Abaixo de Sar había O Muíño de Xácomo e O Agro de Xácomo. O nome procede do hebreo Xacob, fillo de Isaac e Rebeca, e significa calcañar, porque cando naceu agarraba o pé de seu irmán xemelgo Esaú. A partir de Xacob formouse Jacomus, do que saíron Xacome e Xaime. A quen di que xa comeu, dicímoslle por aquí Xacomín era gaiteiro e Xabebín, tamborileiro...
O Xaneiro e Carballiños de Xaneiro están no monte de Pexegueiro. Antropónimo, do latín JANUARIUS, primeiro mes no calendario de Numa Pompilius, dedicado a Ianus, deus bifronte, que mira a un tempo cara o ano que remata e o que inicia, divinidade dos comenzos e das portas, eixe do tránsito entre os mundos. Do outro lado do mesmo monte, nas Casas do Porto (Rois), Os Xaneiros foron celebrados gaiteiros destas terras. J.P. Machado, no seu dicionario etimolóxico, explícanos que se lles puña ese apelido ós meniños abandonados. Nunha nosa cantiga chamámoslles pitocairos ós nacidos en xaneiro.
Xerpa é variante de serpe, que nos chegou así directamente desde o latín. A Poza da Xerpa está na braña de Lestrobe e A Xerpa na de Dodro. Xa falamos delas no toponimo Cobrega. Eladio Rodríguez rexistra algunhas crenzas que tamén corren por estas terras, coma a de que as serpes gardan os tesouros dos castros, maman de noite no ubre das vacas ou poden hipnotizar e atraer a outros animais coa mirada, sobre todo ós paxaros. Nas brañas do imaxinario popular agacháronse sempre bichocas xigantescas. No monte Fontebecha, que nos asexa desde o outro lado do río, pola noite bailaban as bruxas arredor da auga (Lisón Tolosana). Becha é sinónimo de serpe, cobra. As xerpas relaciónanse con mouras encantadas que peitean os seus cabelos de ouro nos pozos e nas fontes e están asociadas coas lendas de cidades submerxidas. Procuramos non soñar con elas porque seica non traen bos augurios. Estas son as que detallan os fríos libros dos biólogos para as nosas paraxes: a cóbrega sapeira (Natrix natrix), a de río (Natrix maura), a Coronella austriaca, a Coronella girondica e a cóbrega viperina (Malpolon monspessulanus). Tan só a víbora de Seoane (Vipera seoanei) é velenosa. Nós tivemos na casa unha pedra da pezoia (ou da pezoña, como se di noutras terras de Galicia) que se perdeu hai máis de corenta anos. Mollábase en leite e aplicada sobre a picadura das xerpas e doutros bichos pezoñentos extraía completamente o seu veleno. No poema “As torres de Oeste” camiña Rosalía polas brañas, preto dos Laíños, pé da auga que corre “por antre os herbales,/ profunda e sombrisa,/ cal unha sarpente/ de escamas bruñidas”.
A xesta (Sarothamnus scoparius) é un arbusto de flores amarelas que enchen os baldíos de Galicia en primavera. Empregouse para facer vasoiras (as de rúa e portal di Aguirre). As máis finas facíanse de mesquita (Ruscus aculeatus). Tradicionalmente colócase nas portas das casas e nas cancelas o primeiro de maio porque dá boa sorte e espanta as bruxas. Nas respostas do Catastro de Ensenada entre as diferentes clases de terreo figuran sempre especificados os gestares. Temos o topónimo A Xesteira na braña de Dodro, en Imo, en Teaio, en Traxeito, en Pexegueiro e en Manselle. As Xesteiras son de Bustelo. A Xesteiriña está en Traxeito, Teaio e Bexo. Sobre Xesteira e Coto Xesteira están en Pexegueiro e A Xesteira de Baixo en Traxeito. O Agro das Xestas estaba no camiño que baixaba desde a Chisca a Manselle por Balranco. A palabra xesta procede do latín clásico GENISTA, e despois do vulgar GENESTA. Ramón Reboiras, o escritor de Tallós, escorrenta “os morcegos da razón coa rama dunha xesta”. Na rosa dos nosos ventos, para alá das terras de Valga, cara o surleste, vese desde todo Dodro a mole impoñente do monte Xesteiras.
A igrexa de San Xián de Laíño debeu empezarse cara ó ano 1740 e rematouse en 1745. As trazas deunas Frei Manuel de la Presentación, carmelita de Padrón e foi mestre de obra Manuel de la Torre Ferreiro. A figura que coroa o esquinal dereito debeu pertencer á primitiva construción, así como o oco do baptisterio no que había unha credencia oxival que cita Murguía. Descoñecemos o autor do retablo principal, aínda que temos que encadrar a obra a finais do período barroco. O equilibrio do conxunto, lonxe dos xogos de masas e volumes da época de plenitude, o gusto polo decorativismo e por unha certa contención e harmonía das formas na que prima a simetría e a estrutura xeral da composición diante doutros factores individuais son claramente recoñecibles aquí. Sempre se considerou afín ó estilo de Francisco de Lens. O retablo de San Xián de Laíño finalizouse en 1756 e consta de tres rúas diferenciadas. Na central figura San Xián, o patrón da parroquia. O santo veste de cabaleiro, con casaca e polainas e leva un falcón na man esquerda. No máis alto do retablo, a Inmaculada Concepción, cos pés sobre o crecente da lúa sostida por anxos, aparece entre dúas columnas salomónicas. No corpo inferior un espléndido tabernáculo alberga o sagrario así como unha talla do Neno Xesús coa esfera e a cruz, en idéntico lugar ó tallado por Gambino para Cordeiro. Columnas corintias de escasa éntase decoradas con óvalos, acantos e cintas separan a rúa central das laterais onde están representados o Apóstolo Santiago á esquerda, vestido de peregrino e Xoán o Bautista á dereita, sinalando o Año de Deus. Os retablos laterais do Divino Redentor e da Virxe das Dores encargados a Francisco Núñez de Boiro en 1764 non deben de ser os dos brazos da igrexa, como se comentou sempre, senón os que enmarcarían ás dúas figuras de vestir que están ós lados da nave central. En todo caso o barroco dos retablos dos lados do cruceiro, aínda que forma un todo unitario co principal, insiste en fórmulas anteriores priorizando máis o xogo de volumes e a teatralidade. Preside o da esquerda a figura de San Bieito, fundador da orde á que pertence o mosteiro de San Martiño Pinario, do que depende Laíño. Moi fermosa é a talla de Santo Antón de Padua co neno. A imaxe central representa a Virxe do Socorro e a da fornela dereita a San Diego de Alcalá, na honra do cura párroco que paga a obra, Diego Gil Taboada, irmán do arcebispo de Santiago Cayetano Gil Taboada. No retablo da dereita ocupa a rúa central unha gran talla de San Xosé. A un lado, Santa Lucía cos ollos no prato e ó outro, Santa Bárbara coa torre que simboliza o seu cativerio. No exterior a porta é moldurada con orelleiras e enriba dela un arco de medio punto na fornela cobixa a imaxe do patrón San Xián. Algúns historiadores vinculan a lenda de San Xián o Hospitalario cos deuses viales romanos protectores dos camiños, pero a súa traxedia repite sen dúbida a de Edipo, dando morte por erro a seus pais e dedicando o resto da existencia a purgar a culpa axudando ós camiñantes na compañía da súa dona. Aínda que a haxiografía nos di que o santo foi cabaleiro, na Terra de Iria, como xa vimos co San Campio, é tradición que foi soldado. San Xulián de Laíño e máis o de Bastabales, con San Xulián de Requeixo, mira que tres militares. Nalgunha copla aflora a picaresca popular sobre os santos e santas da ribeira do Ulla: Santa Comba de Cordeiro ha de parir un meniño e ha de levar de compadre a San Xián de Laíño. Se o día de San Xián quenta o sol, entón choverá cando os de Cordeiro, do outro lado do río, celebren a súa festa grande de Santa Comba, porque Cando San Xián ri, Santa Comba chora. E non será en balde, porque Se Santa Comba chora é que o inverno vai fóra.
San Xoán é o padroeiro dos de Imo. O nome procede do hebreo Yohanan. Yoh é abreviatura de Yahve, Deus, e hanan, ‘misericordia’. Significa polo tanto Deus é misericordioso. Chamado “O Precursor”, porque anunciou a chegada de Cristo a quen bautizou, foi decapitado por Herodes despois de concederlle a petición a Salomé. O seu culto é dos máis antigos do cristianismo. Represéntase cuberto cunha pel de carneiro como anacoreta, no deserto, sinalando a Cristo coma “Agnus dei, qui tollis peccata mundi”. A súa festa celébrase o día do solsticio de vran, o 24 de xuño, cando o sol dubida por un intre no horizonte, e inicia despois o seu longo camiño de volta polos espazos celestes. Acendemos fogueiras para axudalo a brillar máis porque empezan a minguar os días. Primeiro había un só Laíño pero, ó facerse pequena a Igrexa de San Xián, o arcebispo manda que se faga unha maior con dúas varas máis de ancho por cada lado. Aínda así en Imo facía falla tamén un templo. Unha tradición oral conta que a primitiva igrexa de San Xoán se empezou a levantar no Movido da Poza(mover é roturar as terras), arriba do emprazamento actual, onde hai quen di lembrar o esquinal de pedra de cantaría. O caso é que sabemos que en 1765 se estaba construíndo este edificio de agora porque no Libro de Fábrica de San Xián fálase da falta de medios para concluír a obra. O propio Libro da Igrexa de San Xoán Bautista empeza no ano 1771, pero hai asentos algo anteriores. Cando a inspecciona o visitador do arcebispo recén acabada, presenta xa defectos de estructura, pequenas aberturas na bóveda, sobre todo no arco maior, que necesitan ser reparadas. O templo barroco, de liñas elementais ten un campanario lanzal de dous corpos que se fixo con posterioridade, perfectamente embutido nos muros. O retablo é neoclásico co San Xoán no centro. Meu señor San Xoán Bautista/que está mirando na porta/como as mociñas de Imo/andan a subir a costa, é cantiga que recolle Avelino Abuín de Tembra, pero na fornela da entrada non está o santo. Quizais estivera antes. Agora hai unha estatuíña de pedra da Inmaculada, A Virxe da Santa Cruz., que a tradición popular quere que sexa a que estivo na capela da Cruz do Abelán. A Romaría que se celebra no alto do monte facíase aquí. Os de San Xián, chamámoslle ós de San Xoán, “Os da parroquia de baixo” e eles a nós “Os da de riba”. A denominación Os Laíños que citamos ás veces nestas páxinas está en Rosalía pero non acabou de callar. Hai unha certa rivalidade cordial que debe vir de cando se separaron no século XVIII. Cada un sabe as súas. O ilustre cronista de Imo que vimos de citar imaxinou a escea no Palacio de Lestrobe, diante do mesmísimo prelado Raxoi que, no puño episcopal, ofrecía solemnemente dous picóns ós representantes das futuras parroquias. O que sacara o máis pequeno podería escoller padroeiro, pero a verdade é que o S. Xián estaba xa escollido. Hipocorísticos, da mesma familia que Xan e Xoán, son Xanico, arriba da Dea da Igrexa e A Xaniña de Paizal.
O topónimo O Xuncal está abaixo de Lestrobe. Xuncais e xunqueiras son formacións vexetais típicas das brañas e de terreos sedimentarios húmidos ricos en limos. Aguirre recolle xunca e xunqueira. Todas as formas son o resultado do latino IUNCU. As meniñas de Laíño eu direi como elas son, collen o xunco na braña vano vender a Padrón é outra versión da nosa copla. Nas xunqueiras medran diferentes especies vexetais, sobre todo carrizos e xuncos. Estes últimos están representados polos xéneros Juncus, Cyperus e Scirpus. Do Scirpus pungens (sin. Schoenoplectus pungens), especie ameazada de extinción, pódense atopar exemplares nas brañas. O paraíso dos antigos exipcios era un Campo de Xuncos sempre verde, un xuncal coma os nosos. Na Historia Compostelana do Arcebispo Xelmírez os viquingos desembarcan no porto de Juncaria e matan o bispo Sisnando dunha lanzada no peito da outra banda do Ulla, no predio de Fornelos, en Cordeiro, un día de primavera de hai mil anos. Cóntao despois o Cronicón Iriense: “normani et frandeses et gens multa inimicorum, veniens de Iuncariis volentes ire ad Hyriam”, pero na Crónica de Santa María de Iria identifícase o lugar de arribada co porto da Vacariza que queda da nosa beira. Ás aldeas deste lado do espello do río, arriba das xunqueiras, chegarían as tropelías dos feros homes do norte. “A furore normandorum, liberanos domine”. Nun dos seus versos primeiros lembrábanos Eusebio Lorenzo que “olvido é desamar aquilo que perdemos”. Para non desamar a terra da que somos, estas ribeiras verdecentes do Ulla, a carón das que tecemos os nosos soños, co xunco recén apañado das brañas e cos nomes de auga que fomos recollendo das xentes boas e xenerosas de Dodro e de Laíño, como mellor soubemos, fomos urdindo este tapiz ó que agora damos cabo.
Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón