Xa nos detivemos máis de vagar na descrición dese proceso que se desenvolve ó longo da Idade Media polo cal se van formando diferentes núcleos habitables arredor das vilas e volveremos sobre el cando falemos destas. Quintas, quintáns e quinteiros, derivados de QUINTUS, son un exemplo do que falamos. Quinteiro é o barrio dunha aldea, un rueiro, un terreo baldío, aberto e público, entre as casas ou nos arredores destas, unha praza ou o corral dunha casa (Aguirre) cerrado cun muro, que todos eses significados ten. En portugués “quinta” é casa de xente rica no campo. Hai unha amplísima explicación destes termos nos comentarios de J. L. Pensado sobre o Onomástico de Sarmiento. Como quintana tamén é praza, xogaba Borobó coa repetición na que se incurre ó dicir Praza da Quintana. En realidade, ó perderen os nomes o seu sentido orixinario, idéntica redundancia dáse en centos de topónimos: Rio Sar é tanto coma Río Río e Deserto do Sahara vén sendo Deserto do Deserto. Na aldea de Tarrío temos O Quinteiro de Riba e O Quinteiro de Baixo. Tamén outras aldeas os teñen: Bexo, Imo, Teaio... Entre Tarrío e O Rueiro está A Ponte Quinteira; O Quinteiriño, en Teaio, e en Lestrobe, Quintáns. “Cando ó salir do sol polo quinteiro douraba fontes, lagos e campiños ”, dinos Rosalía. Hai quen fai recuar os vocábulos ata a agrimensura romana. Procede dun imposto no que se cobraba a quinta parte da colleita que tivo plena vixencia na Idade Media por estas terras. Son moi comúns as referencias documentais. No Tumbo de Iria (López Alsina, 2004) Fernán de Castro, veciño de Lestrobe declara que “pagaba a quinta das herdades que lavrava a os mordomos dos arçobispos et ao cabidoo de Santiago”. Preto de nós chegou a darlle nome a unha xurisdición enteira. A Quinta e Valeirón foron territorios dos arciprestádegos de Amaia e Iria durante séculos. Cóntao Clodio González Pérez no seu documentado libro sobre o Concello de Rois. Cando no século XVII empezaron a escasear os soldados voluntarios, foi obrigatorio que acudiran por sorteo un de cada cinco. Eran da mesma quinta os que ían no mesmo ano.