Nabal é terra onde se sementan nabos (Brassica napus), do latín NAPU, planta da familia das crucíferas cunha raíz grosa comestible. Están en Rosalía en máis dun verso: “Tecín soia a miña tea, sembrei soia o meu nabal” e no Catastro de Ensenada cítanse entre os diferentes cultivos das nosas hortas. Seguimos a cultivar nabos, pero non aproveitamos a raíz senón as follas, as rabizas ou nabizas, e tamén os grelos que son os xenos ou renovos que botan ó seu tempo. Á semente das rabizas, e en xeral, se é miúda, á de calquera outra planta, chamáselle nebiña, e ha de ser da mesma familia léxica que nabo. Nalgúns casos podería haber confusión co tema prerromano NAV– do que xa falamos que ás veces é un hidrónimo e outras equivale a ‘llanura rodeada de montañas’ pero aquí non. O Nabaliño está en Bexo, entre Tarrío e Reboiras e no monte de Manselle e O Nabal en Tarrío, en Reboiras, en Susavila, en Dodriño e en Teaio. En Bexo hai O Nabal de Riba e O Nabal de Baixo.
É topónimo de varios lugares da provincia de Lugo, e na parroquia de Queiruga, en Porto do Son, está Porto Nadelas. Torres del Río na Toponimia do Concello de Porto do Son, citando a I. Cajanto di que procede de NATELLA, ‘filliña’. O noso Nadelas está en Eiró. Quizais algúns deles sexan mananciais ou fontes onde as augas nacen.
A laranxeira foi árbore traída de oriente polos árabes. O nome chegounos desde o persa NARAG. As fabulosas laranxas da China, por máis que reais, formaron parte tamén do xardín frondoso das árbores imaxinarias. “Naranjas chinas, limones agrios, la popelina del boticario” foi letanía exótica cantarexada polas eiras vagantías. De facérmoslle caso ó refrán, nestas terras as laranxas son un dos praceres nocturnos prohibidos: Pola mañá ouro, pola tarde prata. Pola noite mata . O cardeal Jerónimo del Hoyo, cando visita o arciprestado de Iria no ano 1607, fala de que é terra na que se dan moitos limóns e laranxas, e algunhas limas. Eladio Rodríguez di que eran moi saborosas as laranxas da comarca de Padrón e que viñan navíos ingleses e franceses a mercalas a Galicia nos séculos XVI e XVII. O Cruceiro do Naranxo está en Dodro, O Naranxo é topónimo de Castro e de Pexegueiro e está no Nomenclátor, aínda que non é forma normativa. Nas soidades de Deiá, en Mallorca, onde empezaron a ver luz estas follas, soñou o poeta Robert Graves cunha ninfa das laranxas.
O topónimo A Fonte Navenlla (ou Fonte Navella) estaba na corredoira que ía de Rial a Sar e baixaba por ela unha enxurrada de auga nos invernos. En Paizal queda á man dereita do río. Eligio Rivas (Niveis primitivos) explica nava como tema preindoeuropeo co sentido de ‘lugar llano entre montes’, a partir dunha raíz NAB–, ‘auga’, con alternancia na vogal. Non ten dúbida en que é tema hidronímico. En portugués navalhao é ‘terreo húmido, de herba, entre searas’. Para Joaquín de Santa Rosa de Viterbo, no Elucidário, “nava” é “campo raso cercado de bosques” e cita As Navas de Tolosa. De seguirmos a Joaquín Caridad tería relación co nome xermánico Ana, con perda do “A” inicial, como ocorre en Ponte Nafonso. Noutra publicación de Eligio Rivas (A auga na natureza) esténdese sobre a partícula indoeuropea ANA, ‘auga’, que está no Guadiana e noutros ríos e puidera estar na nacencia da nosa fonte. Cita unha Anna Velha en Olhao (Portugal). Fontana no Gran Diccionario Xerais é “construcción para facer saír a auga”. Fontana vella podería ser outra posible explicación.
As nespras, nésporas ou avespas (Vespa vulgaris) son insectos semellantes ás abellas pero que máis raramente viven en comunidade. Os topónimos As Nespras, A Fonte das Nespras, As Nespras do Campio e As Nespras do Medio están abaixo da Cucaz, no monte de Manselle. A nespereira (Mespilus germanica), é unha árbore cultivada que lle dá nome a outros topónimos galegos semellantes, pero por aquí non existe en estado silvestre.
Dinnos que O Niveiro era o alcume dun médico de Manselle e que estas terras no monte da aldea debían ser del. Os neveiros eran pozos rudimentarios feitos en lugares umbríos nos que se gardaba a neve nos invernos, acuñándoa ben no fondo ata deixala empedernida. Despois cubríase con fieitos ou palla de maneira que se conservara ata á época estival para ser empregada na conservación dos alimentos ou na a elaboración de xeados por parte das castes máis acomodadas. Aventuramos que o alcuño do médico lle viñera de aí, de que tiña niveiros no monte, pois se ben é certo que aquí neve non temos, podería traerse doadamente dos altos de Bustelo e do Treito onde son máis frecuentes as nevaradas.
Do latín vulgar NUCARIA, e de NUX, noz. De nome científico Juglans regia, é árbore apreciada pola súa madeira en ebanistería e polos seus froitos, as noces. Dicía Plinio que a sombra da árbore era tan espesa e densa e producía dores de cabeza, crenza que segue existindo aínda hoxe entre os nosos veciños. Está o topónimo A Nogueira ó pé da aldea de Pexegueiro, en Castro e tamén nos versos finais dos “Arquivos da infancia” de Eusebio: “Todo isto recordo/ como se aquela hora/ contemplase ao abrigo da nogueira/ ou nos ollos dun neno que amañece dormido ”.
Nordés son leiras en fronte de Paizal, no sopé do monte Valouta, preto do Casote do Rueiro, orientadas cara a ese punto entre o norte e o leste cardinais. O nome terá que ver co vento así chamado que é predominante en Galicia sobre todo na primavera e no verán. Os labregos e mariñeiros galegos eran xa peritos en ventos e climatoloxías antes das predicións do Meteosat e coñecían (amais do nordés, que lle deu nome a unha importante revista de poesía dos anos oitenta e noventa), nortadas e coriscos que tollen e aterecen, ventos ávregos, travesías salgadas que ventan dos crepúsculos, terreiros ventos soáns, vendavais toleiróns, suradas mornas Velaí unha copla que nos achega … a sabencia popular: Asubía que vai vento/tamén eu asubiaba/cando era do teu tempo. Todos os poetas falaron co vento. Na casa dos poemas de Rosalía ten abertas de par en par portas e ventás. Eusebio deixounos recado para el: “Dicede - lhe ao vento que me aguarde/(nunha) rua qualquer/em qualquer nubem/de ca para lá, ouvindo/como lenta música as últimas/voces do estío”.
Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón