O Cabaliño dálle nome a unhas leiras situadas preto das casas da aldea de Bexo. Provén do latín CABALLUS, ‘cabalo de traballo ou capado’, aínda que se pensa nunha orixe celta, e acabou impóndose a EQUUS, do latín clásico, que conservamos no nome da femia: egua. O topónimo pode proceder da proximidade dunha corte con cabalos, dalgún outeiro que lembrara a súa forma ou da existencia dunha pedra cabalgada agora perdida. A Costa do Cabalo é unha empinada pendente entre As Melreiras e A Veiga de Eiró na que non virían mal unhas sopas de cabalo cansado para ver de subila con folgos. A Corte do Cabalo está na aldea de Reboiras. O Río do Cabalo é o de San Lufo, augas abaixo de Vigo, porque os chaláns que ían á feira a Padrón abeberaban nel os animais que triscarían tamén nas longas corriolas e na flor branca das oucas. A nosa María, María Lorenzo, contounos un soño de cabalos azuis.
É un substantivo que deriva do latín tardío CAPANNA, ‘choza’, se ben Rafael Lapesa e Joseph María Piel considérano préstamo céltico. As cabanas veñen a ser alboios ou pendellos, pequenos habitáculos, construcións rústicas para gardar os apeiros do agricultor, do pastor ou para resgardarse da chuvia mentres se realizaban os traballos. Recolle a palabra Aguirre no seu dicionario. Atopamos A Cabana arriba da Aldea da Igrexa; A Cabaniña, As Cabaniñas, O Coto das Cabaniñas e As Cabanas en Teaio, e As Cabanas, detrás dos Castros de Bexo. A Cabanela é arboredo do monte de Pexegueiro. No rego de Pexegueiro está O Muíño da Cabanela. Son, como vemos, habituais na toponimia. Nos arredores das casas, algunhas serían hórreos rudimentarios de corres de carballo, salgueiro ou vimbio e teito de colmo, dispostos sobre esteos de pedra. Habíaas en Imo, na Eira das Cabanas, na Eira de Mallar de Reboiras, en Pexegueiro, en Paizal e noutras aldeas. Lémbranas os máis vellos cos canastros xa desbaratados e os potros ou pés dereitos cos tornarratos sobre os que brincaban de pícaros. Haberíaas tamén na Horta das Cabanas en Manselle.
O cabazo é unha planta anual cucurbitácea, de grandísimas flores amarelas e froitos tamén enormes, dourados e redondos coma orbes. Aínda se sementa por entre os pés das leiras de millo ou en tallóns. O topónimo O Botafal debe referir a eles. Cortados dábanselle de comer ó gando e facíanse coa súa polpa, papas e chulas de cabazo de textura suave e sabor delicado, ou botábanse no caldo. Cabazos e cabaceiros tamén se lles chama en certas zonas de Galicia ós hórreos máis rudimentarios feitos de varas e estacas e cubertos de palla. Aquí non se acordan, pero si as cabanas que vimos de ver e son de factura moi parella. De procedencia incerta, desde unha base prerromana CALAPACCIA, podería ter relación con galápago. Para outros, é palabra antiquísima tomada da lingua kimbundu (KA’BASA), que se fala aínda no centro de África. O Agro do Cabazo está na Veiga de Lestrobe.
A etimoloxía destes oronímicos está no latín CAPUT, ‘cabeza’. Cabo é ‘punta, extremo de algo, remate, final’. O Cabeceiro, en Paizal e Rial, son leiras que debían labrarse en sentido transversal con respecto ás outras. En Teaio hai O Cabeceiro e O Cabeceiro de Bouzas. Nas fincas de labradío a travesa ten que gabearse co legón porque o arado que labra en sentido lonxitudinal non pode chegar ata o final, xa sexa por cousa dun valo, dun arró ou porque os bois non fagan un trilleiro na finca do veciño, se xa está labrada. Aquí é sinónimo de testa, que tamén comentaremos, punta ou o cabo da propiedade. Cabos de Valouta son os promontorios do monte Valouta polo lado de Manselle. Descoñecemos a que eiras fai referencia Cabodeiras, que está na braña de Bexo, a unha distancia considerable das da aldea, non sendo que noutro tempo as houbera aquí.
Son nomes que acaso procedan do latino CAPPULARE, ‘cortar, dividir en partes’ ou, como apunta José Luís Pensado nos seus traballos sobre Sarmiento, de CASCUS, ‘vello’, e de CASCULARE, ‘cachar’. Cachar é traballar terras novas, gañadas ó monte, labrar terreos incultos pero tamén ‘queimar un anaco de monte para sementar trigo ou centeo’, aproveitando a cinza como abono. Con esa acepción recóllena case todos os dicionarios, incluído o de Aguirre. É unha actividade que funde os seus inicios na noite dos tempos, coa aparición da agricultura, e que se continúa a practicar en comunidades indíxenas. En Galicia ten un dos seus momentos principais a partir dos anos centrais da Idade Media. Rozas, vesadas e estivadas teñen connotacións moi semellantes. Para os de Dodro, cacheiro é voz ben viva na fala co sentido de ‘leira pequena traballada e coidada preto das aldeas’ equivalente a tallón. Os Cacheiros son leiras de Lestrobe e de Dodro, onde hai A Cachada (en Susavila) e A Cachadiña (na braña). Sobre Cachada está no monte en fronte de Traxeito e A Cachada en Pexegueiro e en Castro. As Cachadas son de Bexo, O Cacheiro de Buelas, está para alá das Melreiras, antes de Tallós, e O Cachón dálle nome a unha pequena elevación na Insua de Bexo e a un altiño detrás da aldea de Revixós, onde está O Hórreo do Cachón, de formas arcaizantes. A palabra é sinónimo de fervenza ou cadoiro.
Cachopo ou cachopa é a parte inferior dunha árbore, o couce ou cepo que queda despois de cortala. Con cachopos de carballo mantíñase o lume das lareiras nas longas veladas dos invernos. “Toro seco dunha árbore” é a definición que nos dá o Diccionario Cumio. No de Estravís e no Carré cachopeiro é o monte que queda cheo de cachopas tras da corta. De ter a xénese no latín CAPULU, ‘cacho’ sería da familia de cachar, que vimos de ver. Non está claro, por iso o tratamos por separado, pois hoxe ten un significado diferente. Entre nós equivale a cañoto. Algunhas das nosas cachopas son agora leiras traballadas ou a campo, pero sen as cañoteiras que deberon ter noutrora. A Cachopa está no monte de Manselle; As Cachopas, preto da aldea de Tarrío; A Cachopiña, en Traxeito e O Cachopo, para alá do Pinal da Braña.
Cadaví ou Cadavide é antropónimo que lle dá nome a unhas propiedades ó leste de Lestrobe, na ladeira do monte San Gregorio. Unha casona vella en ruínas, cuberta por adivais de hedras, presenta unha elevada escalinata e un potiño. Outra edificación, de construción máis recente, na finca agora inzada de robinias (roblinas na fala nosa), ten unhas vistas magníficas sobre o val do Sar. Sarmiento anota Cadaval, Cadavide, Cádavo… De CATTABITUS procedería na opinión de Joaquín Caridad. Cadaval nos dicionarios é ‘toxal queimado’ que conserva en pé os troncos chamuscados (cádavos ou chamizos). En varios dicionarios, os cádavos son os gamóns, as abrotas nosas, das primeiras plantas que medran despois de arderen os montes. É o Asphodelus albus, que lle deu nome ós Campos de Asfódelos ou Campos Elíseos da mitoloxía grega, nas portas do Hades, a onde van os heroes despois de mortos (Odisea, XI). Nós, que non o sabiamos, usamos as súas boliñas coriáceas coma proxectís para meter nos tiratacos.
O Padre Sarmiento recolle cagarríos, como diferentes tipos de Euphorbia, pero temos que supor que fala sobre todo da E. paralias, polo látex irritante, de efectos purgantes, que segregan ó seren cortadas. Recibe tamén o nome de leiterena e usouse para producir vómitos, aínda que pode ser perigosa. O nome vén do latín CACARE, ‘cagar’, e neste caso é un abundancial que tería que ver cos efectos laxantes que produce. Son bastante abundantes na zona. O Cagarrial está no monte de riba de Teaio.
A Caixa e A Caixiña atópanse á dereita da Igrexa de Imo, á beira do camiño sacramental que vén da aldea de Castro, e cecais teñan un significado semellante ó que Cabeza Quiles lle dá ó topónimo Couso (de CAPSA, ‘caixa’) que se debeu aplicar a depresións ou lugares encaixados.
Desde o latino CANALIS, ‘gabia, conduto de auga’, formouse en galego o substantivo canal, pero tamén cal, con perda do “N” intervocálico. En realidade proceden os dous de CANNA, ‘cana’, pola semellanza que con elas teñen os canais. Canle usouse sobre todo para nomear a condución de auga nos muíños e cal perdeuse no uso común pero quedou fixado na toponimia. Caldebarcas é o nome do monte de Manselle. O seu segundo elemento leva unha raíz céltica BARG/BERG, ‘altura’, que xa comentamos. Cal de Martiño está na mesma aldea, á beira do río. Menos probable resulta que se formaran desde unha base preindoeuropea KAL, ‘cumio’ (Hubschmid) ou desde o latino CALLIS, ‘senda, camiño’ que Cabeza Quiles contempla para algúns topónimos semellantes. Non ofrecen dúbida A Canle, na Dea da Igrexa e en Teaio ou Canlegude e Canlegude de Riba que están en Traxeito e xa falamos deles. Quizais sexan parentes léxicos Can do Monte, en Bustelo, e O Muíño do Can, arriba de Rial. Na Toponimia de Marín, E. Rivas identifica unha Fonte do Can con Fonte do Canal. A oronimia está inzada de cans, gatos, galiñas… que non son tales. A Cañeira, en Vigo, á beira do río de San Lufo, tería a mesma orixe. Eligio Rivas pon en relación caño e outros derivados con prados nos que se regaba con regos e canles.
En boa parte de Galicia calcar (lat. CALCARE) é ‘pisar’, acuñar os terreos para lles dar consistencia e que non queden foupeiros. Acuñaríanse co pisón ou co calcón A Calcada, que está na veiga de Lestrobe e na braña de Imo e A Calquiña, que é de Manselle, se esa fose a orixe dos topónimos.
Ademais de se referir ó leite coagulado, callada para nós é sinónimo de espesa, aquí en diminutivo, pero quizais A Calladiña, que queda abaixo de Imo, teña que ver co indoeuropeo CAL, ‘pedra’, de onde procede a forma galega callao, “pedra grande pero que se poida lanzar”, recollida nos dicionarios, ou a francesa caillou que ten unha significación análoga. As dúas proceden do céltico CALIAVO, ‘pedra’. A explicación está na Toponimia de la comarca de Sarria de A. Díaz Fuentes, a propósito de Callás e Calleiros.
Procede do latín CALVU, ‘sen pelo’ e foi primeiro alcume. A Calva son leiras de monte, entre Tarrío e Eiró, e deberon de ser zonas de herbas ralas ou despoboadas, sen vexetación polas moitas pedras. O Monte Calvario era un outeiro pelado, non un osario de caveiras. É apelido espallado por toda Galicia, concentrándose especialmente nalgunhas zonas. Esta é unha delas. Ferro Couselo en A vida e a fala dos devanceiros documenta unha Tareija Calva en 1454, pero hai citas referidas á condición do terreo (terras calvas) desde o século X.
Divídense os estudosos entre os que fan derivar Calzada de VIA CALCEATA, do latín CALCEARE, ‘pisar, calcar’ (Dauzat), e ós que a fan proceder de CALX – CALCIS, ‘cal’, por entender que na súa construción se usou a pedra caliza (Corominas). Sexa como for, é palabra usual na toponimia, frecuente nos documentos medievais co significado de ‘camiño empedrado’, ‘calzado’. Calzar unha roda do carro ou poñerlle o calce é axustarlle unha forra para que non rode. Calzar en Eladio Rodríguez é ‘empedrar as rúas e camiños’ converténdoas en calzadas. Evidentemente estas non sempre se corresponden co trazado viario romano. Así e todo, temos para nós que é moi posible que por aquí pasara unha vía romana secundaria que conectara coa “Pria” (Iria) da Vía XIX do Itinerario de Antonino ou coa Vía Per Loca Maritima.
A Camba e A Cambra están na braña de Imo e Recambariña, no Rialiño. A raíz céltica CAMB, ‘cousa curva’, cóncava, empenada, témola nas cambas e nos cambóns (que menciona Aguirre) das rodas dos carros, pero tamén en Cambados e nestes topónimos nosos. No Elucidário, camba é muíño pequeno, de man, coma os que se recolleron en moitos castros galegos, cunha curvatura ou concavidade sobre a que se moía o gran. O escritor arousán Francisco Camba publicou en 1919 La Revolución de Laíño, unha historia imaxinaria de amores imposibles, bandos e caciques, cunha visión escéptica do agrarismo de principios de século. Nunha estela funeraria romana, agora desaparecida, atopada en Iria no século XIX cando se fixeron as obras do ferrocarril, figuraba un senador de nome Cambavius no que atopamos o mesmo radical.
Do latín vulgar CAMMINUS, ‘camiño’, vía pola que se transita. Podería ser étimo céltico. Terra final, lugar de encontro de homes e de deuses viarios que se miran co mesmo asombro no límite incógnito da terra, sen saberen que máis facer. Con númenes protectores primeiro, despois cos romanos Lares viales e por fin, erguendo cruceiros desde os que tamén nos mira un deus, sempre santificamos os camiños, fixemos deles metáfora da propia vida, e puxémoslle nome ós nosos temores e ás nosas soidades de camiñantes. O que en Galicia chamamos camiños reais son as vías principais de comunicación do Antigo Réxime. Algunhas reformáronse como a que vai de A Coruña a Tui, pasando por Padrón, aproveitando antigas calzadas romanas e camiños medievais. Había tamén os chamados camiños sacramentais, “camiños da misa”, ou “dos mortos”, polos que se facían as procesións e se levaban os defuntos desde cada unha das aldeas ata a Igrexa, parando nos cruceiros e nas encrucilladas.
Onde agora está o cemiterio da Igrexa de San Xián de Laíño chamouse antes O Agro do Campanario. As campás de bronce da igrexa foron feitas polos Ocampo, campaneiros de sona en Galicia e fóra dela. “Ocampo me hizo año de 1841” figura na inscrición decorativa que as beirea cuberta pola pátina do tempo. En Arcos da Condesa (Caldas) seguen aínda domeñando os segredos alquímicos do temple os descendentes daquela estirpe. Deixou dito Rabelais que unha vila sen campás é coma un cego sen caxato. As badaladas das campás veñen marcando o ritmo da vida dos homes e mulleres de occidente desde o medioevo. Lembra aínda a nosa xente o toque de alba no amencer, a mediodía o ángelus (as avemarías) e o toque de oración na anoitecida e recoñecen a linguaxe misteriosa dos badallos, na pequena ou na grande, e se tocan a festa ou a rebato, se hai defunto, e se é home ou muller o que morreu, na parroquia de riba ou na de baixo.
Aínda que o CAMPUS latino denantes fora ‘chaira’, tomou despois o significado actual de ‘terreo que rodea a aldea’, asociado a ela e á súa forma de vida, en contraposición coa cidade. Deixar as leiras a campo ou en campo é tanto como non traballalas e dun prado de herba brava e ruín dise que semella unha camposa , pero o substantivo refire sempre a unha extensión de terreo susceptible de ser cultivada. Pode designar un espazo público (O Campo, O Campo da festa), lugar de encontro, de traballos agrícolas ou de lecer. Son moi frecuentes na toponimia. Campelos e campiños son diminutivos e están no dicionario do noso Aguirre. O diminutivo está moi presente na toponimia de Galicia como querendo darlle á paisaxe unha dimensión máis íntima e humana. Campiñas non se usa na fala, campías e campíos si; veñen sendo herbais, prados, e nas nosas brañas diferenciaban a propiedade particular da comunal. As campías eran de cada un e a braña de todos.
Chegounos desde o latino CANNA. A cana común (Arundo Donax) é doado vela ocupando pequenos espazos a pouca distancia das aldeas formando canavais, porque se usaron tradicionalmente para soster os espalleres e para facer as latas e emparrados das viñas. As principais, que terman do entramado, chámanse aquí caneiras. Mesturadas con barro formaban unha argamasa coa que se construíron nun tempo as paredes interiores e tabiques de moitas das nosas casas. Pallabarro. Coas máis delgadas argallamos asubíos e faise o pau dos foguetes. Menos común é a cana india ou bambú (Arundinaria sp.), especie foránea de talos máis duros. Aínda que hai quen lles di espadanas ós carrizos da braña (Phragmites australis) nós adoitamos chamarlles canas. Cando Rosalía escribe “do río que correndo/ vai entre as verdes canas ” fala das canas nosas e do noso río. No Agro das Canas que está na braña de Imo aniña a Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. Lusitanica) da que xa case non quedan exemplares en ningures. No inicio de “O corpo e as sombras , Eusebio Lorenzo Baleirón, ordena os seus ollos sobre esas novas páxinas “como a sombra da água cruzando o canavial”.
Ten o seu étimo no latín tardío CANCELLA, ‘varanda enreixada’, que xa daquela era diminutivo. Porta de paus, táboas, varas ou barrotes colocada nun portelo para cerrar unha horta, unha eira ou un agro. Está moi presente no Nomenclátor. J. L. Pensado documenta a primeira cita para canzelo no ano 757. Recóllena Sarmiento, Aguirre e o resto dos dicionarios. A Cancela Abrea é Cancela da Verea, do camiño, VEREDA en latín, do galo VEREDU, ‘cabalo de posta’. É nome case sempre asociado á rede viaria romana ou medieval e designaba o camiño público polo que circulaban as postas ou veredi. No Vocabulario de Crespo Pozo brea é “camiño real antigo” e dáse conta tamén dun Libro de Vereas que nalgunhas parroquias recollía as visitas arcebispais. Na Cancela Abrea, que está próxima á Calzada, en Dodro, á beira da estrada, acampaban os seus carromatos os verdes ciganos. Na Toponimia céltica de Galicia , Joaquín Caridad fala dun significado anterior da palabra brea, como ‘fonte’, ‘manancial’ (formado desde VENERA). No Diccionario Enciclopédico Gallego Castellano de Eladio Rodríguez explícase que nalgunhas zonas de Galicia antigamente pensábase que en torno ás cancelas se reunían almas dos defuntos, por iso había que fechalas con coidado para non magoalas.
O Caniciño e A Caniciña, en Imo e Teaio, seguramente sexan da familia de canizo, estrutura de táboas e varas de vimbio ou corres de carballo entretecidas. Para achanzar unha leira, despois de pasarlle o arado e a grade, zorramos, dándolle unhas monlladas co canizo e enriba del vai un pícaro agarrado ó rabo da vaca, ou senón pónselle unha pedra pesada, que agora xa non hai quen vaia neles. As canizas son as táboas ou varas que se colocan nos laterais do carro para termar da a carga. Nos dous casos chegáronnos a partir de CANNA, ‘cana’, por ser o material co que se facían.
Na Braña de Baixo, en Bexo, xa preto do límite co Concello de Rianxo, está O Cantiño. Aínda que a palabra proveña da raíz prerromana CANT, ‘pedra’, coma canteira (‘de onde se extrae a pedra’) ou cantaxo (‘pedra grande que colle na man e se pode tirar’), aquí pensamos que ten que ver con recuncho ou corrucho, recanto á beira do rio. Chegaríanos a través do CANTUS latino, primeiro ‘lamia das rodas dos carros’ e despois ‘esquina’. Quizais O Cantarote, onde houbo estanco, en Paizal, sexa da mesma familia.
Arriba do monte de Eiró están As Cañoteiras. Cañoto é palabra viva na nosa fala. Son os couces ou cachopos das árbores depois de se cortaren estes, os tocóns que quedan no chan coas raíces. Cañoteira é a finca chea deles despois da tala. Aplícase ós canos doutras plantas coma o millo, as coles … Hai a expresión duro coma un cañoto que se usa decote por estas terras. Formouse a partir do latin, CANNA, ‘cana’, coma outras voces que vimos de ver, pero aquí cun sufixo aumentativo e abundancial.
Capela formouse desde CAPELLA, ‘oratorio’, ‘capela’ en latín, diminutivo de CAPPA, porque a primeira, que estaba en Francia gardaba a capa que San Martiño de Tours partillou co pobre. En Teaio había unha Capela de San Martiño, que anota Jerónimo del Hoyo en 1606, tamén documentada nos libros de fábrica. En 1791 o visitador do arcebispo manda, entre outras reformas, que se reboquen as paredes, se encale por dentro e que se lle poña unha porta nova, pois estaba toda ela moi deteriorada. Cita o mesmo autor, A Capela de Corpus Christi , en Tarrío, que sería a do pazo recén edificado. Dicíase misa pública nela ata principios do século pasado. Nos Libros de Fábrica de San Xián consta que en 1819 visitouna o arcebispo Rafael Murguía, pouco despois de que entraran os franceses no pazo. A Capela da Virxe do Leite ( A Capilla, como agora se lle chama, cun dos poucos castelanismos da nosa toponimia) está chegando á Aldea da Igrexa e garda unha imaxe da virxe dándolle peito ó neno.
O carballo (Quercus robur) é árbore de folla caduca pertencente á familia das fagáceas. Ocupou o territorio galego desde hai máis de seis mil anos pero coa roturación progresiva de terras e a introdución doutras especies foráneas foi perdendo parte do seu espazo. Usouse para trabes e puntóns, ripas e cancos, duelas de bocois, balaústres de hórreos, para elaborar as máis de cen pezas do carro Retorcida no lume serviu … para facer caxatos de chalán, vergas e corres para cestos, temoeiros de Moebius. A casca do carballo, moída nos muíños da casca, empregouse para curtir as peles. Os seus froitos, as landras, nun tempo foron parte esencial da nosa dieta. Xa Sarmiento consideraba a palabra “de difícil etimoloxía” e aínda hoxe se discute a mesma. Non semella doado elucidar a súa orixe, sendo a máis admitida a raíz preindoeuropea CARB, ‘planta que medra en terra dura’.
Para alá de Carboeiro hai sartegos do sol. O monte, que queda detrás da aldea de Imo, cerra por occidente este anfiteatro natural que mira cara o largacío val do Ulla e dálle nome ó oficio de quen vende ou fai carbón. Isto último cóntanolo Aguirre del Río que tivo familia no lugar. Se tal fose certo, o topónimo procedería do latín CARBONE. Explícanos Xaquín Lorenzo (Os Oficios) que o carbón vexetal se facía de raíces de turgueira ou torgo, que vén sendo a nosa carroucha (Erica cinerea, Calluna vulgaris…), moi abundante na zona. O Padre Sobreira cita a “herba do carboeiro”, que será algunha variedade de saxífraga, e explica que as follas mesturadas con carbón sandan as úlceras vellas. Chámanse tamén carboeiros os ferreiros e maceiriñas, paxaros comúns da familia dos páridos (Parus sp.), moi vistosos, de cores amarelas e verdeazuladas. Podería ter relación con carba, un dos nomes do cerquiño (Quercus tozza), variedade de carballo que non hai nos nosos montes.
O Caroliño está en Bexo e quizais se refira a terreos difíciles de traballar pola dureza do chan. O diminutivo, que puido formarse desde CAR/COR, ‘rocha dura’, está tamén na caroia dos pexegos e na corocha das feridas. Nalgúns lugares de Galicia, carolos son os terróns que levanta o arado e noutros, dáselle ese nome ás noces. En Dodro son as codias ou codelas do pan de millo e os cachos dos carozos que se lles botan de comer ó gando, cabocos, se son moi miúdos. F. J. Rodríguez, contemporáneo de Aguirre del Río, sinala no seu dicionario unha curiosa tradición que consiste en que os noivos reparten carolos de pan entre os veciños da aldea que van atopando polo camiño o día do convite.
Chamáselle carracheiras nestas terras ás árbores vellas, engruñadas e encarrapiñadas, que non dan medrado. A palabra é abundancial de carracho (dunha raíz preindoeuropea CARR), o parásito que cría entre fieitos e matagal e se alimenta suchando o sangue dos animais. É tamén despectivo, persoa desprezable, e asóciase con situacións de abandono e de extrema miseria. As Carracheiras son topónimos de arriba de Pexegueiro, abaixo de Paizal e de Dodro, e deberon de se referir a terras vougas, con arboredo cativo, extremadamente pobres. A Fonte do Carracho é de Lestrobe, do lado de riba da propiedade dos Hermida.
Non é fácil deslindar as palabras que incluímos neste grupo coas do seguinte sobre todo tendo en conta que os estudosos admiten frecuentes interferencias entre elas. Para Eligio Rivas todas proceden do preindoeuropeo CAR, ‘rocha’, 'cousa áspera, dura'. A Carrasqueira do Covo é da braña de Tarrío, abundancial de carrasco ou de carrasca, plantas que lle dan nome a diversas especies de ericáceas (uz, queiruga, carpaza, carqueixa, carroucha ) e a algunhas variedades … de carballo e aciñeira. A Carrasqueira está en Imo e Antre Carrascos en Lestrobe. Carrasqueyro, en Sarmiento, derívase erroneamente de carex. Carqueixas di que hai moitas nos montes de Barbudo (Taragoña) e Treito (onde confinan os concellos de Dodro, Rois, Lousame e Rianxo), que os mariñeiros limpan os barcos con elas e que as levan a Santiago para facer escudillas. Debe de ser a que se chama no interior de Galicia lavacuncas (Chamaespartium tridentatum). Carrasca e carroucha comenta tamén que son os nomes que en Rianxo se lle dan ás urces (Erica arborea).
Hai autores para os que a palabra procedería da raíz CAR/CARR, ‘rocha’, que vimos de ver, pero para outros, como Cabeza Quiles, que escribiu sobre os topónimos desta familia léxica (“Los topónimos carregal, carracedo y carrizal”), carregal é ‘canaval’, extensión de carrizos ou de canas que é como nós as denominamos. No dicionario de Carré está como “terreo abundante en cárregas”, gramíneas que medran en terreos pantanosos. O Carregal e O Carregaliño nomean paraxes húmidas da braña de Imo. Os carrizos (a variedade da nosa comarca é a denominada Phragmites australis) son plantas de longos rizomas que medran en espazos húmidos e ocupan grandes extensións ou carrizais. Pensamos que quizais O Agro do Carrizo, en Bustelo do Monte, se refira ó páxaro, moi común nesta zona, e non á gramínea. A respecto de A Carragosa que está no monte, entre Castro e Imo, pode pertencer a esta familia. A Cargueira na braña de Imo podería non ser deste grupo e ter que ver con cargar.
Carral, carreira, carril: ‘vias carrarias’, camiños de carro, corredoiras. Todas as formas son o resultado do CARRUS latino. Xa se comentou Carral do Bispo. Carreiriña é de Manselle, O Carril de Imo e A Carreira das Bestas era o vello camiño sacramental que viña desde O Rialiño polo Cruceiro de don Pedro, na Cruz. O Agro dos Carros está en Bexo e na braña de Tallós e Carreira, en Imo e Bexo. En Carrais, que se localíza, coma Carrais de Pozo, ó suroeste da aldea de Imo, hai unha pedra de abalar, á beira doutra cabalgada de formas dolménicas. Pasa preto delas o antigo Camiño Real. Unha vez cada mil anos baixa do monte o mesmo carro e as lamias van afondando na laxe a corredoira. Eternidade.
O tema procede do latín vulgar CASA, ‘choza ou cabana rústica’, e despois casa, coa acepción actual, substituíndo á forma clásica DOMUS. Casal, de CASALIS, designaba durante a Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a ser unha agrupación de casas nunha aldea. As villae, que son as explotacións agrícolas características do Baixo Imperio, formadas por un propietario cos seus traballadores e servos e todas as casas, fincas e dependencias anexas, acabarán dando lugar ás nosas vilas e aldeas. Entre os séculos XI e XIII, como consecuencia dunha serie de cambios fundamentais na agricultura (a introdución do arado de veso, a expansión do muíño hidráulico, a roturación de novas terras...), prodúcese un aumento importante da poboación e o rexurdir das urbes. Consolídanse as vilas e xorden vilas novas e cidades, dotadas de foros e privilexios, ás que acode a poboación en busca de oportunidades porque se dicía que o aire das cidades os facía máis libres. Nesa ampliación necesaria do espazo urbano nacen moitos dos topónimos que irán agromando por estas páxinas adiante: casais, vilares, quinteiros que son sempre fragmentacións das … vilas ou barrios nas aforas, cando estas se expansionan.
Os Casqueiriños están en Bustelo e A Cascalleira era unha carballeira do lado de baixo da estrada que vai de Tarrío á Dea da Igrexa. Véñense interpretando os dous nomes como derivados do latín QUASSICARE, ‘escachar’, romper en pequenos fragmentos. Casca é a cuberta seca das árbores, a parte exterior dos ovos ou o caparazón que protexe os insectos. Cascalleira é terreo cativo, borraxeiro, composto por terra lixeira e miúda, onde hai cascallo, pedregullo Este é o significado … que os nosos veciños lle dan. Casqueiro, tamén é palabra en uso, está no dicionario de Aguirre como “madeira de mala calidade, a primeira e a última que se saca dun tronco”. Cascalleiro é terreo cultivable pero cheo de pedregullo.
O castiñeiro (Castanea sativa) procede do mediterráneo oriental e foi introducido polos romanos en Galicia converténdose durante séculos nunha árbore fundamental para a economía familiar, antes da chegada da pataca e do millo americanos. Chegou a chamárselle árbore do pan. Alejandro Dumas alabou as excelencias do marrón glace galego e Picadillo inclúeo entre as súas receitas culinarias. Nós non soubemos del, pero sí da ledicia das castañas cocidas con fiuncho, asadas no remol da lareira ou na prancha da cociña de ferro, non sen antes amosegalas, adentándolles un anaco da tona para non estouparen. Botábanselle ó caldo as castañas maias, pero viñan de fóra que aquí non dan secado. A veta da madeira fai augas e é de moi boa calidade para mobles. De castaño son boa parte das xeometrías dos retablos das nosas igrexas e os santos que desde eles nos miran debaixo de estofados e pans de ouro. O nome procede do latín CASTANEA e este do grego KASTANEIA. O mal da tinta segue aínda acabando cos do país. Os tratados resisten mellor pero a madeira non é de tan boa calidade. Imos ver deles máis en diante ó falarmos de soutos e soutelos. Castiñeiras está en Dodro, O Castiñeiro e O Castiñeiriño en Lestrobe, Os Castiñeiriños en Traxeito e O Castaño en Bexo. Por aquí dise castañeiro, castiñeiro e castaño, aínda que preferimos esta última forma para denominar a madeira da árbore. Rosalía escribe e soña “baixo a prácida sombra dos castaños do noso bon país”.
A palabra procede do latín CASTRUM, ‘lugar fortificado, campamento’. Castro ponlle nome a unha das entidades de poboación da parroquia de San Xoán de Laíño formada a carón dun poboado castrexo que houbo nas proximidades. Aldea recollida, de fiestras abertas ó nacente, cara o vento soán, con estreitas ruelas, calexas enlatadas e querenza polas casas de paredes redondas que as contornan, quizais porque os que as ergueron tiñan en mentes as vivendas circulares dos seus poboadores primixenios. As edificacións máis antigas dunha planta e tellado cunha única vertente case non teñen ocos nin cheminea porque o fume das lareiras saía polas tellas. Castrelo e castelo formáronse desde CASTELLUM e son diminutivos de castro, CASTRUM, ‘fortificación, campamento’. Están tamén moi representados na toponimia. Cada vez os arqueólogos fan retroceder máis o inicio da cultura dos castros, quizais a finais do segundo milenio antes de Cristo. Correspóndense fundamentalmente coa Idade de Ferro e foron o tipo de asentamento que atoparon os romanos cando chegaron aquí coas súas lexións. Son case sempre poboados fortificados situados a media laeira, en lugares elevados ou aproveitando promontorios costeiros, pero cada vez dubidase máis de que as murallas e foxos tiveran unha función simplemente defensiva. As vivendas eran de planta circular e estarían cubertas de colmo. Espallados por toda a xeografía galaica, no Nomenclátor da Xunta de Galicia levan o nome de Castro 283 lugares e 73 parroquias, pero habería que engadir os miles deles que forman parte da microtoponimia e os seus derivados: Castrelo, Castriño … No noso concello están catalogados os seguintes: Os Castros de Bexo, o de Castro, o de Lestrobe, o de Traxeito e o do monte Sián. Algúns foron estudados nun artigo de Puente Míguez e Ruibal del Castillo da revista Gallaecia e incluídos en estudios máis xerais coma os de Xerardo Agrafoxo, agás o de Lestrobe e o do Sián. Case todos están referenciados na toponimia.
Gonzalo Navaza explica a etimoloxía de Catoira desde CAPTARE, ‘ver, divisar’. Quizais sexa este o significado de Catadoiro no monte de Bexo, pois a palabra recóllese co sentido de miradoiro nalgúns dos nosos dicionarios. Abelardo Moralejo analiza ese e outros nomes afíns. Rosa Pedrero (Francisco Villar, 2001) apunta como orixe para estes topónimos a raíz indoeuropea KAT, ‘habitación’ co sentido orixinario de ‘oco’, ‘burato’.
O Cebolal é o nome de toda a veiga de Dodriño e Revixós, dividida nun labirinto ortogonal de pequenos predios, cada un co seu microtopónimo que iremos devanando. Garda memoria do que foron secularmente as leiras de Dodro, teselas dun mosaico, remendos do tapiz infindo do que falamos ó empezarmos estas liñas. A cebola procede do latín CEPULLA, e de CEPA. Despois dos cereais, foi unha das primeiras plantas en seren cultivadas nas chairas de Mesopotamia, dous mil anos antes de Cristo.
Ceno é o lodo, a lama que se forma nas augas estancadas. Do latín COENU. Cenagal e cenagoso son palabras que atopamos nos dicionarios de portugués pero non nos galegos, agás o Estravís. Cengoso está na veiga de Lestrobe e pode ser sinónimo de tremedal, lameiro, lodazal.
Do latín CIPPU, ‘estaca’. No dicionario María Moliner é “pilastra ou columna colocada en memoria dun morto”ou “poste colocado nos camiños para indicar a distancia”. Despois acabaría significando ‘tronco’ ou ‘poste’, e de aí cepo, a parte inferior do tronco dunha árbore que está medio enterrada, e cepa, ‘tronco da vide’, ‘vidra’. Tamén se chama cepo, ou pega unha sorte de tarugo de madeira, traba que se pon no pé dos cabalos do monte para non fuxiren. Son máis probables estes significados que o de ‘trampa para atrapar animais’. Na aldea de Reboiras hai Os Cepos.
Cerdeira sería a forma orixinal a partir da latina CERESARIA. A variante cereixeira, que é a que se emprega nesta comarca, é tardía e formaríase na Idade Media a partir da voz romance cereixa. Cereixán está en Castro, As Cereixáns abaixo das Lameiriñas, xa preto do Muronovo, e A Cerdeira son leiras en Rial de Lagoa. A madeira da árbore é moi apreciada en ebanistería. Polas nosas aldeas habíaas bravas, de cereixas máis pequenas e acedas. Quedou na cantiga popular un piñeiro de Iria que as daba. Nosa señora de Adina/ ten un piñeiro no adro/ bota piñas polo outono/ cereixas no mes de maio. Desta beira da Terra de Iria tiñan sona as de Cespón ou as da Chisca pero foron esmorecendo pouco a pouco. Por máis que sexa pasadío o tempo das cereixas, florecen inmorrentes as de Eusebio Lorenzo nos versos que lle deixou á súa filla Flavia: “Sento o ritmo das fontes,/ o medrar das cerdeiras/ e o peso tenro/ dos teus ollos/ no gastado metal da miña voz”.
Provén de CINERATA, do latín CINIS, ‘cinsa’, en alusión a que eran terras queimadas nas que se aumentaba así o aporte de potasio e doutros minerais mellorando os rendementos agrícolas. Cernadas era o apelido do Cura de Fruime (Diego Antonio Cernadas e Castro), en Lousame, á beira nosa, un ilustrado que brillou na segunda metade do XVIII, nun século para nós aínda de febles luciñas e candelexas. Están os dous topónimos Cernadiño e Sarnado na veiga de Lestrobe. Algún deles ha de ser o que figura como “Çernado” no Tumbo de Santa María de Iria (J. L. Pensado, 1976).
Xa non é árbore que podamos ver no concello pero debeunos haber noutrora como o acredita este topónimo que comentamos e o nome da aldea de Cerqueiras (O Araño, Rianxo), preto nosa. O cerquiño ou cerqueiro é unha variedade de carballo (Quercus pyrenaica) de menor porte, cunha pubescencia branca no envés da folla e con abundantes rebentóns laterais que se usan en varias comarcas galegas para facer cestos. Nalgunhas zonas tamén reciben ese nome os gromos dos carballos e rebolos. Se tivo uso aquí, é voz que se perdeu. Di o Padre Sobreira que a folla é suave coma gamuza e que vareando o viño cun pau de cerquiño perde a pesadez que teña. Está O Cerquiño no monte de Reboiras.
Arriba da Fonte Primeiral, no monte do Rialiño, Os Cerrados de Ladride veñen sendo propiedades cercadas, do latín SERRARE, ‘cerrar’. Cerrado sobre si é unha expresión de noso que comenta o dicionario de Eladio Rodríguez, ‘circundado por un valo en toda a súa extensión’. Ladride formouse desde o latín tardío LATARIA, ‘a do lado, lateral’.
O substantivo chan deriva do adxectivo latino PLANUM. En ocasións, máis que dunha superficie plana, do que falamos é dun pequeno descanso nunha pendente, por contraste con esta. Rechán tamén é un planalto na encosta dunha montaña, co prefixo “re”de duplicación. Chan de Viña, A Fonte de Chan de Viña e Chan de Currais están en Bexo; Os Chans, en Lestrobe e no Rialiño; Chancela, no Rialiño; O Rechán da Tomada, arriba do castro de Traxeito; O Rechan, O Chan e Os Chenlos en Bustelo; O Rechán da Costa, arriba da Aldea da Igrexa, á esquerda da Fonte Primeiral; Chancelas e Chan do Monte en Teaio; O Rechan do Nabaliño, en Manselle e O Rechán da Laguna ('lagoa'), en Bustelo. Chenlo, do diminutivo latino PLANELLU, ten o mesmo significado que os anteriores. Arriba de Tarrío, onda o campo de fútbol, hai Chenlo e Chenlo de Riba. O nome aparece en Manselle, no monte de Bexo, en Imo e en Teaio. Nos dous últimos lugares atópase o topónimo Chenliño.
Eligio Rivas, en Natureza Toponimia e fala, recolle chaveira, chavasqueira, chavascal, en diferentes sitios de Galicia, como matogueiras, terras ruíns, moutas de espiños. Non se coñece a etimoloxía, pero semellan máis probables estes significados para Chaviñas, en Bexo, que os dun suposto nome de posesor Flavianus ou o Aquas Flavias que se invoca para o Chaves portugués.
Chedeiro é o conxunto de táboas que forman o piso do carro. Está, entre outros, no dicionario de Aguirre. Chedas son os largueiros ou pezas laterais que o cerran, nas que van metidos os fungueiros. Non figuran na toponimia maior galega os nosos Chedeiros pero si Cheda (de PLANATA). No caso de que esa fora a súa etimoloxía serían pequenos recháns na ladeira O Chedeiro de Riba, O Chedeiro de Baixo, O Chedeiro de Amaro, O Chedeiro do Regueiro e Entre Chedeiros que están en Imo, na caeira do monte da Cruz do Abelán. Outra posible etimoloxía de Cheda viría de cerrar, do celta CLETA, ‘cerco, cerrado’.
Chousa é ‘agro cercado’, rodeado por un valado ou chousume. Vén da palabra latina CLAUSA, ‘pechada, cerrada’. “Agro cerrado onde hai árbores e monte”, explica Aguirre, e Eladio Rodríguez apunta, entre outros matices, o de “campo cercado próximo á vivenda” que se acomoda ben ás nosas chousas: Agra Chouso (ou O Agro da Chousa, na aldea de Teaio, cun pombal e un hórreo recollidos no Inventario do Patrimonio), A Chousa, entre Dodriño e Revixós e A Cova da Chousa a carón do Rialiño. No libro do notario Álvaro Pérez (1457) Afonso Gallán ten viñas na “chousa grande de Leyño”. Hai dous foros de 1562, un de “dos jornales de viña en las Chousas grandes del pazo de Layño a favor de Pedro Vilanova e Elvira Veturro, su mujer” e outro no mesmo lugar “de dos hombres y medio de cava a favor de Fernando Ares, vecino de Laíño y Teresa do Vilar, su mujer” (Basanta Campos, 1996–2000). En “Como chove miudiño” vai a nube misteriosa “frol por frol, chousa por chousa”.
Do latín PLUTEUS, defensa de táboas que usaban os soldados nos combates. No dicionario de Aníbal Otero “cabana formada por estacas de rama ou palla na que se recollen os pastores e xentes do campo”. Está Chozas, a media ladeira, no monte de Manselle.
É apelido pouco corrente que debe ser orixinario do noso concello pois é onde máis abunda. No libro de Álvaro Pérez, notario da terra de Rianxo e Postmarcos en 1457, figura un Pero Çitoula que xa citamos, morador no Barral de Beeejo. Citoula está arriba de Bustelo, no monte de Traxeito e nos labradíos da aldea. A sitoula, que é como pronunciamos nós o topónimo, nos dicionarios de Cubeiro (1876) e Filgueira (1926) é unha taboíña que bate na roda do muíño e ademais de repartir o gran, polo ruído que fai, permítelle ó muiñeiro saber se está a moer ou non.
O Coal son terreos de Manselle que quizais teñan a mesma etimoloxía que Coaxe, aldea de Catoira. G. Navaza, se ben comenta a orixe incerta do topónimo, apunta dúas posibilidades: que sexa hidrónimo prerromano emparentado con ríos coma o Coa, afluente do Douro, ou o Cúa (o Cuda romano) que vai dar ó Sil, ou ben que faga alusión a concavidades do terreo (desde o indoeuropeo hispánico COVUS, CAVA en latín, ‘cova’). No Pozo do Coal había un encanto e polas noites aparecía unha galiña cunha rolada de doce pitos de ouro. É lenda común de fontes, covas, túmulos e castros galegos vencellada coas maxias da noite de San Xoán e cos tesouros soterrados. Escribiron dela autores coma Cuevillas, Pedrayo, Risco, Carré Albarellos, Taboada Chivite O artigo … “La gallina y los polluelos de oro” de Alonso Romero (Anuario Brigantino 25) desenvolve o tema con máis prolixidade. No dicir de Murguía era a tal galiña unha fada, doncela ou dama encantada.
Non é desde logo topónimo usual e menos coa acentuación que ten. Cobrega está en Bexo nunha área de labor. En Dodro ás cóbregas chamámoslle bichocas e pan de bichoca ós cogomelos. Aguirre escribe cobrega como sinónimo de colubra, culebra. Tal era precisamente a palabra que usaban os romanos par nomear as serpes. Anótana tamén sen acento, cobrega, o Diccionario de Reguera (1840) co significado de saramago e o dicionario manuscrito de Francisco Javier Rodríguez (1854) como cobra. A Xerpa é outro topónimo que fai referencia a elas.
Amais de ser un dos nomes que lle damos ó porco, cocho é o cubil onde dormen e se refuxian outros animais (Aguirre) ou onde se ocultan no monte, o tobo. Vén do latín tardío COCCULU, ‘cuncha’, cunca. A cuncha é a casca que protexe o corpo dos moluscos e, por extensión, calquera sitio resgardado, oco ou abrigado que na nosa xeografía se lle pareza. Serían pois lugares recollidos, corruchos, recantos. Iván Sestay (Toponimia de Coia) explica que no Morrazo é voz viva co sentido de ‘horta pequena’. Algúns dicionarios descríbeno como ‘porción dun terreo labradío que se dedica a outros cultivos’. O Cocho está en Sar e O Cochiño en Lestrobe, á beira da estrada, e había tamén un Cruceiro do Cochiño. Debaixo das escaleiras de pedra dalgúns hórreos deixábase sitio para o cocho do can.
O codeso (Adenocarpus complicatus) está ben representado na nosa microtoponimia por diminutivos e abundanciais, e máis estaría se lle deramos hoxe nome ás leiras que están en campo, pois é arbusto que invade beiras de camiños e terreos incultos. Provén do latín vulgar CUTISU, tomado do grego KUTISOS, pola illa de Cytnos. Cita Sarmiento a Virgilio: “nec cytiso saturantur apes”, para explicar que as abellas non se fartan de chupar nas súas flores amarelas. Usouse tradicionalmente, xunto coa xesta, para facer vasoiras. Hai Os Codesos no Rialiño; O Agro do Codeso, As Codesas, Os Codesidos, O Agro dos Codesidos, A Braña dos Codesidos e As Codeseiras en Bexo; O Codesal, en Revixós e Bustelo de Paizal; Os Codesidos e A Codesosa, en Manselle; As Codeseiras, en Tarrío, Os Codesidos, abaixo de Rial de Lagoa; As Codesas, na Aldea da Igrexa e A Codeseira en Susavila, Tallós e Teaio.
Coira nos dicionarios é a pel dun animal e coiras unha variedade de mazás. Entre nos é sinónimo de corraña, cotra, sucidade que se acumula na pel ou nas roupas por falta de hixiene, pero Xulia Marqués dá por segura a procedencia desde a raíz CAUR, ‘concavidade’, contrastada na documentación medieval. Frutos Fernández en Nomes do Ribeiro explica que coiras son os marcos que delimitaban as fincas e tamén os valados. En portugués coirela é ‘peza de terra cultivada’ (lat. QUADRELLA) e no Elucidário (1798) dísenos que coirella foi sinónimo de casal, pero despois lle chamaron así a unha “terra fraca, e de pouca semente”. Calquera deles pode ser o significado do noso topónimo Coira que queda cara o levante do Castro de Traxeito. Pedro Coyra, labrador de Tarrío, a mediados do século XV, está no libro de notas de Álvaro Pérez.
Para Cabeza Quiles o nome provén do verbo latino COMPARARE, mercar. Comparade e A Lomba de Comparade, arriba da Banda e do Rueiro, serían polo tanto leiras comparatas, terras non herdadas senón compradas. Cita ademais documentación medieval ó respecto.
Os Condes son da braña de Dodro e O Conde da de Bexo. A palabra procede do latín medieval COMESTIS, ‘compañeiro’, por seren os que acompañaban ó rei nas expedicións. Despois foi título nobiliario. Ás veces o nome aludía ás xentes que traballaban para os condes e tense usado tamén en sentido irónico para designar a quen aparentaba selo. Nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada dise que Don Francisco Calderón, veciño de Santiago, Conde de San Juan, percibía alcabalas por parte dos veciños de Dodro (entre eles os taberneiros) e dos de Bexo. Se lle cadra foron súas estas terras ou doutro conde que ignoramos. As alcabalas eran impostos que gravaban boa parte das compravendas que se efectuaban no Antigo Réxime (Os Reis Católicos deixaron eximidos do seu pagamento os libros, as mulas e as aves de caza).
Os nosos montes estaban cheos de congostras coas rodeiras dos carros marcadas nas laxes despois de pasar durante séculos por elas. Son camiños fondeiros e angostos, entre arrós ou ribazos, escavados no terreo, tan estreitos que só pode pasar un carro. Pode ser sinónimo de corgo, córrago ou corredoira. A palabra vén do latín CONGUSTUS, estreito. A Congostra da Globada está arriba de Traxeito. O segundo elemento significa “auga levada” e verémolo ó seu tempo.
Pode que derive do latín tardío COCCULU, ‘cuncha’, cunca, sitio resgardado. O Coquiño está alá en Bexo, preto do Cantiño. Cócos son aquí os bugallos dos carballos.
A Corga e O Corguiño andan polo monte de Reboiras e de Dodro, O Corgo, O Corguiño e A Corga do Barranco están en Castro, O Corgo da Leña e Tralo Corgo son da braña de Imo, O Agro da Corguiña do monte de Sar e O Corgo, de Manselle, Teaio, Paizal e Bustelo, onde hai O Rego do Corgo. Xa comentamos que quizais se podería incluír nesta familia léxica o topónimo A Carragosa. Corrugus, no latín hispánico é o canal de auga empregado para lavar as areas auríferas, que describe Plinio, procedente da base céltica CORR, ‘pozo’. Nas Medulas usouse o sistema da ruina montium. Os canais ou corrugi recollían a auga de ríos e regatos que se almacenaba en grandes alxibes. Baixaba a enxurrada polas galerías abertas na montaña ata os canais de lavado onde se buscaba o ouro. Corgo ademais foi ‘estanque para curtir o liño’ e ‘camiño de carro’. Estudouno Menéndez Pidal na Toponimia románica hispánica . Córrego en Sarmiento é ‘pantano’, ‘lameiro’, e en portugués, ‘camiño apertado entre montes’ e tamén ‘rego por onde corre moita auga’ ou ‘suco aberto polas augas correntes’. “Cal a lúa primeira na corga perdida ” é verso de Eusebio Lorenzo.
Cornechas son as vaíñas das nentellas, que é o nome que nós lle damos ás fabas. As Cornecheiras de Teaio poderían ter que ver con elas ou con algunha das acepcións que comentaremos agora. A respecto de Cornide, son leiras de Imo para alá do Alto de Ribada, pero hoxe, despois do lifting da concentración parcelaria sobre a pel dos nosos campos, non sabemos como eran os terreos, que poderían lembrar simplemente a forma dun corno (cornu) ou prominencia. A fotografía aérea dos anos cincuenta tampouco nos axuda. Eligio Rivas (Lingua galega, niveis primitivos) fala dunha alternancia da raíz KAR, ‘rocha’, que xa comentamos: KARN/KORN, e explica que topónimos formados a partir dela coma Cornide, Corno ou Cornecho teñen o significado de 'esquina, corrucho ou cabo dun obxecto'. A idea partiu do lingüista francés Albert Dauzat que fai derivar Cornualles e a estación megalítica de Carnac desas voces preceltas. Podería ser esa a explicación dos nosos nomes. Sarmiento interprétaos como orixinados desde especies vexetais do xénero Cornus pero a Guía das plantas con flores de Galicia de Xosé Ramón García non o inclúe na flora galega e o Padre Merino cita un único exemplar de Cornus en Montefurado.
É palabra viva na fala cotiá se ben xa queda case unicamente nas áreas de monte. Había en Dodro ducias de corredoiras pero levounas por diante a concentración parcelaria. Vén do latín vulgar VIA CURRITORIA, de CURRERE, ‘correr’, 'pasar'. A corredoira é un camiño de carro que pón en comunicación as aldeas coas herdades que as rodean. Os dicionarios dan como sinónimo congostra, carreiro, córrago, incluído o de Aguirre, aínda que neste caso como 'camiño máis fondo'. A Corredoira do Cancelo é topónimo de Bexo e A Corredoira do Bosque da Devesa. A Corredoira de Pradiña e A Corredoira de Moure son de Castro. De Rial era A Corredoira da Fonte Navenlla, de Eiró A Corredoira do Pozo do Conxeiro, e do Rueiro A Corredoira de Comparade e A Corredoira do Agriño. A Corredoira de Sar baixaba desde Manselle cara a esa aldea. A Corredoira do Río ía de Tarrío a Gradín pola Fonte de Vera, e abaixo da aldea estaba A Corredoira do Pazo. Pola Corredoira do Funchal víñase desde as Melreiras a Eiró. A Corredoira de Baixo, A Corredoira do Corgo e A Corredoira do Novaisiño son das aldeas de riba. Como A Corredoira é topónimo de Revixós, Imo e de Lestrobe pero han quedar moitas con nome de seu, perdidas agora entre as outras corredoiras da memoria.
O Corrucho do Sián está en Revixós e O Corruchiño do lado de baixo de Paizal. Corruncho está no dicionario de Aguirre e no de Estravís como “recanto, lugar retirado, anco, recuncho”. O dicionario de Eladio Rodríguez recolle currucho e curruncho, forma esta que apuntan os demais, pero non corrucho que parece palabra restrinxida ó noso ámbito e perfectamente viva na fala.
Proceden do latín CORTICIUM, e de CORTEX, cortiza. Cortizo é sinónimo de colmea porque estas se facían con cortiza, a casca da sobreira (Quercus suber), á que nós chamamos sebreira ou corticeira. As Corticeiras e Os Cortizos son topónimos do monte do Rueiro e de Eiró pero tíñanos en case todas as aldeas como o demostra a tradición oral, con profusión de historias de enxames e alvarizas. Quedan algunhas corticeiras centenarias polos nosos montes, na aldea de Bustelo, en Imo, á beira da estrada que sube para a Cruz do Abelán … Púñanse os cortizos das abellas resgardados do vento do norte que non lles é favorable. Tórname do norte e da travesía, que o vendaval é o que me cría é refrán de vellos en Laíño.
Corte e os seus derivados son nomes ben rendedoiros na toponimia, do latín tardío COHORS, ‘sitio cerrado’, que deu COHORTINA, ‘cortiña’ e COHORTICULU, ‘cortello’. Cortiñas son leiras, case sempre pechadas orixinariamente, situadas nas proximidades da aldea, eidos ben traballados e estercados nos que se botan legumes e hortalizas ou se dedican a herbais. Son desa parentela léxica cortellos, cortellas e cortelleiras, lugares para gardar o gando. Están moi presentes nos documentos medievais e quedáronnos nas cantigas do pobo: Déixame ir, que logo veño,/ déixame ir botala auga/ a unha cortiña que teño. Rosalía compara os seus versos coa “parruma incerta que voltexa no fondo das curtiñas”.
Do latín CORVUS, está moi representado no Nomenclátor. O máis común entre nós é o chamado viaraz, porque anda polos vieiros, a especie máis pequena (Corvus corone). Os grandes son os de Pondal, raros nestas terras. Aliméntase de grans e de restos de animais en descomposición, por iso se ten por ave agoireira. Nas terras de Dodro non é bo sinal unha ban - dada de corvos parados moito tempo nunha leira ou sobrevoándoa. Rosalía faise eco deses temores campesiños: “Meu señor.. ¿n’oís os corvos? Véñen camiño da aldea”. Pero tamén botamos unhas risas con eles: Botei o corvo no rio/Botei o corvo a lavar/O corvo como era negro/No me quixo branquexar. Os Corviños están en Bexo; O Outeiro dos Corvos, no monte de Lestrobe e O Coto dos Corvos enriba do Bustelo de Traxeito. Nun retablo lateral do templo de San Xián de Laíño represéntase a San Bieito cun corvo ós seus pés levando un anaco de pan no peteiro. Está nas haxiografías que o animal obedeceu a orde do santo de arredar del o alimento envelenado.
Como a nosa xeografía é propicia a este tipo de terreos temos que supor que sexan moitísimos os que queden sen considerar. É voz procedente do latín COSTA e nomea unha pendente máis ou menos pronunciada, un terreo empinado. A Costa de Traxeito, A Costa Valada, O Pinal da Costa, A Costa Xesteira, A Costa do Sisto, A Costa dos Fornos, A Costa da Bouza Meán, A de Costas de Martiño son das aldeas de riba. A Costa do Monte San Gregorio é de Lestrobe. A Costiña está en Revixós e en Bexo; A Redonda da Costa, en Bexo; A Revolta da Costa, en Castro. A Costa, A Costa Estivada e O Rechán da Costa están na ladeira de poente do monte Valouta. A Costa e A Costa do Río son da Devesa; A Recostiña de Imo; O Agro da Costa, A Costa e A Eira de Costas, de Teaio e A Costa e Costán, de Bustelo do Monte. Nalgúns dicionarios esta última palabra ten o sentido de 'terreo comunal'.
O Coto da Pena (‘pedra’) está en Bustelo do Monte e O Coto dos Corvos no outro Bustelo, O Coto Xesteira e O Coto do Castro son de Traxeito. O Coto Peruco (cume ou punta dun palleiro, molete…) e O Coto do Pino están do lado noso, arriba do Campo da Chisca. Os Cotos dos Teixugos son do monte de Manselle. Por un estreito camiño costaneiro levaban os da Chisca a abeberar o gando nas Fontes dos Teixugos, beireando os cotos cos animais en carreiro, a paso de boi, porque podían caer pola pendente abaixo. Coto é a parte máis alta dun monte ou dun outeiro, o picouto que sobresae del. Fálase dunha base prerromana COTT, ‘prominencia, altura rochosa’. Menéndez Pidal dedícalle un artigo completo da súa Toponimia Prerrománica Hispánica comprobando que se estende sobre todo polo noroeste da península e defendendo a súa filiación prerromana. O Cotón é un petouto que está detrás de Traxeito e en Imo hai O Cotiño. Cotear é achanzar coa cota do sacho os camallóns amoreados que vai deixando o arado ó labrar.
Cabeza Quiles faino derivar da palabra latina CAPSUS, ‘caixa’, e di que se aplica a terreos algo afundidos que pola súa disposición orográfica podían asemellar caixas. J. L. Pensado, citando a J. P. Machado e o seu Dicionário Onomástico Etimológico da Língua Portuguesa , apunta como orixe CAUTUM, ‘couto’. Serían por tanto espazos inmunes, acoutados. Corominas entende que se mesturaron cursus, ‘carreira’ e cautum. Nos dicionarios hai acepcións moi diversas: foxo e trampa para lobos, lugar para celebrar xustas ou carreiras de montería, horto de legumes. O Couso noso, couto, horto, trampa, lide ou caixa, segue alí agardando, debaixo de Teaio.
Cova procede do adxectivo latino COVUS, variante arcaica de CAVUS, ‘oco’, e designa calquera concavidade escavada na rocha, pero en toponimia pode nomear unha depresión, abrigo ou afundimento do terreo. Covela, Covelo, Cuvelo... e outras variantes serían diminutivos formados co sufixo “ – ellus”. No Nomenclátor Cova, Covo e Covelo están grafados coa cóncava “V” e Cubelo coa biconvexa “B”. Nos mapas que consultamos e no Catatastro de Rústica do ano 1958 as vacilacións son tamén constantes. Xa ten apuntado Moralejo que esas dúbidas na escrita se remontan á época romana. Antón Santamarina no artigo “Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico” (Corral Díaz, 2009) estuda polo miúdo estes topónimos e, despois de ter consultadas as bases do CODOLGA e do TMILG, conclúe que boa parte dos Cubelos, foron antes Covelos.
Do latín vulgar COXUS, ‘coxo’. G. Navaza cita un Montiño do Coxo en Abalo (Catoira). Crespo Pozo explica tamén para coxo o significado de verme (do lat. COSSUS). No libro de Beiró Piñeiro sobre o Convento do Carme de Padrón dise que está sepulta nel Juana Bertola, A Coxa, natural de Estramundi, limítrofe co monte de Dodro, falecida en 1830. Entre nós A Coxa dálle nome a unhas leiras de Dodro e procedería dun alcume.
A Crabeira está arriba de Vigo e O Muíño da Crabeira en Pexegueiro. Derivado de craba, ‘cabra’ (do lat. CAPRA) con metátese do “R”. No Gran Diccionario Xerais, crabio é vara retorcida de carballo para que non abran os fungueiros do carro. Eligio Rivas en Niveis Primitivos fala da base KARB explicando que entrou na formación de nomes de vexetais adaptados a chans de constitución dura. Desde esta raíz alternante teriamos as voces carballo ou carpaza. Para Cabeza Quiles (Toponimia de Galicia) os topónimos Cabreira, Cabral, Cabra... designan rochedos e lugares pedregosos.
Os cruceiros son unha das manifestacións máis características do que se deu en chamar arte popular. En realidade toda arte é popular, ou non é arte, e, coma a que nos ocupa, tamén é anónima, porque a historia das formas artísticas ten que ser a historia das obras antes que a dos autores. Fin do camiño, cabo do mundo, Galicia é terra de camiños e encrucilladas, e polo mesmo, de cruceiros. A etimoloxía dos substantivos cruz e cruceiro está na palabra latina CRUX. As orixes dun símbolo como a cruz pérdense na noite dos tempos: eixe do universo, omphalos, árbore da vida, roda solar, representación dos catro elementos, conxunción de contrarios (vida e morte, vertical–horizontal, terra e ceo, materia e espírito, masculino – feminino…). Os romanos usábana como instrumento de suplicio pero coa morte de Cristo nela, converteuse en símbolo universal. O cruceiro significa antes que nada a sacralización dun espazo, a distinción primordial entre o sagrado e o profano. Os motivos para a súa construción foron moi diversos pero sempre devocionais: cumprir unha promesa, protexer un lugar, dar as grazas por un feito extraordinario, deslindar terras, marcar un cruce de camiños, lembrar unha morte, cristianizar un enclave pagano…
Rivas Quintáns en Lingua galega: Niveis primitivos , dinos que a raíz CUC equivale a ‘monte’, ‘prominencia’ ou ‘forma redondeada’. Cando as vacas de Laíño andaban ó boi levábanse por A Cuca, que está no medio da valgada que sube de Manselle cara a Chisca, á dos nosos, A dos Richos, que tiñan boi de posto, chaláns, tratantes de gando ata onde non se fai acordanza. Antes da costa, abaixo, na vagoada, había un túnel escuro abovedado de mimosas e algo despois un vieiro en pronunciada pendente, húmido e escorregadizo, entre loureiros, musgos e fieitos xurásicos, carballos con raíces xigantescas que facían de chanzos, cubertos de chuchameles e randeeiras de hedras. Agora o encostado camiño de pé estará cegado polo mato e desfeito polas torrentías. Desque casou, nosa nai, que era costureira, subía aínda pola Cuca á casa natal, a coser na mesma Singer na que cosera de solteira. Cando baixaba para Laíño, á noitiña, para que non tivera medo falábanlle desde O Agro do Chalán, no alto do monte, mentres non chegaba ó val e avistaba os tellados vermellos da aldea de Manselle.
Se fora variante de cachada, serían terras novas, terreos incultos roturados por primeira vez, pero pode ser máis ben acochadiña, derivado de cocho, de onde procede o topónimo O Cucharego (X. Marqués, 2003). A Cuchadiña son leiras da braña de Dodro e de Lestrobe.
Co canto do cuco (Cuculus canorus) chegaba puntual a primavera ós nosos campos e agora que a ave xa non canta semella que se trastocou tamén o curso natural das estacións. O cuco parasita os niños dos demais paxaros pondo o ovo neles e, despois de tirar os dos outros pais, deixa que lle alimenten a cría. Para cucar os ovos facíaselle uns buratiños cunha agulla e suchábase por eles ata deixalos valeiros. Quedaba tan só a casca dun ovo máis falso que os do mesmo cuco. Como adxectivo, cuco, poder ser sinónimo de alegre nalgúns contextos, noutros, de fermoso, ben feito, pero tamén de pillabán, vicho, ardeiro. Ó seu tempo os carballos botan unhas baguiñas que chamamos mazáns do cuco. O noso Muíño do Cuco está entre Dodriño e Susavila e debe de ser antropónimo, propiedade dalgunha persoa que tivera esas características. Xa non canta o cuco nel. O Agro do Cuco está en Bexo. Gonzalo Navaza, que constata o topónimo en Catoira, fala da posible base oronímica prerromana COC/CUC, altura, monte, que vimos de ver. No dicionario de Eladio Rodríguez, de que ten moitos anos, dise que xa escoitou cantar catro cucos.
Para Cabeza Quiles os topónimos concha e cuncha (lat. CONCHA e do grego KONJE) son concavidades do terreo, sitios afundidos e acochados, semellantes a aqueles ós que alude o nome cocho (COCCULU, que tamén é ‘cuncha’, formouse no latín serodio a partir da forma anterior) que xa comentamos. Na zona interior de Galicia conchos, concheiros e conchais son algúns dos nomes que se lle dan ás noces. Por aquí non. Os Cunchiños están na braña de Dodro, á beira do río. Descargábase neles a tella (ó lado estaba O Agro da Tella) e os berberechos que traían os barcos. Cunchide está abaixo de Imo.
Cuntín está polo Castro de Traxeito e Cuntín de Badín fronte a Paizal. Coma Gundil, serían topónimos de base xermánica, neste caso coa perda na sonorización do “G”, desde un posesor Guntinus, de GUNTH, ‘guerra, batalla’ (Piel, 1976). Cabeza Quiles vencella Cuntis coa voz cortiña. Hai quen o fai vir da voz latina CUNCTIS, ‘todos xuntos’, baños de uso común. Baños de Guntín, en Lugo, son, coma Cuntis, lugares de augas termais. Badín sería antropónimo, de ABBATINUS, no latín tardío, desde ABBATE, ‘cura’. Cuntín de Badín é o nome que nos deron os veciños e quedámonos con el por tanto, aínda que no catastro de 1958 figura coma Cortín de Badín.
Curral é un espazo cercado próximo á vivenda rural onde se recolle o gando ou os apeiros de labranza. Curro é ‘corral pequeno’ e ademais ponlle nome a un lugar no monte, cerrado con pedras ou con paus, onde se gardan cabalos, vacas ou cabras e ovellas, dependendo dos usos e das zonas. Curro é tamén a operación de arredar e marcar os cabalos dentro dese recinto. Non se sabe con certeza cal sexa a súa ascendencia: do latín vulgar e de CURRUS, ‘carro’ ou da raíz prelatina “CORR – ”, ‘cerrado circular’. Os veciños de Tarrío chamábanlle O Corral á Horta dos Romai. O Curral, O Curraliño, Chan de Currais, Os Currelos, Curralón e Sobre do Corral son topónimos da aldea de Bexo. Os Curros están arriba de Sar, Castro e Imo, que ten tamén O Curral; O Correlo, en Revixós; Os Correlos, no Rialiño, e en Teaio, A Fonte do Corro Auvello.
Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón