexa unha parada, un alto no camiño. O noso topónimo podería terse formado tamén a partir da forma latina MANSUS. Os mansos, fronte á reserva situada arredor da casa do señor, eran terreos cedidos a colonos a cambio dunha renda ou terras que posuía un mosteiro. Manselle, coma outras aldeas que asentan nesa fronteira entre dous mundos, a aba do monte e o arranque do val, ten unha riquísima microtoponimia, moita dela incardinada maxistralmente por Anxo Angueira na trama da Pensa Nao. Preto do Valo de Manselle, na Horta do Val, ten casa o poeta. Que fale el: “Manselle é este recuncho ó pé do Caldebarcas que oe o bruar do mar de Corrubedo nas noites de inverno e que olla o Ulla, os trapos das dornas derrotadas, a alta Arousa de agosto deitada sobre a braña…”
María e María do Rei son topónimos da braña de Bexo á beira do Ulla. A da Marica eran toxeiras no monte de Manselle, entre Balranco e A Poza. O Campo de Santa María e A Fonte de Santa María están do lado de riba de Lestrobe. María, a nai de Xesucristo, é nome hebraico (Miriam), aínda que hai quen pensa que provén do antigo Exipto. Significa excelsa, sublime. Como nome de persoa é o máis empregado ó longo do tempo polas galegas, con todos os seus hipocorísticos (Maruxa, Marica, Mariola ). No Nomenclátor … a advocación de Santa María repítese en 721 das nosas parroquias e tamén aparece como nome de posesor (Casal de María, Vilar de María, Fontemaría…), pero non ha ser frecuente atopalo coma aquí nin sequera na microtoponimia. O segundo elemento do término adoita facer referencia a terras de reguengo que dependían directamente do Rei, pero tamén é apelido destas parroquias e podería ser antropónimo. Miñato, miñato, /que levas no papo? /Leite callado. /Quen cho callou?/María do Rei. /Cálate, cálate, /que eu llo direi ! é unha cantiga popular de entre nós que se repite con variantes noutros lugares de Galicia.
Nun dos tres Pergameos Irienses do Mosteiro de Oseira que se conservan no Arquivo Histórico Nacional (Gallaecia, nº26), nunha venda do ano 1098 fálase da vila de Lestrobe (daquela pertencía a Padrón) como “concurrentem ad Sancta Maria Virginis”, é dicir lindando coa parroquia de Santa María que debía ser a nosa de Dodro, á que Lestrobe pertence agora. Así o interpretan Miguel Romaní e Pablo S. Otero, que analizan os documentos. No que toca ó templo parroquial de Santa María de Dodro, constitúe para María del Carmen Folgar de la Calle, unha das primeiras obras de Simón Rodríguez e presenta algunhas das peculiaridades que definen o seu estilo. En 1719 encargáronselle ó mestre compostelán as trazas do templo, sendo adxudicada a realización das obras a Pedro Blanco. O edificio presenta planta de cruz latina con unha soa nave de dous tramos, cruceiro de un e capela maior rectangular, rematando nos laterais en senllos nichos con bóveda en forma de vieira. No interior destaca sobre todo o retablo maior. A intensa decoración contrasta coa sinxeleza do propio recinto, a profusión de dourados imponse nun espazo reducido, o uso de diferentes planos provoca a sensación de movemento e de inestabilidade, xogos de luces e de sombras… Na opinión da profesora Folgar sería o primeiro retablo deseñado por Simón Rodríguez, arredor de 1740, data do inicio das obras, sendo quizais o entallador Manuel de Leis. Consta de basamento e dous corpos. O inferior está formado por cinco rúas separadas por columnas con fuste moi decorado e capiteis corintios, presentando no alto os típicos cilindros do autor. O segundo corpo está dividido en tres rúas separadas por pilastras con pequenas columnas na base. No centro, a imaxe da Virxe e nos laterais, enormes volutas con anxos portadores de palmas. Remata o retablo a figura do Pai Eterno, tamén característica nas trazas do artista. Contratáronselle os catro altares colaterais a Francisco de Lens e Juan Domínguez de Estivada. Nos brazos do cruceiro figurarían un dedicado á Virxe das Neves, con Santa Lucía e Santa Bárbara ós lados, que se conserva completo, e outro a San Antonio de Padua, acompañado de Santiago peregrino e San Roque. Os outros dous estarían baixo a advocación da Dolorosa e do Nazareno. Son imaxes de vestir, a primeira de Antonio Fernández. a última, semicompleta, con torso, o que non é usual, adornada cos atributos da Paixón e da Santa Face, obra da etapa final do gran escultor Xosé Gambino (Álvaro López, López Calderón). No exterior, a fachada de liñas elementais non se atén ás trazas orixinais de Simón Rodríguez. A porta presenta marco moldurado e pilastras caixeadas, cun frontón triangular partido con fornela que resgarda a Virxe da Asunción. A torre do campanario é de tres corpos, coroada por un cupulín con pináculo, configurando un todo harmónico e equilibrado. Á tardiña, coa borra do solpor, desde as veigas de Dodro, a silueta do campanario de Santa María forma parte dun horizonte que nos é familiar, Ángelus de Millet ou estampa miniada dun códice imposible, o de As moi ricas horas do Marqués de Bendaña.
As margaridas (Bellis perennis) teñen o seu étimo no latín MARGARITA, a partir dunha palabra grega MARGARIDES que significaba perla, e esta, desde unha forma do sánscrito. Margarita foi nome moi usado en Roma. Margaride é máis tardío. O noso está en Imo. Hai quen lle chama margaridas ós pampillos amarelos (Coleostephus myconis) pero non o son. Disque houbo unha raíña castelá que os confundiu con inmensos campos de azafrán.
Martiño procede do nome romano Martinus (de Mars, deus da guerra) e Martiñán de Martinianus. Segundo Ana I. Boullón, Martiño e Martín están entre os patronímicos máis usados na época medieval. J. M. Piel intenta explicar o termo martiños, recollido na documentación medieval (nas cantigas de Afonso X: “o que foi con medo dos martiños”) referido a combatentes do exército dos mouros durante a Reconquista, temidos polos cristiáns, sen chegar a conclusións claras. O San Martiño celébrase o 11 de novembro. Arrofían os días, é tempo de castañas, de abillar as perfias para probar o viño novo e de xogar ó trompo. Polo San Martiño trompos ó camiño.
San Martiño está na veiga de Lestrobe, á beira do Sar. Cítase no Tumbo de Santa María de Iria (J. L. Pensado): “Cabo do cabeceiro de San Martinno”. Martiño está en Revixós e en Traxeito, onde tamén está A de Costas de Martiño e A Lama de Martinco. O Agro de Martiño é do monte da Devesa e Cal de Martiño de Manselle. Martiñán e Martiñán de Riba están fronte a Teaio e San Martiño preto dos Castros de Bexo. Estivemos alí no medio do monte, buscando as ruínas dunha capela que levaba o nome do santo e que está na documentación medieval e nos libros de fábrica de San Xián de Laíño, a onde pertencía ata o século XIX. Collemos anacos de tella moi grosa, de factura rudimentaria e pareceunos escoitar voces arcaicas de frades soletreando letanías entre as urces, pero soubemos despois que a primitiva Capela de San Martiño estivera na propia aldea e talvez estas do monte foran posesións do mosteiro compostelán ou restos dos castros de Bexo. Entrando polo lado de riba, despois de pasar a escola, hai unha casa que se chama A da Capilla, ou A Capilla, na que se atopou unha imaxe do santo (“Avelán”, 1993) que se recolle no Preinventario etnográfico da Parroquia de San Xoán de Laíño. Despois estivo no lintel do portalón do curral da Casa do Roquiño. Fáltalle a cabeza, vai vestido cunha casulla ornamentada e porta o báculo bispal na man dereita e o libro na esquerda, atributos que se repiten noutras representacións. San Martiño de Tours,que viviu no século IV d. C., primeiro foi soldado e rachou a súa capa para compartila cun pobre, como se pode ver no frontón que coroa a fachada de San Martiño Pinario, mosteiro ó que pertencían durante a Idade Media estas e outras terras do concello. Aínda sendo contrario á doutrina gnóstica, parece que intercedeu en Tréveris diante do emperador para evitar a execución de Prisciliano.
Mazadoiros eran asentos de pedra a carón das portas das nosas casas que noutro tempo se empregaron para mazar o liño. Tamén se batía nel nas eiras cos mazóns. Tan só atopamos esa acepción precisa no Glosario de Constantino García e no diccionario de Estravís pero é fóra de dúbida que ese é o seu significado. Do latín MATTEA, ‘maza’. O Mazadoiro da Laxe de Lestrobe era un longo banco corrido, de pedra, á beira da estrada que ben podería exemplificar o que dicimos se non se tivera perdido. Nos píos, cun macico ou mazo, pisábase o carozo do millo, o gran e o toxo novo para llos dar ó gando. Sería polo tanto sinónimo de pisón. Nas ferrerías, situadas á beira dos ríos, había tamén grandes mazos para traballar os metais batendo na zafra. No dicionario de Eladio Rodríguez o macico emprégase para abrir os ourizos das castañas. En Franco Grande son macicos as follas dos pinos pero tamén se denominan así diferentes ferramentas de carpinteiros e toneleiros ou os mazos dos carreteiros cos que se apretan as rodas dos carros. Se lle cadra ten que ver con algunha destas acepcións comentadas o topónimo Macicos que está alá alto no monte da Devesa.
Unha vez apañado o centeo e a avea facíanse monllos para levalos ó medeiro, onde se erguían medrucos con eles e, ende pasado un tempo, estendíanse polo chan a secar. Cada casa erguía a súa meda ata que chegaba o intre de mallar. A malla realizábase alí mesmo ou acarrexábanse ata as eiras das aldeas. O Medeiro de Gradín estaba en Tarrío. O Medeiro está na subida ó Castro de Traxeito e Os Medeiros un pouco antes, do lado de baixo da estrada e tamén en Bexo e en Teaio. Meda provén do latín MEDA, ‘morea’, pila de forma cónica. Algúns autores pensan que se formou desde unha base oronímica MED. Quedounos en monumentos megalíticos como medorras, medelas e noutros que teñen igual disposición piramidal. O monte Meda, cara o nacente das terras de Dodro, é do concello de Padrón e preside, para o escritor Anxo Angueira, a república xeográfica destas terras de Iria.
Debe de ser tamén nome de posesor medieval formado desde MEIC/MEIT + ELLUS. En Meitriz, para algúns autores, MEIT procedería da forma xermánica MATH, ‘poderoso’. Quizais tamén aquí. A terminación “ellus” é diminutivo latino que daría o “ – elo” galego e está presente noutros nomes da toponimia maior coma a nosa aldea de Manselle. Meitelle está arriba de Traxeito.
Quizais nas Melreiras abundaran os melros ou merlos (Turdus merula), un dos paxaros que máis proliferan pola zona, coa súa cor negra acibeche nos machos (as femias teñen sempre cores menos vistosas para pasaren desapercibidas nos niños) e o peteiro amarelo laranxa. Arróubanos co scherzo do seu canto que asemella unha risa maliciosa entre as silveiras. De todas as formas o topónimo podería estar relacionado con mel, do latín MELLE. Ameleyras son para Sarmiento as apóutegas, parásito comestible da carpaza (Cytinus hipocistis). Di que lle chaman en Rianxo veituriños e que hai moitas en Leiro. De habelas aquí, como temos que supor, tamén as comerían nenos tristes. No concello de Laxe hai As Melgueiras, que en portugués é sinónimo de cortizo. A melga é unha gramínea semellante á alfalfa que se usou coma forraxe. Eligio Rivas di que a melga era a herba medica por ser orixinaria da rexión da Media, en Asia, pero noutro momento cita a raíz céltica BEL/MEL, ‘o que encanta, narcotiza’. O topónimo podería derivar da raíz indoeuropea MEL (Pokorny), co sentido de ‘brando, mol’. Hai demasiados significados que se cruzan e ó mellor chegaba co primeiro, pero en todo caso, na estrada que vai de Tallós a Tarrío, son nome fermoso estas Melreiras, que enfeitiza. Na braña de Lestrobe hai Os Melchos. Con seguranza non sabemos cal sexa o significado. Melca nos dicionarios está como ‘gramínea cultivada’. Poñemolo aquí por proximidade fonética con algunha das posibilidades anteriores.
A Eira da Menor está en Castro. En A Toponimia de Trabada Xulia Marqués fala dun sentido pexorativo pero non sabemos se aquí o tiña. Do latín MINORE supoñemos que este eirado lle correspondería nas partillas á máis pequena dos herdeiros. Desde a Idade Media, Dona Maior foi nome relativamente común que se lle puña á filla primoxénita nas familias nobres, pero tamén as máis humildes tiñan o sen recanto na toponimia.
Merosas e morouzas, nos dicionarios, son montóns de pedras miúdas nunha terra de cultivo. Ese é o significado que tamén nós lle damos a merosas e morosas, palabras emparentadas con morea, montón de cousas sen orde, que está ben viva na lingua oral. Parten todas da base prerromana MOR, ‘pedra’, ‘monte’, ‘montón de pedras’. O Monte do Morazón, que está detrás da Paxareira e O Monte Morouzos, arriba da Chisca, serían, pois, montes redundantes e As Merosas da Veiga de Eiró e A Morosa de Lestrobe, lugares onde había pedras amoreadas. A Moradiña de Susavila e A Morada de Lestrobe, na opinión de Eligio Rivas (Toponimia de Marín), procederían da mesma base oronímica.
Se fora A Moscosa, contra o que poida pensarse, non é topónimo raro. Sarmiento fala dunha Laxe do Mosqueiro na que como batía moito o vento mareiro refrescaba os animais e espantáballe as moscas. A palabra mosca vén do latín MUSCA. A Mescosa está en Teaio, pero hai veciños que pronuncian A Amescosa, o que pode indicar calquera outra procedencia que non coñecemos, mesmo relacionada coa partícula indoeuropea AM, ‘auga, canle’ da que xa se falou. Os Mosqueiros, no alto do monte, entre O Rialiño e Lestrobe, deberían ofrecer menos dúbidas, pois mosqueiro é lugar no que hai moitas moscas.
Tal vez se refira Mesoute a un pequeno planalto arriba de Imo, un rechán no alto, coma unha pequena meseta. Eligio Rivas para o topónimo mesa supón unha raíz preindoeuropea MES, ‘rocha’, monte. A palabra mesa vén do latín MENSA.
O Mexiño está en Tallós. Quizais teña relación con mexo e se refira ó enxurro ou ó zudre das cortes que baixaba polos camiños, pero máis probable é que sexa da familia de ameixa (diferentes variedades de Prunus) que formou topónimos coma Mexeira ou Meixide. Aguirre anota ameixa e ameixeira. Sarmiento explica que en Galicia usamos tres palabras para referirnos a elas: ameixa, cirola e bruño. Cita a Plinio dicindo que a árbore myxa, de onde procedería a palabra, é orixinaria de Damasco, de aí damascena, unha das variedades, que podería estar na etimoloxía do nome. Nós chamámoslle ambruíños. Unha das opcións que se baralla para Meixoeiro é a de mesón, pero podería derivar de ameixoar (lat. AD MANSIONARE), 'xuntar as ovellas', ‘recoller as galiñas’, co que podería ser sinónimo de aprisco ou curral para reunir o gando. En Dodro o mexo de can é unha solanácea de froitos vermellos rechamantes, abondosa nos camiños e nas hortas. Para Meixoadela que queda no alto do monte de Pexegueiro deben valer estas mesmas consideracións.
A Mimoseira queda no medio da aldea de Lestrobe e, como se pode supor, era terreo inzado de mimosas (Acacia dealbata). As Mimosas estaban do lado de riba do Campo de Chenlo. Son árbores ou arbustos moi invasivos procedentes dos Mares do Sur que se adaptaron ben nas nosas latitudes. Desde o mes de xaneiro forman vistosas e arrecendentes illas de flores amarelas nalgúns lugares do noso monte.
Como se sabe, o millo é orixinario de América Central e chegou a Galicia a principios do século XVII, entrando polas Rías Baixas e adaptándose perfectamente ás nosas características climáticas, pero é a mediados do século XVIII cando se estende con forza por estas terras. Dinos Murguía que xa en 1834 se pagaba renda nese cereal. No dicionario de Sebastián Miñano (1826–29), a obra máis importante desas características, antes de que Madoz elaborara o seu, dise dos Laíños que eran terras de moito millo e excelentes pastos, pero non apropiadas para o cultivo da vide. Quedounos pouco representado na toponimia porque as leiras xa tiñan nome de seu antes que chegara o cereal. Temos O Agro do Millo en Eiró e Os Millos no Rialiño. Desde a época dos castros cultivábase aquí o paínzo (Setaria italica) ó que se chamaba millo (lat. MILIUM), pero despois deuse en chamar millo miúdo para non confundilo co millo gordo (Zea mays), mijo grueso ou maiz nas nosas respostas de Ensenada (1752), que chegaba de América, ó que os portugueses denominaron tamén milho grosso, polo gran tamaño das espigas e dos grans. Crespo Pozo comenta que se nomeou millo d’ Indias o novo, e millo dos paxaros o miúdo, que daba unhas espigas pequeniñas. O cambio foi importante porque a nova planta tiña rendementos moito máis altos. Substituíu ademais ó centeo e ó trigo e fixo posible un rápido crecemento da poboación, transformando (xunto coa pataca que entraría máis tarde) radicalmente a paisaxe agraria galega. Servía para a alimentación animal (palla, pabóns, carozos, espigas) e os casulos usáronse para facer colchóns, máis baratos que os de la. Antes que nada estercáse, restíllase e despois de labrar, grádase coa grade e zórrase co canizo. Unha vez sementado o millo todos os traballos están destinados a eliminar as malas herbas, milláns e saramagos: decroar, sachar, arrendar, darlle a cava. Ducias e ducias de hórreos inzan as nosas eiras e hortas agardando a milleira, o tempo de esfollar e colleitar o cereal. Despois ficaba neles ata que se debullaba pola lúa de marzo. Tamén o recolle Aguirre na súa arquiña, graneira das palabras. O millo enseñorou estas terras fondas e lenturentas de Dodro e dos Laíños durante os dous últimos séculos. Afíxose ben a ellas, e nós a el. Quizais non precisaba rega pero agradecíaa. A folla do millo verde/tenche moita picardía:/colle o orballo da noite/para beber polo día. Por se acaso fixémoslle pozos e canles para atendelo na seca dos vrans. Falamos deles por estas follas adiante. Coidábase como se coida un meniño. Aínda hoxe o botamos cun cordel e seguimos a dar voltas arredor dos seus pés totémicos coma nunha danza ancestral. As xentes destas ribeiras do Ulla, labradores de seu, naceron coa rabela do arado na man, e sospeitan que o mundo teña a forma dunha gran mazaroca e que o sol sexa en verdade un vello arado de pau abrindo sucos invisibles nas outas campías celestes.
No monte que está arriba de Tarrío e de Reboiras, á dereita da Fonte Primeiral está A Mina ou A Mina de Resende. Como xa falamos consérvase alí unha mámoa semidestruída, á dereita do camiño que sobe para o cume e foi vía de paso para as aldeas de Dodro. Queda á beira da Vía Rápida do Barbanza. Sacouse terra da masa do túmulo na parte norte e presenta tamén un gran cono de violación. Non amosa restos de cámara. Agora medran no tombo videiras bravas que dan uvas dos mortos. A uns trescentos metros, preto doutro posible enterramento, atopamos no chan hai máis de vinte anos unha pequena machada de man de finais do período megalítico, quizais pertencente a un enxoval funerario. Comentaba o padre Sarmiento que a xente lle chamaba minas ós enclaves onde había mámoas porque pensaban que nelas podían atopar tesouros. Dentro desas mámoas, continúa explicando, só se encontran carbóns e cinzas e algúns cascotes de olas cinerarias. Durante un breve tempo houbo aquí realmente unha pequena mina da que se sacou cuarzo para as cerámicas de Catoira pero o nome é anterior. A Fonte da Mina está no alto de Bexo, enriba do Lodeiro, no rego das Escuras. Chamámoslle tamén minas ós pozos e galerías que se escavan para sacar auga. Moitos nomes teñen aí a súa orixe. Había unha en Moure, en Castro e nas da horta das Torres dos Hermida (fala delas Rosalía en Padrón y las inundaciones) dinnos que tivo que se agachar un irmán de Xosé Batalla, fuxido coma tantos despois da guerra civil. Outros, os que puideron, escaparon ó Xiabre. Resende ou Rosendo é Rudesindus, nome xermánico, cerimonioso coma todos eles, de RUD/ROD, ‘victoria’ e SIND, ‘camiño’ ou ‘expedición militar’. San Rosendo fundou o Mosteiro de Celanova alá polo século IX e foi bispo de Iria. Como “S. Rudesindus Episcopus Yriensis” está representado nunha imaxe da Colexiata que se lle atribúe tradicionalmente ó mestre Xosé Ferreiro.
A Minquenla; tal era o nome dun pequeno bosque comunal de carballos, acibros e loureiros, abaixo de Tarrío, que desapareceu coa concentración. Nos cupos vellos figura un propietario chamado Juan Manquenla, apelido agora desaparecido das cartas onomásticas galaicas. Mangoleteiro e manguelo son palabras próximas ó antropónimo coa transformación acostumada da consoante sonora en xorda e dise así da persoa descoidada e lacoeira, dun lacazán e un mangante. Tamén ten o significado de díxomedíxome, que leva e trae contos e maledicencias. Máis un nome para o alcumario dos de Dodro.
O Miradoiro de Penas, ou O Mirador, que están en Lestrobe; O Miradoiro ou O Mirador, en Bustelo ou arriba da Devesa e O Mirador da Paxareira, en Vigo, teñen todos magníficas vistas da paisaxe. Algúns son nomes moi recentes. Provén da palabra ‘mirar’, MIRARE en latín.
Desde o latín MULTU, A dos Moitos, é topónimo que está no monte de Manselle. Os veciños confirman que é unha paraxe de monte na que son moitos os propietarios.
Levan o nome de A Molareda terras de monte arriba de Tarrío e de Sar e Molar é do Rialiño. Formáronse a partir do latín MOLLUS, ‘suave’, ‘brando’, que, como vimos, Julius Pokorny trae do radical indoeuropeo MEL. Concordan a maioría dos autores en poñelo en relación con vexetais que presentan este calificativo: toxo molar, herba molar… Apunta Gonzalo Navaza a posibilidade de que teña que ver co molime ou estradura, que tamén lle chamamos así ó toxo brando e ó fieito que se bota no chan das cortes para facer boas chotas de esterco. En Aguirre atopamos molime coa acepción normal e con outra curiosa: “usábase para alfombrar as habitacións”. Tamén define molimal e molimada. Poderían ser terreos brandos, de terra mol, fondos e de boa calidade. Molanqueiro dise da persoa indolente e frouxa, de caracter feble.
As raíces xermánicas MUND/MOND significan ‘protección’. Puidera ser derivado do radical preindoeuropeo MUND, ‘monte’, prominencia, Mondelo que está abaixo de Teaio.
Un monte é unha elevación natural do terreo ou un espazo cuberto de árbores e de vexetación que medra de maneira espontánea (do latín MONS). Temos o topónimo O Montiño en Lestrobe, Bexo, Imo, Castro, Manselle e Revixós. O Agro do Monte é da Devesa, Os Lagos do Monte de Teaio, O Agro do Monte, A Boca do Monte, O Monte do Vilar, O Monte de Penas, O Monte das Pedras e O Monte Fontecova son de Lestrobe. O Alargo do Monte está arriba de Eiró, O Monte de Romay en Tallós e O Monte de Fontán en Manselle. Moitos máis haberá dispersos por un concello coma o de Dodro que é dos que máis masa forestal ten de toda a provincia, en relación coa súa superficie. Sirvan estes coma exemplo. O Monte Fieitoso queda arriba de Traxeito, O Monte dos Estremos en Paizal (estremas son as lindes das fincas e estremeiros os colindantes), O Monte Salgueiral é o de Susavila, O Monte do Morazón está detrás da Paxareira, e despois del, O Monte do Medio. O Monte das Tobías é o de Bustelo de Paizal. Desde As Murallas milenarias do Monte dos Castros de Bexo, labaradas de pedra, o viaxeiro británico Aubrey F. G. Bell, lembrou as paisaxes de Cumberland e Escocia, contemplando a ría da Arousa, “cercada coma un lago por montañas púrpuras inzadas de breixos”, de paso por estas terras esquecidas do pór do sol hai pouco máis de cen anos.
Contra o que poidera pensarse semella non ter que ver con vinculeiros nin morgados senón co nome medieval Mauricatus. Morgade está cara o levante da aldea de Manselle..
