Terras gabeadas son aquí terras traballadas á gabea. É voz perfectamente viva entre nós, onde gabear é cavar co sacho un corrucho dunha leira a onde non da chegado o arado ou un tallón para plantar nel. Gabéase tamén debaixo das viñas porque non entra a maquinaria. O millo de gabea era o que se botaba nas terras máis fondas e daba as mellores colleitas. Tería a mesma orixe que gabia, do latino CAVEA, porque en realidade non se gabea sen orde senón facendo gabias ou regos. As Gabeadas están arriba de Imo.
Gaián e Sobre Gaián son de Traxeito. Para Menéndez Pidal (Toponimia Prerrománica Hispana) Gayán é antropónimo derivado de Gaius ou Caius, que daría tamén Jaén.
Gaiteira, nalgúns dicionarios, dise da muller de vida licenciosa xa entrada en anos e tamén da vaca de cornos finos (Constantino García: Glosario…). Hai a Nepeta cataria ou herba gateira, pois que a comen os gatos, pero tense por especie rara en Galicia citada polo Padre Merino tan só no Courel. Si que abunda, e moito, en Dodro outra moi afín, olorosa, a Calamintha nepeta ou nébedas, coa que se condimentaban as empanadas, as cazoladas e os guisos. A Gaiteira está arriba da Fonte Primeiral. Se, como parece, efectivamente tivera que ver coa gaita, entón procedería do xermánico GAITS, ‘cabra’, porque se usa a súa pel para facer o fol. É moi probable que así sexa posto que é antropónimo común mesmo en feminino. Aquí non sabemos del, pero si en aldeas de Rois que lindan con nós. “Has de cantar,/ meniña gaiteira” dinos Rosalía no arranque de Cantares. Nas respostas do Catastro de Ensenada figuraba un tal Luciano Rey, gaiteiro e labrador de Laiño. Mestre de mestres gaiteiros foi Cesáreo Rodríguez, nado en Lestrobe, homenaxeado por Xosé Manuel Budiño na emigración arxentina, onde morreu. O noso gaiteiro, agora retirado, Tomás Abuín, foi o fundador de “Airiños da Nosa Terra”, formación coa que se mantivo por máis de trinta anos, pero xa antes tocara con “Os Rosales” de Asados e estivo presente na inauguración do monumento a Rosalía no Espolón de Padrón, en 1957. Contounos que cando foron á Coruña para homenaxear a Gala, a filla da escritora, un dos mantedores do acto, afectuoso en exceso, dirixiuse a ela coma “Dona Galiña”, o que provocou a hilaridade dos presentes. Omitimos o nome. “Unha vez era un gaiteiriño que ía polo monte. Queres que cho conte…?”. Mentres responderas que si, a historia encetaba de novo: “Unha vez era un gaiteiriño que ía polo monte. Queres que cho conte…?”. Agardando, agardando, o tempo andado, tivemos a certeza de que iso era todo. Non é pouco nin moito. É o que hai.
Páramo, terreo liso, inculto, pobre. A palabra gándara remóntase á noite dos tempos, retorromano ou alemán para Moralejo, preindoeuropeo para Menéndez Pidal, prerromano na opinión de Corominas, lévase discutido bastante sobre ela e sobre a súa distribución na Europa occidental. En xeral hai coincidencia en que a raíz CAND/GAND equivale a ‘pedra’ ou a ‘terreo pouco fértil’. Para Sevilla Rodríguez sería voz xermánica, de GRAND, ‘moer’, co significado de ‘lugar de gravas e areas’. Gándara en Aguirre é tamén monte baixo inculto, maleza. Hai A Gandra en Bustelo e Teaio e en Imo, preto do Redondo, de horizontes abertos cara o río, pero non longal. En A Cova da Granda, antes de chegar á Praia das Cunchas teñen os de Rianxo outra variante do mesmo étimo. É unha das estacións rupestres máis importantes da comarca pero na literatura especializada deron en chamarlle Os Mouchos, non sabemos por que.
Para Eladio Rodríguez garabato é sinónimo de garabullo. No Nomenclátor hai varios Garabatos, que na opinión de Gonzalo Navaza serían sitios nos que se recollía garabullos, leña miúda para o lume. Tamén comenta a posibilidade de que teña que ver co portugués gramata. Nos eidos incultos de Dodro abunda a grama (Cynodon dactylon), herba ruín e invasiva. Francisco Villar (2000) relaciona o topónimo Garabato co radical hidronímico indoeuropeo AB – /AP – , ‘auga’. Pode que garabados teña relación con garabelo, que é voz viva como ‘cesto pequeno con aro’. Nalgunhas aldeas de Dodro houbo cesteiros que ían vender ás feiras de Padrón. No dicionario de Carré chámaselle garabelos a cada un dos montonciños de herba que se fan cando se roza, o que nós chamamos mandos ou panadas, se son máis grandes. Os Garabados están na Veiga de Lestrobe.
Cova do Gato queda abaixo de Dodro e Gato Vello no monte da Devesa. Do latín GATTUS. No Tombo de Toxosoutos está como apelido e como alcume (Fernandus Petri dictus Gatus). Pénsase que o animal foi introducido polos romanos en Galicia de modo que os restos anteriores que se atoparon nalgún castro próximo (Achadizo, Cabo de Cruz) posiblemente sexan de gato montés. Será na Idade Media cando se produza a súa expansión para evitar as pragas de ratas que propagaban a peste. Os topónimos poderían proceder do morfema preindoeuropeo GAT que designa covas, oquedades, rochas furadas pola erosión (Román del Cerro, 1998) ou vados, lugares de paso.
Aglobada é ‘auga levada’ (AQUA LEVATA en latín), canalización de auga para conducila ás fontes, ás presas ou ós muíños. Por aquí tamén se encanaba nos montes das aldeas para regar o millo nos vrans. Como Agua Levada, ou Levada figura en varias localidades do Nomenclátor. No monte de Cordeiro, da outra banda do río, había pozos para o millo coma os nosos: Agua Lavada. Da mesma procedencia son Igualada en Cataluña ou Agolada (Pontevedra). Levada é ‘canle para a auga’ nos dicionarios e nos Açores chámanse así aínda os canais que atravesan o bosque de laurisilva. A Globada dos Romeu e As Campías da Globada están no monte de Traxeito e Globadín preto de Formariz. Din algúns veciños A Golbada, e hai quen lle chama así ó monte.
Designa un covo fondo no río ou no mar. Do latín FOVEA, O Goio do Seixo estaba no esteiro de Tallós, á beira do Pinal da braña. Había unha poza onde a altura da auga permitía arrimar as barcas cando na baixamar non podían subir polo esteiro. Chamábanlle a este os de Cordeiro, A Gabia dos Ballesteros, porque os donos do Pazo de Tarrío tiñan unha casa entre os piñeiros da que aínda quedan as ruínas. Tamén había O Goio no río do Rialiño, á beira do Muíño Novo.
Hipocorístico de Gregorio. O Agro do Goriño está no monte de Eiró e Gorille en Imo.
O Gorgoso era unha das insuas do Ulla, despois da desembocadura do Sar e antes da dos Cabalos. Tema onomatopeico relacionado co gorgullar dos mananciais, do latín tardío GURGA, ‘pantano’, e de GURGULIONE, ‘borbollón’. Na Toponimia de Marín: Gorgas, Gorgoso, Gorgullón… (E. Rivas, 1982). O mesmo autor (2007) cita Gorgoso desde gorga, paso estreito entre montes. De Lestrobe é A Fonte do Gorgollón.
Na Toponimia de Sarria, A. Díaz Fuentes faino proceder de Gratinus. Está tamén na de Trabada (Xulia Marqués) onde se cita a Piel explicando que “é un nome persoal usado por pagáns que se volveu común entre cristiáns”. Será, xa que logo, antropónimo medieval o noso Gradín que está cara o nacente de Tarrío. No Libro de Notas do notario Álvaro Pérez, Sueyro Gomes de Soutomayor afóralle a Fernando de Bustelo e á súa muller María do Picadiço, moradores en Teayo, “a leyra de vjna de Gradín, que está ena outra chousa da orta que foy de Pero do Souto” coa condición de que cada ano lle dean “o terço do viño” que recollan e a obriga de cavalas e labralas “por maneyra que se non perdan por mengua do bon lavorío”…
A partir de GRANUS, ‘gran, cereal’, acabouse formando GRANIA, da que proceden as palabras galegas granxa e graña con significados idénticos. Correspóndense coa VILLA GRANEA tardorromana. A primeira delas pervive na fala común mentres que a segunda quedou unicamente na toponimia. Os monxes do Císter difundiron as granxas pola Europa medieval. Unha granxa era unha explotación agrícola dependente dun mosteiro na que vivía unha familia cos seus traballadores e criados que se encargaban de traballar as terras e de subministrar unha parte da colleita ós monxes propietarios delas. As nosas granxas pagarían os seus froitos seguramente ó Mosteiro de San Martiño Pinario do que dependían moitas terras da comarca. No Rialiño hai A Granxiña, A Granxa de Amaro en Castro e A Granxa en Lestrobe, Manselle e Imo.
Ademais da cereixeira brava ou cerdeira (Prunus avium) da que proceden as das nosas hortas, o Prunus cerasus, guindeiro ou guindaleiro, é a árbore das guindas, citado por Sarmiento. Habíaas por estas terras. Aínda que a distinción por veces non estea clara, acudimos á Flora do Padre Merino, onde nos explica que este último se cultiva nalgunhas zonas de Galicia e que os froitos son de sabor acedo. As Guindeiriñas están en Teaio é non son, desde logo, topónimo frecuente. A etimoloxía non é segura aínda que pode vir do alemán WIKSINA na opinión de Corominas.
Antropónimo, nome de posesor xermánico. A base etimolóxica GUND – , que está en J. Piel e noutros autores, significa ‘loita, combate’. A terminación en “ – il” é característica da toponimia medieval. Sarmiento recolle varios exemplos. Gundil e Sogundil están abaixo da aldea de Tarrío. No Tombo de Toxosoutos escribía un notario de Lainio chamado Johannes Guntadi un 12 de marzo de 1232 e nun pergameo dos fondos de Oseira e Melón de 1085 (Romaní, 2007), rexístrase un Gundesindu con propiedades “in villa Lestrobe”. Os dous nomes teñen o radical que comentamos.
Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón