Fabeiro é diminutivo de faba (Phaseolus vulgaris), palabra que procede directamente do latín e tería que ver co cultivo desta leguminosa ou coa proliferación dalgunha variedade silvestre dela. O Fabeiro e O Muíño do Fabeiro están en Susavila e deben ser antropónimos. O Fabeiriño é da braña de Lestrobe. Da mesma familia pode ser Fixó (de PHASEOLUS), en Tallós, á beira do concello, onde está agora a fonte rodeada de castiñeiros, e Fexós en Bexo. En A Toponimia de Trabada de Xulia Marqués hai un Fijo, que fai vir de “fixus”, cravado, fixo; pero este, os veciños pronúnciano claramente como Fixó. Faba está en Aguirre, e tamén fabeiro, apelido que debe de ser orixinario da comarca, “o que vende fabas”. Na Fitotoponimia de G. Navaza é sinónimo de fabal. Pitágoras prohibía o seu consumo por lembraren os xenitais do home e máis as portas do Hades, que polo visto son lisas e, coma as fabas, tampouco teñen nós.
A forma xermánica – GILDUS orixinou en galego os finais “ – xilde” e “ – xil”, cun significado de ‘imposto, contribución’. Fabraxil está no monte de Manselle e sería un antropónimo. Máis escura é a procedencia do primeiro elemento do nome, quizais de FRAUJA, señor.
En realidade o nome ten que ver co son da auga cando ferve ou cae desde unha certa altura. Deriva de FERVENTIA e de FERVERE, ‘ferver’. En Sarmiento, “escuma ou cachón que fai a auga cando se precipita contra unha pena”. É sinónimo de abanqueiro, cadoiro, cachón, freixa. Escoitámolo tamén como frevenza dependendo de quen o pronuncie. O Agro da Fervenza está en Teaio onde hai A Frevenciña e As Frevenzas. A Fervenza é da Devesa. Na escuma das fervenzas dos nosos primeiros regueiros nacían avelaíñas brancas.
De diferentes palabras latinas proceden estes fitotopónimos (FILICTU, FILICTARIA, FILICARIA…) pero todos teñen unha mesma orixe: a voz fieito ou fento, FILIX en latín (Pteridium aquilinum). Fieitos e toxos, molime, apañábanse para estrar as cortes. Que a cocción de raíz mata as lombrigas está en varios dicionarios pero como sempre o padre Sarmiento apunta ademais, entre outras curiosidades, que mesturándoa con seixos calcinados fai vidro verde. A Fieiteira está arriba de Castro e do lado de riba da Dea da Igrexa, Filgueira é de Susavila, Revixós, Paizal e Lestrobe, A Folgosa é de Vigo e Folgueiras de Bexo. Folgueira, Folgueira Aberta e Folgueira de Fóra son de Manselle, O Monte Fieitoso está detrás de Traxeito e O Campo dos Fieitos en Bustelo do Monte.
A figueira (Ficus Carica) é a FICARIA latina. A Figueira Lixosa atópase arriba de Bustelo. O adxectivo é sinónimo de 'sucia', 'manchada', quizais porque esas foran as características dalgún vello exemplar desaparecido. Da mesma aldea é Figueira Cova. No Catastro de Ensenada o río de Manselle é o río de Figueiras. Queda aínda en Rial de Lagoa un muíño con ese nome: O Muíño de Figueiras. A figueira está presente na mitoloxía de case todos os pobos. Na tradición cristiá, Eva tápase cunha folla de figueira ó ser expulsada do Paraíso e Xudas afórcase na árbore despois da traizón. No “Nobiliario del Reino de Galicia”, de fins do século XVI, Baltasar Porreño, falando das bondades das veigas de Padrón, dinos que “o piñeiro de Italia e a laranxeira medran ó lado de carballos e palmeiras e que as vides salvaxes se enredan nos troncos das figueiras xigantes”. Rosalía, máis íntima, non se esquece na despedida das figueiriñas que prantou.
Nos documentos medievais atópase adoito o termo fincó, a propósito dunha leira que quedou fixada a nome de alguén e pasou a ser da súa propiedade. En Asturias finxu é ‘extrema’, ‘marco’, de FIGERE, ‘fincar’. No Elucidário, finco é ‘escritura pública’, documento auténtico. A palabra finca sería tamén da familia léxica de Finxó, se esa fora a súa orixe. En Teaio hai Finxó de Riba e Finxó de Baixo.
Emparentado con covo, cavorco, fochanca, nomes todos que se refiren a barrancos ou depresións profundas do terreo. Puidera ter que ver con tobos ou raposeiras. Do lat. FOCO. Focos é de Manselle.
Da voz latina FONS proceden as nosas fontes e, como se poderá ver, están abundantemente representadas na toponimia menor. Fonte é manancial que nace da terra. Hainas de mergullo cunha poza na que se enche o cántaro ou de cano. A auga de traída chegou ás nosas aldeas fai algo máis de corenta anos. Antes había que ir buscala varias veces ó día ás fontes con sellas, baldes e caldeiros de cinc. Agora todas as fontes son públicas pero antes facíanse constar nos cupos e documentos. Toda a riqueza e as propiedades de alguén resumíase na documentación medieval coa expresión “montibus cum fontibus”. Cando o vran é moi seco por aquí lémbrase sempre que en setembro arden os montes e secan as fontes e agárdase que veñan as pancadas do trono e que co seu rebumbio as abran. Abelardo Moralejo dedícalle ó tema un extenso artigo no que enumera máis de cen topónimos da familia. Non figura a nosa Fontaliña, diminutivo de Fontal que no dicionario de Estravís vén como “relativo ás fontes” e noutros “o que pertence ás fontes”. Fontán (Fontao na Galicia oriental) vén sendo ‘lugar de fontes e mananciais’. Formouse desde FONTANUS. Fontenla é ‘fonte pequena’, 'manancial'. Non imos agora aquí a ir describindo unha por unha as características ou a calidade das augas das nosas fontes. Citaremos o nome dalgunhas e acougaremos á beira doutras. A Fonte Primeiral, na estrada que vai de Laíño a Rois, é obra recente e converteuse en encrucillada de festas e celebracións. Nas brañas de Bexo, en Anguieiro (Anquieiro na fala nosa) está A Fonte Mineral ou A Fonte do Mineral, nunhas campías preto do río. Pedro Gómez de Bedoya na Historia universal de las fuentes minerales de España do ano 1765 dedica media ducia de páxinas a comentar as propiedades destas augas “cuyo caudal sale a Oriente a borbollones, fría y muy clara, manando la cantidad de agua, que puede hechar una teja, quando llueve bien”. Di que o sabor é astrinxente e que bañando nela unha moeda de prata ponse denegrida. Afirma que contén nitro e vitriolo, que curou dos herpes ó cura de Laíño e que sandou a un impedido que puido abandonar as muletas. Pisamos unha terra inzada de augas soterradas, furada coma unha peneira aquí e acolá polos infinitos borbullóns dos mananciais. Rosalía, que viviu tamén neste país de auga, nun dos seus recontos de ausencias despídese antes que nada dos ríos e das fontes. Era amante delas e hai un poema no que dorme á súa beira. Cecais a espertara na madrugada o ruído cantareiro na canle de pedra do vello torreón dos Hermida para escribir eses versos. Eusebio Lorenzo, no primeiro poema do seu primeiro libro, promete “A eternidade para aquel que xorde en primavera de dentro das fontenlas”.
Aínda que a aldea xa é do concello de Rois, hai casas novas e agros de Formariz que están en Dodro. Procede do nome propio xermánico Fromaricus, composto de FROM/FRUMA, ‘o primeiro’, ‘valente’, e REIKS, ‘poderoso, rico’. Sería por tanto propiedade dalgún nobre importante de época sueva.
Pola Formigueira, que está na braña de Dodro, soñarían nun tempo as verdes formigas. O Formigueiro é un rechán no alto da Chisca, onde están as mámoas, na divisoria dos concellos de Dodro e Rois. O nome, formado a partir do FORMICA latino, debeulle vir de que as había en abundancia. Coñécense doce mil especies delas e está escrito que han de acabar devorando a cidade de Roma.
Procede do latín FURNUS, ‘forno’, construción abovedada de pedra ou tixolo na que se coce o pan. Atanor. De primeiras faise brasa dabondo dentro, con leña de toxo ou de carballo, para que quenza ben, ata que as pedras roxan (Otero Pedrayo comparou con elas as cores do solpor) pero cómpre darlle tempo aínda que viren brancas e chispeen ó riscalas co garabullo ou que fagan estalar as follas do basallo de loureiro. Entón é o intre xusto de introducir a bola ou a empanada, e de pórlle a porta tapándoa con barro, bosta ou coa propia masa. Ende que a fornada está disposta agardamos o milagre do pan, a seiva nutricia coa que nos vimos sustentando desde o Neolítico. Somos homes e mulleres de pan, sanandreses. No Popol Vuh, o libro sagrado dos maias, os deuses creáronnos con pan de millo. Pero volvendo ó que estamos, os nomes que imos ver poden referir a fornos nos que se cocía ou a lugares que polas súas características orográficas (sitios fondos, agachados, resgardados …) os lembraran. Non todas as casas tiñan fornos, por iso os había comunais. Chámalle Aguirre fornelos, “casa onde hai varios fornos para cocer os veciños”. Menos comúns na toponimia son os fornos dos oleiros, os das telleiras ou os das ferrarías. Pola similitude con eles, díselle ás mámoas fornos e fornelas dos mouros, e cocedeiras ás chantas que as forman. O topónimo Tras dos Fornos, ó lado da aldea de Castro, é revelador porque conservamos ademais o nome do camiño que subía desde Sar, A Tafona: casa onde se coce e vende pan, panadería. Hai Os Fornos en Paizal e Os Forniños en Traxeito, en Reboiras e en Teaio. O Forno, Forniños de Riba e Forniños de Baixo son de Bexo. Os Forniños son de Teaio. No Libro do notario Álvaro Pérez, en 1457, lemos dun “forneyro de Terrío”, e debía facer boas coceduras pois aínda queda un arrecendo a pan quente polas ruelas da aldea.
A partir do latín FOVEA, ‘rego’, gabia, burato, no latín tardío FOGIU. Vedro veunos do adxectivo latino VETUS, ‘vello’ (que deu tamén vedraio) e designa así mesmo o monte que se volve a roturar para sementar o cereal. Os foxos eran trampas para lobos, fochancos, covas para atrapar alimarias, aínda que tampouco hai que desbotar outros significados que teñan que ver coa forma cóncava do terreo. Tamén se usaron para coller teixugos. A palabra está moi presente na documentación medieval. En portugués refojo, apelido orixinario desta comarca, é ‘caverna onde se refuxian as feras’. Foxovedro, Foxovedro de Baixo e Foxovedro do Souto ( FOGIU VETERU), fican por Manselle. Eligio Rivas comenta vedro como nome dos montes que se botan a cereal e se deixa que descansen uns anos. Para Joaquin Caridad os topónimos coas formas vedro, vedra non son latinos senón hidronímicos celtas derivados de divindades dese panteón (Virus, Allovira, Virrore…). O Refoxo está en Bexo. De Bustelo son Os Fuxiños e O Foxo da Cabirta, cecais porque se poñía unha na cova para atraer ós lobos, aínda que podería ter que ver con pedras montadas ou cabalgadas. Polo demais cabirta é voz viva hoxe, se ben menos usada que craba ou cabuxa. Falou Castelao do chorar dos cabirtos nas feiras e parece que foi el mesmo quen deseñou a figura “O Cabirto” da Cerámica Celta de Cesures. O Agro dos Foxos é de Imo, e As Brañas de Fexacos (aldea xa de Rianxo que tamén se denomina Foxacos) son de Teaio. Foxos está entre Traxeito e Pexegueiro e A Carballeira de Foxos cara o sur do castro. O petróglifo da Foxa Vella, non lonxe de nós, un dos principais do veciño concello de Rianxo debérase chamar do Foxo Vello, que así o din os veciños.
Fraga é voz que se perdeu na fala como tamén fragueiro e fragoeiro, o que corta madeira no monte e comercia con ela. Usouse entre nós e non a esqueceron os máis vellos. Na maioría dos dicionarios fraga está como bosque de diversas especies arbóreas con matagal e maleza abundantes no que se fai dificultoso avanzar. Do latín FRAGUS, ‘fraga, bosque cheo de maleza’, e máis remotamente de FRANGERE, ‘romper’, crebar, polo accidentado da topografía na que se atopan. Verbo desta última acepción menciona Eladio Rodríguez a voz fragada. En Crespo Pozo fraga está por lugar apenedadado. Para Vicente Feijoo e outros autores ten o significado de 'pedra', no sur de Ourense e norte de Portugal. As nosas Frágadas esdrúxulas, florestas ou pelouros ancestrais, están entre Paizal e Traxeito.
Xulia Marqués en A toponimia de Trabada cita Franxeira, e di que é vocábulo alleo, de orixe escura. Apunta dúas posibles: franxa, do francés “frange” (cabeceira, lindeiro…) ou de FRANGERE, ‘partir, quebrar’. Serían terras partidas, divididas. O Franxiño, para alá do río de Pexegueiro, pode que tamén teña esa procedencia ou que estea relacionado con freixo (na documentación medieval anótase a árbore como fraxinario, fraxino…).
Na braña de Dodro, á beira do río, está O Freixo e en Teaio, O Muíño do Freixo. A palabra chegounos desde o latín FRAXINUS, presente no seu nome científico, Fraxinus excelsior. Quedan aínda no concello fermosos exemplares de freixos á beira dos regueiros. É moi prezado en ebanistería porque permite unha talla moi fina e a súa madeira usouse tradicionalmente para facer os eixos cantareiros dos carros. Cóntannos en Bustelo que desde a aldea se escoitaban cantar os carros do Araño, a seis kilómetros de distancia. Rosalía escoitaba o “chirrar dos carros da Ponte” desde o seu refuxio de Lestrobe. Nas Eddas nórdicas o freixo Ygdrasil, a árbore da vida, é o eixe arredor do que xira mundo. Tamén dixo que o escoitara xirar, coma o dos nosos carros, o explorador Olav Bjaaland cando chegou con Amudsen ó Polo Sur.
Froxe é de Castro e seguramente está vencellado co nome xermánico FRAUJA, 'señor', 'dono', persoa que manda, a partir do que se forma Forxán.
Fiunchal e funchal son leiras de fiúncho (Foeniculum vulgare), unha planta olorosa moi coñecida porque se utiliza tradicionalmente para condimentar as castañas cocidas. A asociación non é causal, pois ten propiedades carminativas para aliviar os gases, e as sementes empréganse na elaboración de alcohois anisados. En grego fiúncho é maratón. O campo onde se celebrou a famosa batalla entre gregos e persas que lle daría nome despois á carreira olímpica era polo tanto “un campo de fiunchos”, un Funchal coma o noso, que está do lado de baixo de Eiró, onde hai tamén O Funchaliño. Quizais Fiúns abaixo de Dodro sexan predios con fiunchos, ou quizais non.
Fonte: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Manuel Lorenzo Baleirón