Os lugares que levan este nome e outros similares presentan elevacións redondeadas parecidas a unha moa (MOLA en latín). Mós, no monte de Sar, é terreo apenedado onde abundan desde logo laxedos desas características. O Outeiro de Mós é de Manselle. O outro Mós é do monte de Imo e houbo no lugar un dolmen ata os anos sesenta, cando se escachou para facer coa pedra un alpendre na aldea. Debía ser moi grande, polo que contan. Chamábanlle A Caseta de Mós ou A Casa de Mós. Para non quedaren ó ventimperio, gorecíanse nel os rapaces cando chovía e andaban co gando no monte. Crespo Pozo e outros autores falaron da relación entre estes topónimos e as mámoas. O Agro de Moas estaba na ladeira do monte que baixa da Chisca. O Río das Moas, na braña de Dodro descríbeo Madoz dicindo que
«non ten outras augas que as do Ulla, medra e mingua como consecuencia das mareas estendéndose en varias direccións unhas duascentas varas e coa maré alta admite barcas de carga de vinte quintais que non poden ser descubertas na súa navegación ata chegar á beira.»
É o que se ve para alá do San Lufo, abaixo da Cancela Abrea, entre A Xerpa e O Lodeiro, é os poucos que fan acordanza do nome chámanlle aínda Río das Maulas ou río do Pozo e din que era de moitas e boas anguías. O que non sabemos é se o nome foi deformación do que citamos antes ou era este o orixinario. Maula é persoa que engana e se queixa sen razón, aparentando unha dor que non ten.
Ademais da Devesa dos Mouchos que lle dá nome a unha das aldeas do concello, Os Mouchos nomean unhas leiras de Bexo. O moucho (Athene noctua) é unha rapaz nocturna aínda que se pode ver ó entardecer. O nome provén do latín NOCTUOLU. Vive nas fragas, ruínas abandonadas, nos muros das igrexas e non é ave de bo agoiro. Rosalía lembra o cantar popular: “Eu ben vin estar o moucho enriba daquel penedo:¡Non che teño medo, moucho, moucho, non che teño medo!”
Vimos de falar hai unhas poucas páxinas da base preindoeuropea MOR(MAR/MAUR), ‘pedra’, ‘monte’, que para Eligio Rivas (1982) explicaría a orixe dos topónimos que queremos comentar. Nembargantes, hai outros autores que os fan proceder de MAURI (xenitivo de MAURUS), nome medieval documentado procedente dun alcume étnico, relacionado coa pel do propietario. Moure (do lado de riba da coroa do castro de Imo, onde houbo unha mina de auga que escavaron os Aguirre de Imo), Mourán (en Salvanxe, para alá de Tallós), Agra Moura, en Vigo e Mouriños (no monte de Manselle) serían así antropónimos, pero tamén poderían ter que ver coa cor escura das terras. De todos xeitos son etimoloxías nas que se produciron a miúdo interferencias, cruces con outras palabras foneticamente próximas coma mouros, amor e mesmo morte, que deron curiosas etimoloxías populares (dicía Baldinger que a homonimia é “o pesadelo do etimólogo”). O imaxinario dos galegos que busca unha explicación, racional ou non, para as ruinas dos castelos e tumbas antiquísimas que se multiplican pola nosa xeografía, entendeu que foron construídos polos mouros, seres mitolóxicos que viven aínda soterrados neles e en determinadas épocas do ano, sobre todo na noite de San Xoán, ou baixo certas circunstancias, nos deixan entrever as súas maxias. Eis a explicación tradicional de moitos deses nomes, a do Agro do Castro de Moure, poñamos por caso, escoitada ós veciños de Castro. En realidade, tan só en casos tan claros coma A Coroa da Raíña Moura, na propia aldea, ou A Eira dos Mouros de Bexo, foran estes imaxinados ou non, poderiamos afirmar que son derivados do maurus latino, ‘moro’, ‘habitante de Mauritania’. Polo demais, é certo que a aceifa de Almanzor que arrasou estas terras no ano 997 tivo que provocar un forte impacto entre os nosos, sobre todo se atravesou por estes casaríos, como apuntamos noutro lugar do traballo, pero o que resulta claro é que os nomes de lugar dos que tratamos nada teñen que ver cos mouros pois sabemos que historicamente apenas se detiveron nesta terra verde e chuviosa á que non se afacían porque lles amolecía os ósos.
Queda un único muíño de vento de planta circular, solitario e comesto polas silvas arriba da Aldea da Igrexa, á esquerda da estrada que vai para as aldeas de riba, O Muíño do Vento. Muíño é palabra que vén do latín serodio MOLINUM, abreviatura de SAXUM MOLINUM, que designaba a moa (de MOLERE, ‘moer’). En Teaio A Muiñiña ten esa etimoloxía. A muíña é a casca miúda do cereal cando se aventa. Subindo desde O Pozo Bastón cara a aldea de Bustelo polo río do Treito, ó que os de Bustelo lle chaman río de Bouzas na parte alta e río dos Muíños máis abaixo, temos O Muíño dos de Xesús, O do Agro Novo, O de Ventura, O do Carballo, e O de Francisco. Despois virían Os Muíños Vellos que compartían veciños de Bustelo e de Campelo, do outro lado do río, O dos Lagarios (Olegarios) e outro De Ventura que xa estaría nas leiras de Bouzas. No rego de Pena, cara o nacente de Bustelo, en Crebantavaras (de CREPARE, 'crebar', e de VARA) hai O Muíño de Carme de Pedra. No rego de Manselle, que se chama río Figueiras no Catastro de Ensenada, o primeiro é O do Señorito ou De don Pepe (o médico que está na Pensa Nao, antepasado lonxano da nosa familia), O do Cubo, en Cal de Martiño, O da Soutela, a carón do Lavadoiro, O da Rúa ou Suaviña, O de Reboiras, O de Sar, O de Bertiño, O de Neto, O de Xácomo, O do Can, O de Rial na aldea dese nome, e despois dela, O do Batán, O de Chacón, O de Figueiras e O da Veiga. O Muíño da Ponte Quinteira está abaixo do Rueiro. O Muíño do Bacelo, en Reboiras. No rego de Pexegueiro hai O Muíño do Souto e O de Cabanelas. No rego de Vigo, temos Os Muíños do Portancho, O de Ferreirós, O de Paizal e O de Deza ata O Rialiño. Á beira das casas está O Muíño da Aldea, e despois do salto de lus do Ribeiro, viña O Muíño da Recambariña ou Da Crabeira, O Muíño da Laxe, O Muíño Novo, O Muíño do Labego ou Do Cubo (derrubado pola Vía Rápida do Barbanza). En Bustelo había O Muíño de Taboada e O dos Estremos. Ó sur da estrada temos O Muíño do Fabeiro, O Muíño do Souto, O Muíño do Cuco, O Muíño da Malladoira e O Muíño de Baixo. O Muíño da Devesa está nesa aldea, e abaixo dela hai un de cubo, O Muíño de Valentín, dos mellores conservados do concello. En Teaio no río de Carballós hai O Muíño de Polo, O Muíño de Carballós (de cubo), O Muíño de Castaño (de cubo), O Muíño da Frevenciña e O Muíño de Mariño (de cubo). No río que baixa desde o Campo da Chisca ou río da Arregañada hai O Muíño de Riba, O Muíño do Freixo, O Muíño Pequeno, O Muíño de Lixó, O Muíño Tellado, O Muíño de Baixo e outro Muíño de Mariño. En Bexo hai O Muíño do Rego de Escura, e no río de Rial, O Muíño de Riba, O Muíño do Rial de Baixo, O Muíño de Avelino que era de nora, tirado por un cabalo, O Muíño e O Muíño do Petouto ('outeiro', 'picouto'). No río de Imo ou da Lavandeira, temos O Muíño das Mouriñas, O Muíño Novo, O Muíño da Richalda, O Muíño das Señoritas, O Muíño Farraco,('saco', 'fardel', do lat. FAR, FARRIS, 'fariña'), O Muíño Cagadoiro (ademais do significado máis obvio, cagadoiro podería aplicárselle a un saco ou a un recipiente furado que perde o que contén, neste caso a fariña),O Muíño Vello, O Muíño Pontello e O Muíño de Lago. O Muíño de Fidel e o do Regueiro, agora destruído, están do lado de riba da aldea de Lestrobe.
Como Muronovo non está recollido no Diccionario Geográfico de Madoz (1845–1850) e xa dixemos que a actual estrada de Padrón a Ribeira é de 1864 (proxecto de Celedonio Uribe), temos que supor que a pequena entidade de poboación se orixinou despois desas datas. Muro formouse desde unha base prelatina alternante MOR/MAR, ‘parede, morea’ (Eligio Rivas) pero pasounos desde o MURU latino, para defender as vilas, mentres que PARIES serían as paredes das edificacións. Novo veunos do latín NOVU. Hai tamén Muronovo en Bexo.
Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón