As primeiras referencias que temos sobre o Ulla están en Pomponio Mela, no século I d. X. que cita o Ullam e o Laeron, como os ríos da cidade de Lambriacam. Ptolomeo, no século II d. X. fala da desembocadura do río Via. Hai autores que coinciden en identificar este Via co noso Ulla, desde Sarmiento ata Otero Pedrayo na súa Historia de Galicia. Ptolomeo sitúa as bocas do Vía (ostia viae) xunto a Iria Flavia. Para J. L. Pensado Ulla deriva de Ulia pero é foneticamente imposible derivalo de Vía. Na documentación medieval escríbese Ulia, Uliae, Ulie, Voliam… Na opinión do Padre Sobreira, o nome do río provén duns mananciais chamados ulloos e bulloós nos que nace. Cabeza Quiles a partir da cita anterior, entende que procedería de OCULU, ‘ollo, brote’, coma nos Ollos do Guadiana. Para Elixio Rivas “ul” sería variante da partícula hidronímica indoeuropea UR, ‘auga’. Edelmiro Bascuas parte doutra base preindoeuropea WEL–, ‘xirar, facer xirar’ que parece ser das que ten máis consenso neste momento. É río de caudal xeneroso, navegable. Cánta auga non terán visto baixar estas aldeas do mediodía cara a bacía salobre da Arousa! E non se dá cheo. Existe entre nós a crenza de que os que están a morrer agardan que a marea encha para acompasar co ir e vir das augas o seu alento derradeiro. Tamén o río alenta, poderoso, coma unha serpa inmensa, dúas veces ó día, ó ritmo do secreto corazón de auga do outro Mar da Arousa, porque para as xentes do vello Dodro o propio Ulla é Mar (Agramar é topónimo da outra banda) e paréceo cando impa nas grandes avenidas dos outonos. Non esquezamos que o Pedrón, a ara protectora dos irienses, está dedicado a Neptuno, divinidade do mar. Carlomagno, que as crónicas trougueron a Padrón de peregrino, espetou a súa lanza nel: “infixit in Mari lanceam”. Polo río subiu a barca lendaria xacobea arredor da que xira boa parte da nosa historia. Xa falamos máis arriba das insuas do Ulla. Seguimos case literalmente o Derrotero de las costas de España y Portugal de 1867 para facernos unha idea aproximada da toponimia orixinaria do río: “Empezamos no canal da Insua de Bexo con seis pés de fondo na baixamar e saídos dese paso, vaise despois en demanda do Medroso, pedra afundida na preamar. Seguindo esa derrota deixamos de meo As Pedras de Vilar, invisibles coa marea alta, fronte ó Esteiro da Vacariza e buscamos Laíño coa proa ó norte, procurando non caer cara o leste para non encallar nos bancos de area da nosa beira. Rebasados os bancos, ó surleste de San Xoán de Laíño, gobérnase coa proa cara A Laxe, pedra sempre visible que está na mesma marxe oriental da ría, navegando a medio canal, levando pola amura de babor o lugar de Dodro e deixando a estribor a Insua das Bestas. Pasada esta gobérnase lestenorleste ata chegar á boca do Rego de San Lufo e desde aquí faise rumbo lestesurleste para librar do Banco do Freixo que queda a babor de nós. Ponse proa á Insua de Campaña que está no medio da ría con canal polos dous lados, enfiando cara o Río das Maulas para despois gobernar a media ría, arrimados á costa occidental, deixando de couso a Insua de Carballo para alá da desembocadura do Sar”.