Do latín SACRATUS, A Sagrada en Vigo e A Fonte da Sagrada, da que xa falamos, no camiño da igrexa de San Xián a Manselle, eran propiedades do igrexario. Hai topónimos semellantes noutros lugares de Galicia: Fonsagrada, Fonsanta, Fonte Bieita… O sagrado é o adro das igrexas. Eno sagrado, en Vigo,/bailava corpo velido (Martín Codax). O motivo foi escolleito polo noso poeta de Manselle para intitular un dos seus poemarios: Fóra do sagrado.
Xunto cos ameneiros son as primeiras árbores que medran á beira dos nosos ríos e regueiros. Non ten boa sona o salgueiro (Salix atrocinerea) por ser árbore moi invasiva. Da codia dalgunhas especies sácase o ácido acetilsalicílico (aspirina) e tamén se empregou para curtir peles. Os mareantes de Porto en Cesures usaron a casca dos nosos salgueiros para encascar ou tinguir as redes. Vendíase nas feiras. Moitas casas das nosas teñen aínda vimbieiras (Salix viminalis), que son parentes do salgueiro afeitos á man do home, pois úsanse para atar as viñas despois da poda e para facer cestos e garabelos. Había no concello quen se dedicaba a ese oficio e aínda queda quen os sabe facer. Nas brañas de Imo pódense ver vimbieiras moi vellas, altísimas, a forza de non podalas. O salgueiro é das primeiras árbores en botar a flor. En xaneiro xa a abella pon o pé no salgueiro. O Salgueiral son leiras arriba da aldea de Susavila; O Salgueiriño de Revixós; Os Salgueiros de Paizal e do Rialiño. A Fonte dos Salgueiros está arriba do Portancho, na estrada de Pexegueiro, Pousocovo dos Salgueiros é do monte desta aldea, despois do Viveiro forestal, e Os Salgueiros está na parte alta do monte de Manselle. No Tumbo de Santa María de Iria (Pensado, 1976) hai unha leira “enna marquada de Salgueyros de tres covedos”. Tamén os hai en Rosalía: “Ó par da brisa temprada que antre os salgueiros corría”.
Os topónimos cataláns Salvanet, Salvanyà ou o francés Salvagnac proceden seguramente do antropónimo latino SALVIANUS. Poderían terse formado desde SILVANUS ou a partir de ALBANIANUS, ALBANUS precedidos do artigo IPSE (Toponimia de la Baja Ribagorza Occidental, Carlos Ángel Rizos). Quizais o noso Salvanxe que lle dá nome a varias casas e agros entre Vigo e Tallós estea emparentado con eles.
Formouse desde un antropónimo medieval, Salamirus, composto polas formas xermánicas SALA, ‘salón, habitación principal da casa’, e MEREIS (“–miro, – milo, – mil), ‘célebre’. Dieter Kremer (“Galicia Germánica”) explica que é un nome común no medievo, gótico, e cita variantes del, algunhas, deturpacións que acabaron nos santorais: Saamil, Samir, Salamir, Zaramil, Sanamil, Sanmir, Sanmil, Sanmiro, Samiráns, Xamirás. Samil, terras de Salamiro, é topónimo de Rial de Lagoa.
Sempron(ius) é nome moi común na epigrafía romana (260 rexistros nas páxinas da Hispania Epigraphica), inmortalizado despois en La Celestina de Fernando de Rojas e figura en diferentes lápidas atopadas no norte de Portugal: Braga, Chaves, Bragança (Rodríguez Colmenero, 1997). No Onomasticon Cataloniae de Coromines faise derivar Samprón dese nome latino. Dalgún Sempronio deberon ser Samprón, O Monte de Samprón, Samprón de Baixo e Samprón de Riba, terreos que foron comunais, á dereita da estrada, entre Dodro e Lestrobe, onde abundan os nomes de raigame xermánica.
O sanguiño (Frangula alnus) é un arbusto de madeira flexible e froitos vermellos, negros na madureza, moi abundante nos nosos montes. A codia é vermella, de onde colleu o nome, sanguineus, e usouse como remedio contra a sarna e como tintura, polo que pon nos libros. Sanguiñeira (pronunciado Sanquiñeira) nomea uns labradíos en Teaio, onde tamén hai Sangañide (Sancañide) que pode ser da mesma familia. Sarmiento sinala algúns derivados. Formáronse os dous a partir de sanguinetum. De Samburiña que está na braña de Imo non encontramos ningunha referencia. Sambuguino ou Sangumiño está en varios dicionarios como pertencente á familia dos Cornus. Xa falamos máis arriba desa árbore. Este último topónimo seguramente terá que ver entón co sanguiño ou co Sambucus nigra, sabugueiro ou bieiteiro, común en toda a comarca.
O Monte do Santiaguiño, do Burgo ou de San Gregorio, compárteno o concello de Dodro e o de Padrón e como se pode supor está relacionado co apóstolo. Santiago formouse na Idade Media a partir de Sancte Jacobe. O 25 de xullo celébrase a súa festa e tamén a de Galicia e faise romaría no Santiaguiño do Monte. Os lugares do culto xacobeo están en Padrón pero a escasos metros da linde dos dous concellos. No alto do monte, nuns penedos coroados por unha cruz está o chamado “altar do apóstolo” e a “cama de Santiago” porque as pedras adoptaron as formas do corpo do santo ó deitarse o nelas. Das virtudes da auga da Fonte de Santiago xa falamos pero non das pinturas que hai no seu interior “pintadas al fresco, con ornatos un tanto groseros del estilo romano o pompeyano” (Carré Aldao). Enriba da porta posterior da capela, onde se garda imaxe do patrón, está o escudo de Rodrigo de Luna, enterrado no seu ceo de pedra, no altar maior da colexiata de Iria. O Santiaguiño do Monte, antes do culto apostólico, todo indica que debeu ser centro de rituais pagáns antiquísimos.
Antropónimo medieval. A terminación en “ide/ido” non é infrecuente: Melide, Meixide, Teixide, Maside O elemento … final apórtanolo unha vez máis o filólogo J. M. Piel, – GILDUS, imposto, contribución’ e cita Sangilde e Sangidos en Portugal. Sanxide está en Susavila.
Está en Piel como Sanjumil. Ás veces como Seixomil, que popularmente se interpreta como “mil seixos”. Sanxumil(ou Xanxumil, no dicir doutros veciños) está entre Dodro e Lestrobe. Explica Abelardo Moralejo que Sanxumil non é nome de santo, senón de propietario xermánico Sungemirus e despois Songemirus, onde SUNJA significaría ‘verdade’. O elemento final volve ser MEREIS (“ – miro, – milo, – mil), ‘célebre’. Di que é nome gótico, que acabou substituíndo “son” por “san”. O santoral aumentou algunha que outra vez á conta da vacilación fonética.
Sar, auga que corre, desde moito antes de que Heráclito a convertera en símbolo eterno da fugacidade das cousas, é voz precelta, quizais no noso caso referida ós mananciais que nacen do lado de riba desta aldea da parroquia de San Xián. Sar é lugar de torrentías e enxurros e ten fonte de augas abundantísimas e frescas. En 1462 o abade e o prior de San Martiño afóranlle a Martín de Carás e á súa muller, moradores de Padrón, polas súas vidas e tres voces “as casas chamadas de Saar e o casal de Marici”, en Imo, na fegresía de San Xiao de Laíño por renda anual de sesenta maravedís de moeda branca. Polo río Sar subiu a barca apostólica de pedra en noite de escurada entre peixes de fósforo que relumbran aínda. Para explicar as cheas invernais que asulagaban as veigas de Padrón e de Lestrobe as xentes de Iria imaxinaron deusas fluviais de longas cabeleiras e monstruos disformes verquendo auga polas fauces (Murguía: Galicia). Rosalía escribiu sobre as avenidas do Sar en Padrón y las inundaciones e contounos que de nena lle amosaban as torres da vella cidade romana submersas nunha lagoa das veigas. A fins dos anos cincuenta cambiouse o antigo curso do río e trazouse este río Sar de agora con cartabón e tiraliñas pola veiga de Lestrobe abaixo pero resisten as liñas cimbreantes da vexetación dos vellos meandros e podemos ver aínda o leito antigo do mesmo Sar que ollou Rosalía. Cítao Pomponio Mela no sec. I d. X, dicindo que a través do territorio dos Praesamarchi corren os ríos Tamaris e Sars, nacidos non lonxe, e que o Sars desemboca preto das Turris Augusti, aínda que sempre se identificaron estas coas Torres de Oeste. Na Foz do Ulla, onde se xuntan os dous ríos (a Bisria da translatio) buscan agora os arqueólogos os vestixios das torres. Hai copia dun escrito do rei Ordoño II do ano 912 (Colección Galicia. Tomo 3. Universidade de Alcalá) no que lle fai doazón ó mosteiro de San Martiño Pinario de varias propiedades en Padrón (uilla Patrono)… per ipsum flumen Saris. O orixinal máis antigo coñecido de momento é de 1109 (Pergaminos irienses en los fondos de Oseira y Melón del AHN) onde se cita “discurrente fluvio Sar”. Cantouno Avelino Abuín nas Roldas de Compostela, “Santa María de Sar,/ten recendos de avelaira (…) O Sar garrido namora a chaira” e cantouno Bernardino Graña que foi mentor de poetas novos no Instituto de Padrón, pé das súas augas. Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen. Xa estaban no Códice Calixtino o Sar e o Sarela, cubertos de enramada, dos que se despide Rosalía. Alá polo século XIII, Johan Airas, un burgués de Santiago, deixounos nas súas cantigas unha pastor que cantaba “quando saía la raia/ do sol, nas ribas do Sar”. O Agro de Sar é da Devesa dos Mouchos e Sardeiriñas, que está ó pé da aldea de Bexo, acaso teña tamén esta base hidronímica que tratamos.
Como abundancial o padre Sarmiento anotou Saramagal. A nosa Saramagosa para polas abas do Castro de Traxeito. O saramago (Raphanus raphanistrum), de pequenas flores amarelo verdosas, é especie sen aproveitamento agrícola que enche os campos incultos. “Foi a Castilla por pan, e saramagos lle deron” (Rosalía). Está tamén en Aguirre. Parece que procede do árabe SARMAQ.
Do lado de riba de Bustelo, en Traxeito, As Sebreiras é lugar onde abundan as sebreiras, sobreiras ou corticeiras (Quercus suber). Confírmannolo os veciños, pois primeiro pensamos se sería bosque de acivros, pero non. Hai A Sobreira en Imo e en Bexo, O Rego Sebreiro arriba da Paxareira e Fontesobreira no alto do monte de Pexegueiro. De aceptarmos a opinión do Padre Sarmiento “o porto de Souereyra”, arriba de Tarrío, citado no libro do notario Álvaro Pérez, refírese á mesma árbore, cousa que considera difícil de admitir J. L. Pensado tendo en conta as leis que rexen a evolución fonética. Abunda na España mediterránea pero tamén se pode ver en Galicia, sobre todo na zona central e oriental. A codia rugosa a partir dos dez ou quince anos empeza a ter un grosor considerable e aprovéitase para facer os cortizos das colmeas ou as zapas dos bocois.
A Sedela (con “E” pechado) queda na braña de Tarrío, para alá das Avesadas, onda O Agro de Baixo. Sedela ou sedenla, de seda (lat. SETA) é o fío co que se ata o anzol para pescar, ‘corda’ en Frampas I de Eligio Rivas. Sedeño é ‘corda grosa, adival’. As leiras de campío da Sedela entestan no Esteiro e hai unha pontella cumprida de pedra para pasar á braña. Virá o nome de que se deixaran tanzas ou sedelas no regato para pescar anguías? Podería ser Cedela, por mor do seseo, pero estamos nas mesmas, tampouco adiantamos gran cousa.
Seixo é voz viva na fala, moi representada no Nomenclátor, derivada do latín SAXUM, ‘penedo’ ou ‘rocha’. Corominas retrocede ata unha base prerromana SASSO. O seixo ou cuarzo e unha das súas variedades, o pedernal, foron usados polo home prehistórico para facer algunhas das primeiras ferramentas que coñecemos. O Pico Sacro, que se ve desde Bexo e desde outros puntos do concello, débelle o seu perfil característico a unha veta de cuarzo de varios kilómetros de lonxitude da que forma parte. O Seixo está en Bexo e no monte da Mina, arriba de Eiró. Os nomes, que están abaixo de Tallos, son antropónimos: O Prado do Seixo, á beira do Pinal da Braña e O Goio do Seixo ou O Pozo do Seixo no Esteiro. De Tallós é Moncho do Seixo, Ramón F. Reboiras, que mira como chove nas Brañas de Laíño a través dos vidros embazados das fiestras de Madrid. No seu primeiro libro en galego regalounos haikús fermosos a ritmo de cumbia e sementeira.
Hai dous topónimos semellantes no Nomenclátor, O Miogo en Monforte e Ver de Miogo en Nogueira de Ramuín. O noso, dito Semiogo ou Semiogue está na braña, entre Dodro e Tallós. A partícula “se” vale por ‘debaixo de’, coma en Sefontes, e “meogo” é forma medieval documentada que significa ‘no medio’. Referido a unha propiedade monacal, na veciña Catoira, rexistra Gonzalo Navaza Casal de Mogos. O nome aparece citado como Casal de Moogos no documento máis antigo atopado ata o momento no noso concello, unha escritura de venda redactada en galego no ano 1436. Conque así, non deberiamos desbotar a relación con moogo, ‘monxe’, na opinión de Carolina Michaëlis e doutros autores, o apelido certo de Pero Meogo, o trovador que nos deixou cervos e augas avoltas nas fontanas frías como símbolos imperecedeiros do encontro de amor.
“Chousas e searas cando vos verei”. Están no alalá decimonónico Lonxe da terriña, que inmortalizou á zanfona Faustino Santalices. Serna, seara, senra son topónimos frecuentes, moi usados na prosa do medievo, e descenden dalgunha base preindoeuropea sobre a que de momento non hai acordo. Eligio Rivas propón SEN, ‘monte alto’, e a forma celta ARA que significaría ‘terreo de labradío’. Cabeza Quiles parte dun hipotético SENARA céltico (que cita Corominas), ‘campo de cereais’. Sarmiento faino derivar de SEMINARE, ‘sementar’. En todos os casos vén sendo “campo sementado aparte dos demais” ou herdade de monte que se dedica a cultivar centeo ou trigo, sinónimo de ‘estivada’, ‘cavada’. Aguirre define senra como “campo, prado ou herdade” e seara como “terreo coa mes en verde”. Este matiz recólleno outros dicionarios. A Senra está en Bexo e en Dodro e As Senras en Dodro, abaixo da estrada, e en Lestrobe. A Veiga da Senra é o nome do todo agro que vai de Tarrío a Rial de Lagoa, dividido despois noutros topónimos menores, un deles A Senriña. As Searas son paraxes do Castro de Traxeito e da veiga de Lestrobe. Nalgúns foros medievais esprésanse os “días de seara” que hai que traballar nos campos do señor.
SENEX era ‘vello’ en Roma e SENIOR, ‘máis vello’. Señora é a ama dunha casa. Neste caso, a dos Aguirre de Imo, donos destas terras do Agro da Señora na Devesa. Desa familia foi Luís Aguirre del Río o autor do dicionario que citamos a cotío.
O Sequeiro está abaixo de Imo. Deriva do adxectivo latino SICCUS, seco. Nos dicionarios é ‘terreo que queda seco ó baixar a marea’. Ata aquí a marea agora non chega, aínda que si inunda algunhas leiras próximas, polo que podería ser terreo de secaño en contraposición cos da braña. Nalgúns lugares de Galicia dálle nome ós hórreos e a espazos acondicionados para secar as piñas ou as castañas.
Os Serodios son leiras cara o poente de Manselle, do latín SEROTINUS, ‘tardío’. No Catastro de Ensenada faise referencia en Dodro e en Laíño ó millo serodio, de segunda man ou de tarde. En realidade viña sendo o que nós chamabamos millo restebo, porque se botaba despois da resteba do centeo e da avea, polo San Cibrán, e daba sempre peores rendementos por ser máis cativo, pero permitía unha segunda colleita a fins do outono. Onde vas millo restebo, alcadar o temperán. Na túa vida o alcadas nin en palla nin en gran. O temperán sementábase antes e recollíase primeiro. Alternábanse nas terras de secaño: un ano un e ó seguinte o outro. Nos terreos fondíos e húmidos había sempre lentura e non se precisaba facer quendas. As Avesadas de Riba, O Fondo da Arcai, Liñoso, O Labego ou O Agro dos Carros, labrábanse para botar ó seu tempo o millo de gabea, que era máis rendedoiro.
O substantivo primeiro denominou a serra do carpinteiro (en latín SERRA) e despois, pola semellanza coa anterior, pasou a darlle nome a unha cadea de montañas. Son estas, polo mesmo, metáfora da serra de serrar, ferramentas xeolóxicas de carpinteiros xigantes. Esta nosa é unha área de monte arriba da aldea de Imo, O Agro de Serra. Como vemos non sempre designa sitios moi elevados.
O Sián dálle nome a un montiño arriba de Revixós. Talvez desde unha base preindoeuropea SEN/SIN, ‘monte, altura’, que cita Eligio Rivas (1982). Puidera ser antropónimo: Xián. Atopáronse no lugar algúns fragmentos de cerámica de diferentes épocas (castrexa, romana e medieval). Inicialmente debeu ser asentamento da Idade do Ferro, ocupado despois en momentos posteriores ata que se formou a actual aldea de Revixós. Está moi alterado e non presenta estructuras visibles. Hai un brevísimo informe sobre o xacemento, do que sacamos parte destas notas, na Dirección Xeral do Patrimonio.
A silva (Rubus fruticosus) gatea polos valos e corredoiras de Dodro e faise dona de baldíos, casarellos arruinados e cortelleiras. Coas amoras elabóranse marmeladas, xaropes e compotas. O nome procede do latino SILVA, ‘selva’, e a súa presenza é sinal de chans fecundos. Recollemos o diminutivo A Silveiriña abaixo de Traxeito e O Agro das Silvas en Dodro, pero ten que haber máis tendo en conta o que abundan as silveiras. Tamén as hai en Rosalía: “Non Follas novas, ramallo/ de toxos e silvas sós”. Cítase no Tumbo de Santa María de Iria (J. L. Pensado) a “Silveyra do Lonbo” en Lestrobe.
Para Isidoro Millán González-Pardo, no seu estudo sobre a toponimia de Pontedeume, o topónimo Sixto tería que ver co reparto de terras na época sueva e indicaría un sexto do total dun predio. Lucas Ávarez (El Tumbo de San Julián de Samos) fala dun posesor medieval Sistus e para Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria, sería unha parada nun camiño. Eligio Rivas (Natureza, toponimia e fala) pensa que ou ben se refire ó xisto, rocha de sílice ou máis probablemente a sestear, dormir pola noite cos rabaños no monte. Pode ser un posible tema orográfico. O Sisto, A Costa do Sisto e Sisto dos Outeiros son áreas de monte en fronte de Traxeito.
Precedidos da preposición sobre, SUPER, ‘enriba’. Sobre Cachada é do monte que está en fronte de Traxeito; Sobre Xesteira e Sobre da Cruz do Portancho son de Pexegueiro; Sobre do Curral e Sobre de Verniz están en Bexo; Sobre las Ribas en Imo; Sobre da Braña en Lestrobe e Sobre Albariña en Teaio.
Todos os topónimos que estudamos aquí van precedidos da preposición “so/su”(o latino SUB), ‘debaixo de’. Os que empezan por “sua” e “soa” proceden de SUB ILLA. Sorrial, Soigrexa e Suaigrexa están debaixo das respectivas aldeas. Solamas está en Dodriño e Revixós; Soaviña (ou Suaviña), en Bexo e en Manselle; Solaíño é unha ampla zona abaixo de Tarrío, ós dous lados da estrada comarcal. Somato está en Imo (‘debaixo do matagal”, do preindoeuropeo MATT, ‘montón de plantas’, e despois do latín tardío MATTA, ‘terreo inculto’, cheo de maleza, touza); Sueiras, Sualata e Sucancelo, en Bexo, onde tamén hai Solebre, que non sabemos se é deste grupo ou non; Suaveiga, en Imo; Suagriño e Suaseiras, en Reboiras; Suscarballos e Suatorre, en Manselle; Suouteiro, en Bustelo, e Suouteiro e Sovaladiño en Teaio. Suarrucheira é de Traxeito; Sogundil, Sonabal e Sopé (ó pé da Costa das Lameiriñas e da Cascalleira) están en Tarrío. Sopé é a parte inferior dunha costa, onde xa empeza o val, sinónimo de “requeixo”. Sopozo e Sosloureiros están entre Tarrío e Reboiras e Suarró, onda o Castro de Traxeito. Tamén hai Sopé en Imo, na Costa de Ribada. Sipumares que está en Manselle, Sefontes en Bexo e Salamosa en Teaio teñen o mesmo elemento preposicional, aínda que sufriu un cambio na vogal. Sa, se, si, so, su. Todas as permutacións posibles para silabear no parvulario da toponimia. Vainas peneirando o vento. Cantos tombos non terán dado os nomes nosos para seren o que son.
Este leiro (leira de pequenas dimensións) que non volvemos a atopar en todo concello é tamén escaso en Galicia. Podería ser sinónimo de solleiro, que se usa aínda na fala de Dodro como exposto ó sol, solío ou soleado, en contraposición con avesío ou avesedo que se di das paraxes nas vertentes dos montes que dan ó norte, sen insolación algunha. Con ese significado figura soleiro no Vocabulario de Crespo Pozo. Distingue J. M. Piel (1989) entre os derivados de SOLACULUM, ‘lugar soleado’ (Soalheiro, Solleiro, Solloso ) … e os do seu sinónimo SOLARIU (Soeiro, Solera…). Soleiro, terras ávregas abaixo da aldea de Manselle, deberan pertencer a estes últimos.
Se derivara de SUB MONTIA, como se entendeu tradicionalmente, habería que comentalo co grupo que tratamos máis arriba. Para Joaquín Caridad (Toponimia céltica de Galicia) sería de raigame céltica a partir da partícula intensificadora “so” e do lexema MOTTUS, un dos nomes da deusa nai (mater, mother…) común a todas as linguas. Somoza é topónimo de Reboiras e do Rialiño. Temos tamén en Dodro o topónimo Mosos ou Mozos, que por mor do seseo non sabemos se é dunha maneira ou doutra.
Canta rula nese souto/canta rula, canta rula/que mañán vas para outro. Do latín SALTU, souto é bosque de diferentes especies, despois bosque de castiñeiros e por veces de carballos. Son sinónimos castañal e castañar. Como bosque mixto figura en varios dicionarios e tamén no de Aguirre. Xa falamos da importancia da castaña en Galicia ata a introdución da pataca, por iso os nomes que teñen que ver con ela son dos máis repetidos no Nomenclátor onde se recollen varios centenares só na toponimia maior. Tantos soutos había nesta terra que estremaban uns cos outros (E. Rivas). De aí o dito Saír dun souto e meterse noutro. No poema de Rosalía, sobre o que volvemos tantas veces, quedounos o de Padrón: “Vexo o Souto en parda sombra envolvendo o seu ramaxe”. O Souto está no Rialiño, Bexo, Castro, Dodriño, Susavila, Revixós, Vigo, Tarrío, Pexegueiro, Traxeito, Manselle e Reboiras. O Soutiño en Castro, Eiró, Lestrobe e Tarrío. Soutelo é de Revixós e de Lestrobe. En Imo hai A Cortiña do Souto, O Souto de Xei, O Souto de Deza e O Souto de Cabanas. En Susavila O Muíño do Souto. En Vigo Souto Barreiro. A Eira do Souto en Revixós. En Bexo Tras do Souto e A Cortiña do Souto. En Manselle Foxovedro do Souto, A Fonte do Souto, A Soutela e A Souteliña. A Souta, en Castro. Na mesta fraga dos nomes da terra de Dodro, arden aínda nos outonos os ouros vellos dos soutos esquecidos.
Subidas e Desubidas están na costa do monte de Eiró. Seguramente teñan que ver con subir do latín SUBIRE.
Dá nome a un dos lugares da parroquia de Santa María de Dodro. A orixe está no latino SURSUM, ‘no alto, arriba’, de onde derivaría SUSO. Susavila polo tanto equivale a ‘sobre da vila’ e está do lado de riba do vicus, Vigo, que debeu ser o núcleo orixinario de Dodro. Nun foro de 1457 (Fernández Salgado, 1999) cítase “o casal de Villar de Suso, çerqa de Lestroue, en que morou Sueyro de Lestroue”. Entendemos que se refire á nosa aldea de Susavila e non a Vilar de Suso (Padrón), a nove kilómetros de aquí. Noutro foro de 1550, asinado nos Pazos de Lestrobe (Santa María de Dodro) Bernárdez de Castro afora a Juan Ruçon e á súa muller o casal de Vila Suso de Arriba (Basanta Campos, Marcas de agua…).
Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón