Do latín ECCLESIA, 'asemblea dos cristiáns', despois pasou a designar o lugar onde se celebra o culto. A Igrexa dálle nome ó grupo de casas arredor do templo parroquial de Santa María de Dodro, do que falaremos máis adiante.
Ó pé do monte Padronelo, Imo agarda polo río. É o nome dun dos núcleos de poboación máis importantes do concello, na parroquia de San Xoán de Laíño. Ata alí chega o Ulla dereito coma un fuso despois de canear preguiceiro buscando acomodo entre as xunqueiras de Dodro e de Campaña, pero párase un algo, dubidando, a contemplar as feituras da aldea, e ende pasando a cimbra do Redondo, vira e revira aínda antes de enfíar cara o mar anchuroso das dornas e das illas. Afirma G. Navaza que é sen dúbida hidrónimo prerromano e comenta a posibilidade de que Dimo (localidade de Catoira) sexa o resultado da aglutinación da preposición “de” co nome Imo. Entre os bens doados polo bispo Xelmírez no ano 1115 ó Mosteiro de San Martiño Pinario encontramos “sanctum Iulianum de Inno (Imio) cum suis tertiis et cum omni censu et debito nostre ecclesie”, aínda que se está a referir neste caso a San Giao de Laíño. Desde a Bouza inxel de Imo vixiaba o poeta Avelino Abuín de Tembra as dilatadas brañas dos Laíños, “pozas de augas quentes, encoradas entre xuncos…”.A Lavandeira e A Eira das Cabanas, das que vimos de falar, constitúen dúas ben fermosas concentracións de hórrreos. A aldea é populosa de xentes, con rúas cubertas de emparrados, fontes xenerosas, altas hortas muradas e pombais antigos que resisten como poden os embates do tempo agardando pombas novas que non veñen. Algúns restauráronse recentemente. Imo foi de casas señoriais. A dos Ferreirós, fabriqueiros da igrexa parroquial, a dos Aguirre, de ascendencia vasca, con aparceiros que lles pagaban renda en moitos lugares destas parroquias ata non hai tanto. As leiras de millo botábanse ás medias, o centeo pagábase por toldáns (medio ferrado). Desta familia, eran Luís Aguirre del Río, nado en Lestrobe, autor do primeiro dicionario galego, o que nos guía da man por estas follas cegas, e Sixto Aguirre, paseado con Camilo Díaz Valiño en Palas de Rei nos días erráticos do inicio da guerra civil. Matouno a mesma longa man sinistra do fascismo que a Moncho Reboiras corenta anos despois, nacionalista tamén, veciño desta aldea de Imo. Na súa memoria, desde a cumieira de Con Pólvora e Magnolias, berrou o poeta Méndez Ferrín reclamando a libertade para o noso pobo: No vento de mazán que se desfraga...
Os emigrantes retornados de América ou indianos investiron na compra de terras e negocios e acometeron tamén a remodelación suntuaria das súas vivendas con edificacións inspiradas na arquitectura colonial americana ou no eclecticismo e nos modelos decorativos característicos do modernismo de principios de século. Hai en moitas delas xardíns, balconadas, miradores, galerías e, sobre todo, cuartos de baño, algo insólito na Galicia rural daquel momento. Grazas a eles construíronse por Galicia adiante gran número de escolas públicas e outras obras sociais coma a nosa Escola de Tallós. Por estas terras, indiano non é voz que se use e preferimos chamarlles americanos. Castelao sacoulle punta ó tema no óleo O Regreso do Indiano e en textos de Cousas coma “O pai do Migueliño” ou “Chegou das Américas...” e amosou outras facetas menos afables do mesmo. Está claro que esta Revolta do Indiano que está en Salvanxe era propiedade de alguén que volveu da emigración. Debe ter a mesma etimoloxía O Rucheiro do Andeano (andiano e endiano son variantes que recolle o dicionario de Sobreira). En Dodro consérvanse algunhas casas de indianos coma a do Brañeiro en Tarrío ou a do Reboiras de Manselle, cunha fontiña na que se representa un americano ben traxeado, cun paraugas aberto, expectante, nun recanto do Souto, agardando pola chuvia de abril.
No inferno é onde o cristianismo sitúa as almas dos que morreron en pecado. Aquí está en diminutivo. Pode porlle nome a un fondal ó que non é doado chegar. Tamén se lle chama inferno á planta inferior do muíño, a que queda por debaixo do tremiñado, onde xira o reducio. Procede do latín INFERNU e este noso é unha paraxe de labor, abaixo de Teaio: O Inferniño. Está tamén en moitos versos de Rosalía, con tenrura ás veces, pero sen adobíos nin requilorios, “hai infernos na memoria” escribe en Follas Novas.
Insua chegounos a partir do latín clásico INSULA, mentres que ILLA procede do latín vulgar ISCLA. Insuela deriva do diminutivo INSUELLA e tanto Ansuíña coma Insuíña serían xa diminutivos romances (E. Rivas). Insua é o termo usado entre nós e non sempre fai referencia a lugares completamente rodeados de auga, senón a penínsulas, brazos dun regato ou sitios parcialmente inundados á beira de correntes de auga. Para Crespo Pozo illas son as do mar e ínsuas as dos ríos. A Insua de Bexo (A Insua), está no Ulla, pasado o Redondo, despois de que o río vire cara os mares do sur e pertence tamén ó concello de Rianxo. A Insua son hoxe leiras na braña de Lestrobe á beira dun dos meandros que describía o vello curso do Sar, río de Santiago ou do Arcebispo, que das tres maneiras se chamou, e As Insuas están á beira da desembocadura. A Insuela está en Sar, no río de Manselle; A Ansuíña, a carón do mesmo río, abaixo de Rial de Lagoa; As Insuas e As Insuíñas, no monte de Manselle; As Insuas á beira do rego da Devesa e A Insua no rego de Vigo, augas abaixo de Traxeito. En fronte da braña de Imo estaba A Insua na que se probaban ós bos nadadores e diante da de Dodro, A Insua das Bestas e A Insua de Campaña. Anxo Angueira cita na Pensa Nao un ronsel delas no Ulla: A Dos Cabalos, A de Cheta, A dos Sesenta, A Cacharela, A Do Medio… Desapareceron coa chegada dos barcos areeiros e son agora insuas perdidas coma a de San Barandán, submersas, pero podemos aínda soñar con elas e dicir desde o polrón do Redondo, no que o Ulla tira de compás para que dea volta a auga, que acolá, por este río acima, estaban as nosas insuas.
Verniz é antropónimo de raigame xermánica do monte de Teaio. Verniz e Sobre de Verniz son de Bexo. O Pozo de Verniz é de Castro e usábase para regar as leiras de millo. Documenta Sarmiento no seu Onomástico etimológico de la lengua gallega máis de corenta topónimos rematados en – IZ, pero non figura o noso máxico Camiño de Inverniz, que invita ó camiñante a pisar a súa umbría. Hai aínda Inverniz e O Alargo de Inverniz. A algún veciño escoitámoslle Alverniz e Enverniz a outros. Caen estes nosos nomes polo monte de Pexegueiro, xa preto de Formariz, que tamén é da extensa familia de vocábulos que nos deixaron os xermanos. Todos eles son, na opinión do profesor Piel, derivados de HIBERNUS, ‘inverno’ e designarían pastos invernais para o gando.
Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón