Outeiro é unha pequena elevación do terreo, unha lomba ou unha pena, rocha grande que sobresae nunha zona rechán ou no alto dun monte. Chéganos desde o latín ALTARIUS, a partir de ALTUS, ‘alto’, e está moi presente na toponimia. A Revoltiña do Outeiro e O Outeiro están en Imo; Os Outeiros, Os Outeiros de Pinas, O Outeiro Merendeiro (do lat. MERENDA) e O Outeiro de Isón (para E. Rivas Iso, Isorna, Ézaro… orixínanse desde a partícula hidronímica IS, que lembra co seu son o correr das augas) están na aldea de Bexo. Os Outeiros do Castro son desta aldea. Soouteiro, O Portelo do Outeiro e A Arregañada do Outeiro son de Teaio. O Outeiro de Parente (se o significado é o que parece, directamente desde o latín, 'pertencente á familia') está en Manselle, O Sisto dos Outeiros, en Pexegueiro; A Revolta dos Outeiros, en Paizal e O Outeiro dos Corvos, en Lestrobe. Os Outeiros do Aire están arriba de Sar; O Outeiriño arriba de Eiró; O Agro dos Outeiros, no monte de Tarrío; O Outeiro e O Alargo do Outeiro, en Reboiras; O Outeiro en Revixós; Suouteiros, O Outeiro da Casota, que podería indicar un xacemento megalítico, amais Os Outeiros do Tren (pedras con trazos que semellaban as vías), en Bustelo do Monte.